venres, 8 de decembro de 2017

Carrot Cake

Por fin, despois de moitos intentos buscando unha receita de Carrot Cake (Biscoito de Cenoria) que me gustase, acabo de atopar unha que pode ser a definitiva, aínda que a tarefa non foi fácil. Unhas porque eran demasiado doces, outras demasiado densas, outras demasiado graxentas, etc. Esta, con todo, ten o punto xusto de dozura, de textura e de humidade que o fan sinxelamente delicioso: Carrot Cake.

Está sacado do libro Bake It Simple (Planeta Gastro, 2016), do chef catalán Oriol Balaguer.

De todos os xeitos, tiven que modificar a receita tanto en cantidades como, sobre todo, en tempo de forno, para conseguir un bo resultado.

Carrot Cake

INGREDIENTES:
- 3 ovos
- 120 g de azucre
- 120 g de panela (azucre muscovado)
- 30 g de mel
- 180 g de manteiga
- 200 g de fariña
- 15 g de impulsor (fermento)
- 75 g de abelás en po
- 1 g de sal
- 1,2 g de canela en po (unha culleradiña)
- 1 laranxa (reladura)
- 165 g de cenoria crúa relada
- 105 g de puré de cenoria
- 60 g de cenoria confitada (para decorar)(opcional)

PREPARACIÓN:
1- O primeiro que debemos facer é preparar o puré de cenoria. Para iso pesamos uns 150 g de cenoria, pelámolas, troceámolas e pómolas a cocer en auga ata que estean moi brandas. Unha vez cocidas escorrémolas ben, deixamos que se arrefríen e triturámolas co batedor ata facer un puré fino, sen grumos. Deste puré utilizaremos 105 gramos máis adiante.

2- Pesamos os 180 gramos de manteiga e os derretemos, ben no microondas, ben nun cazo a lume suave. Reservamos.

3- Relamos a cenoria crúa con axuda dun relador fino e reservamos.

4- Trituramos as abelás ata reducilas a un po o máis fino posible. Reservamos.

4- Nun bol mesturamos os ingredientes secos: fariña, abelás pulverizadas, fermento, canela, sal.

5- Nun bol amplo, pomos os azucres (branco, panela e mel) xunto cos ovos, e batemos durante uns minutos ata obter unha mestura esponxosa.

6- Engadimos a manteiga derretida e a reladura de laranxa e mesturamos.

7- Imos incorporando a mestura de fariña e mesturando ata obter unha masa homoxénea.

8- Finalmente engádese o puré de cenoria e a cenoria relada. Vólvese a meclar todo ben, esta vez con axuda dunha espátula, e envórcase no molde tipo cake preparado con manteiga e fariña.

9- Métese en forno xa quente a 170ºC durante 1 hora. A primeira media hora con calor arriba e abaixo, e a segunda media hora con calor só por abaixo. Comprobar cun escarvadentes que está ben cocido antes de sacar do forno.

PUNTUALIZACIÓNS:
- Á hora de montar os ovos co azucre, é conveniente que estes estean a temperatura ambiente, porque así montarán moito mellor.

- Para relar a cenoria, eu utilizo un relador tipo cencerro; e das catro caras, uso a que fai as tiras máis finas.

- Aínda que panela e azucre muscovado (ou mascabado) non son exactmente o mesmo, neste tipo de receitas se puden substituír a unha polo outro e viceversa. Se non se atopan ningunha das dúas opcións, poderíase susituir por azucre moreno, aínda que o resultado non terá nada que ver.

- A cantidade de canela, obviamente vai ao gusto. Ademais se puden utilizar outras especies como cravo, noz moscada, pementa de Xamaica ou outras do noso gusto. Eu, para ser fiel á receita orixinal, utilizo só canela.

- É importante non exceder as 3/4 partes do molde ao botar a masa, posto que esta subirá durante a cocción e poderíase saír do molde.

- Oriol Balaguer recomenda esperar unha hora coa masa xa no molde antes de meter no forno. Eu fíxeno esperando e sen esperar, e non atopei ningunha diferenza.

mércores, 1 de febreiro de 2017

Pan de centeo "New York Deli Rye" (Thermomix)

Hoxe volvo publicar despois de moito (demasiado) tempo de inactividade blogueira, demasiado tempo sen pulsar o botón de publicar, un tempo no que seguín cociñando, probando novas receitas, seleccionado algunhas delas, e agora toca empezar a polas por aquí outra vez.

E para este regreso escollín unha receita de pan que nos encanta: Pan de centeo "New York Deli Rye".



Esta receita está sacada do blog do Amasadero, onde á parte desta, hai multitude de receitas panarras moi interesantes e para todos os gustos.

De todos os xeitos, é un pan tan popular que pondo en calquera buscador as palabras "New York Deli Rye Bread" aparecerán unhas cantas páxinas coa receita deste pan.

Este pan, tamén coñecido New York Jewish Rye Bread, é moi típico de Nova York, e máis concretamente da comunidade xudía desta cidade.

INGREDIENTES:
- 235 ml de auga morna
- 125 g de fariña de centeo integral
- 20 g de azucre
- 9 g de fermento fresco de panadaría (ou 3 g de fermento seco de panadaría)
- 125 g de iogur natural (1 iogur)
- 8 g de sal
- 275 g de fariña panadeira (media forza)
- 10 g de sementes de carvea (opcional)

PREPARACIÓN:
1- Mestúranse a fariña de centeo, o azucre, o fermento e a auga, e déixase repousar a mestura durante 20 minutos.

2- Engádese o iogur, o sal, a fariña panadeira e, se é o caso, as sementes de carvea. Programar 6 minutos espiga. Déixase levedar entre 60 e 90 minutos dentro do vaso.

3- Vértese sobre a encimeira lixeiramente enfariñada e desgásase coas mans.

4- Dáse forma de fogaza e envórcase sobre un banneton alongado xenerosamente enfariñado. Déixase repousar durante outros 60 a 90 minutos (dependendo da temperatura da cociña).



5- Prequéntase o forno a 220ºC.

6- Envórcase con delicadeza o pan sobre a bandexa de forno (pódese pór un papel de forno), fanse uns cortes profundos con axuda dunha coitela, e métese no forno. Báixase a temperatura a 180ºC e cócese durante uns 45 minutos (os primeiros 10 minutos coa función vapor) ou ata que se vexa que está ben cocido.

7- Sácase do forno e déixase arrefriar sobre unha reixa.


PUNTUALIZACIÓNS:
- Por suposto pódese facer sen Thermomix. Só hai que mesturar os ingredientes do primeiro paso nun bol, e logo facer o amasado do paso 2 a man durante uns 10 minutos. É algo máis traballoso pero pódese facer sen problema.

- Aínda que a masa sexa algo pegañenta, non se debe engadir máis fariña, porque o resultado sería un pan moito máis seco.

- En lugar de fariña panadeira (ou panificable segundo a zona) poderíase usar fariña de forza, aínda que o resultado non sería o mesmo. A fariña panadeira dá como resutado uns pans máis saborosos e coa codia máis crocante. Ademais, ao usar fariña de forza habería que aumentar un pouco a cantidade de auga da receita. A fariña de forza úsase sobre todo en masas doces, ou con alto contido en graxas ou ovo.

- O banneton pódese cubrir cun pano enfariñado antes de botar a masa, porque ao ser unha masa algo pegañenta, o pano axudará a desmoldear sobre a bandexa de forno sen que rompa.

- Por suposto, se non se ten un banneton a man, pódese prescindir del. Simplemente dáse forma de fogaza e déixase levedar por segunda vez directamente sobre a bandexa de forno.

- Se o voso forno non ten a función vapor, pódese pulverizar un pouco de auga dentro pechando a porta inmediatamente. Isto fará que a faragulla sexa máis esponxosa e a codia máis crocante.

- As sementes de carvea (Carum carvi), tan habituais na cociña xudía, pódense triturar previamente se non se queren atopar enteiras ao comer o pan.



Lembra: "Non necesitas ser xudeu para gozar do auténtico Jewish Deli Rye Bread".

xoves, 26 de novembro de 2015

Bacallau "à Gomes de Sá"

Non vou descubrir hoxe que Portugal é un paraíso para os amantes do bacallau. Disque teñen tantas receitas diferentes como para poder comer bacallau durante un ano sen repetir receita. E das moitas e riquísimas receitas que teñen, hai unha que me gusta especialmente, e esa é a que traio hoxe: Bacallau "à Gomes de Sá".

Este prato recibe o seu nome de Jose Luís Gomes de Sá Junior. O seu pai, concelleiro e ademais director do Banco de Comercio e Industria, onde realmente gañaba diñeiro era co comercio do bacallau. Gomes de Sá preparaba moi a miúdo uns bolinhos de bacallau para compartir cos seus amigos. Pero un día, farto de preparar sempre o mesmo prato, decidiu preparar outro prato diferente usando os mesmos ingredientes, e nese momento naceu esta receita, sen imaxinar a fama que despois alcanzaría. Unha vez morto o seu pai, Gomes de Sá herdou o almacén de bacallau, pero non así os dotes para os negocios. Despois dun episodio de lume no almacén (con acusación de incendio cara ao propio Gomes de Sá), este tivo que pechar o negocio e vender a súa xa famosa receita como remedio aos seus problemas económicos. Dise que foi o seu amigo João, propietario do desaparecido Restaurante Lisbonense de Porto, quen lla comprou por 50.000 reais da época, "para satisfacer os padais dos seus clientes máis esixentes". Jose Luís escribiulla nun papel e entregoulla ante a promesa de que non cambiase nin un só dos ingredientes. Parece ser que esta receita é igual á creada por Jose Luís Gomes de Sá, excepto polo leite.

Placa colocada na casa natal de Jose Luís Gomes de Sá, no número 114 da Rua de Cima do Muro (O Porto), máis coñecida como "dos Bacalhoeiros".

Bacallau "à Gomes de Sá"

INGREDIENTES (para 4 persoas):
- 800 g (peso sen desalar) de lombos de bacallau
- 800 g de patacas
- Un vaso (1,5 dl) de aceite de oliva virxe extra
- 4 ou 5 dl de leite
- 4 cebolas medianas
- 4 ovos
- 2 dentes de allo
- Perexil fresco
- Sal
- Un gran de pementa branca
- Olivas negras

PREPARACIÓN:
1- O primeiro é pór o bacallau a remollo nun sitio fresco durante un par de días, cambiando a auga con asiduidade (3 ou 4 veces ao día).

2- Ponse ao lume unha pota con auga. Unha vez a auga rompe a ferver, engádense os lombos de bacallau e báixase o lume. Déixase facer durante 15 minutos, tendo coidado de que non ferva. Pasado este tempo, sácanse os lombos da auga e déixase amornar un pouco.

3- Unha vez tépedo, límpanse os lombos de pel e de espiñas. Con coidado, desfanse os lombos deixando que se separen anacos non moi finos de capas da súa carne. Estes anacos vanse botando nun bol fondo e engádese o leite ata que cubra por completo ao bacallau. Déixase repousar así durante unha hora polo menos.

4- Entre tanto, lávanse ben as patacas e ponse a cocer enteiras coa pel. Unha vez cocidas, pélanse e córtanse en rodas de 1 a 2 cm de grosor.

5- A continuación cócense os ovos e resérvanse.

6- Nunha tixola, co aceite de oliva, dóurase a cebola cortada en xuliana xunto cos allos e o gran de pementa branca. Unha vez dourada (ollo que non se queime) retírase do lume.

7- Nunha fonte de forno bótase primeiro toda a cebola cun pouquiño do aceite no que se fritiu (todo non, porque sería excesivo), colócase encima o bacallau ben escurrido do leite, unha capa de pataca cocida que cubra toda a fonte. Métese a fonte no forno, a lume medio forte, durante uns 10 minutos.

8- Mentres está no forno, pélanse os ovos cocidos e córtanse en rodas ou en cuartos.

9- Unha vez fose do forno, colócanse os ovos encima da cama de patacas, xunto coas olivas negras. Bótase perexil fresco ben picado por riba. Servir "bem quente, muito quente", segundo palabras de Gomes de Sá.

PUNTUALIZACIÓNS:
- O tempo de remollo do bacallau dependerá do grosor dos lombos. A máis grosor, máis tempo.

- Para este prato é conveniente usar os lombos altos e non as colas do bacallau, posto que nos sairán anacos de carne máis grandes.

- Vale calquera fonte que resista a calor do forno, aínda que queda moito mellor presentado nunha tradicional fonte de barro.

Un prato ben sinxelo de preparar e máis sinxelo para comer, posto que ao non levar nin peles nin espiñas, non hai que preocuparse de separalas, só para comer e gozar.

martes, 25 de agosto de 2015

Quinoa con verduras ecolóxicas

Este é un dos pratos máis sinxelos e, á vez, máis saborosos e nutritivos que se poden facer na casa: quinoa con verduras ecolóxicas.

A verdade é que esta é unha receita de aproveitamento, xa que se pode facer con calquera verdura que se teña por casa, e o mellor é que estas verduras sexan caseiras ou ecolóxicas, para asegurarnos de que están cheas de sabor e tamén libres de pesticidas de síntese.

Aquí en Galicia é o CRAEGA (Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia) o órgano encargado de certificar os produtos ecolóxicos que se producen na nosa comunidade. Por suposto, non me refiro só a verduras e hortalizas, senón tamén a carne (tenreira, pito) e outros produtos como o mel, o viño, etc.
Da receita que traio hoxe, o único produto que o CRAEGA non podería certificar é, obviamente, a quinoa.

A quinoa (Chenopodium quinoa) é un pseudocereal procedente dos países andinos de Sudamérica, principalmente Bolivia, Perú e Chile, e que ten innumerables propiedades beneficiosas para o organismo. Pódese comer de moitas maneiras: en sopas, en ensaladas, en tortas salgadas (Pastel de quinoa e fiúncho) ou, como neste caso, acompañada dunhas verduras.

Quinoa con verduras ecolóxicas

INGREDIENTES (para 2 persoas):
- 1 vaso de quinoa
- 2 vasos de caldo de verduras
- 1 dente de allo
- 1 cebola
- 2 cenorias
- 1 pemento verde
- 1 pemento vermello
- 1 cabaciña
- 3 tomates
- Aceite
- Sal

PREPARACIÓN:
1- Nunha pota ponse a quentar aceite de oliva a lume lento. Pícase o dente de allo e engádese á pota. A continuación faise o mesmo coa cebola. Pásase ben ata que a cebola estea transparente.

2- A continuación vanse botando o resto das verduras tamén picadas, en orde de máis dura a máis tenra: cenoria, pementos e cabaciña. Engádese sal e déixase facer.

3- Por último, córtanse os tomates pola metade, quítanselles as sementes e rélanse con axuda dun relador. Engádense ás verduras e déixase cociñar todo a lume lento ata que se vexa que están feitas.

4- Mentres se van facendo as verduras, bótase a quinoa nun coador e lávase ben debaixo do chorro de auga fría e déixase escorrer. Cando á verdura lle queden uns 15 ou 20 minutos, bótase a quinoa nunha pota pequena xunto co dobre de caldo. Cócese ata que absorba todo o caldo, pero con coidado de que non se queime.

5- Sérvese a quinoa no prato xunto coas verduras, ou ben se bota a quinoa na pota das verduras e remóvese todo ben antes de servir.

PUNTUALIZACIÓNS:
- Pódese empregar tamén caldo de pito ou mesmo de xamón, pero se se quere que sexa un prato estritamente vexetariano, o mellor é usar caldo de verduras. Outra alternativa, se non se quere usar caldo, é usar simplemente auga.

- Pódense usar todas as verduras que se queiran, por iso é unha receita ideal para aproveitar todas as verduras que teñamos pola neveira.

- En lugar de relar o tomate tamén se pode pelar para logo picar fino co coitelo, tipo concassé, pero o relador é moito máis rápido e cómodo.

- O caldo de verduras pódese facer na casa. Eu normalmente cómproo xa feito.

- É necesario lavar ben a quinoa para eliminar a saponina que recubre e protexe as sementes. Se non se fai isto, quedará un sabor amargo que nos estragará o prato.

Saúde!! (e esta vez nunca mellor dito...)

luns, 13 de xullo de 2015

Bundt cake de quefir

Os Bundt cake (/bʌnt/) son uns biscoitos en forma de anel, que reciben ese nome por estar cociñados nun molde chamado Bundt pan. Estes moldes fixéronse moi populares en Estados Unidos cando a marca Nordic Ware patentounos a mediados do século pasado.

Existen infinidade de receitas diferentes para facer neste molde, só fai falta dar unha volta por Internet para atopar blogs dedicados case en exclusiva a este biscoito, como o caso de I Love Bundt Cakes, onde hai unha chea de receitas diferentes de Bundt Cake, Angel Food Cake, etc.

A miña contribución ao mundo Bundt cake é este que traio hoxe: Bundt cake de quefir.

O uso de quefir como ingrediente na masa de biscoito non é nada novo. Xa puxen algunha receita máis no blog con este ingrediente (Cake de laranxa e quefir), e pola rede tamén hai multitude de receitas con quefir. Eu adoito tomar quefir a diario e é un ingrediente que me parece moi interesante para ser usado en repostaría.

Bundt cake de quefir

INGREDIENTES:
- 200 g de manteiga
- 500 g de azucre
- 6 ovos grandes
- 375 g de fariña
- 1/2 culleradiña de fermento sen aluminio
- 1/4 de culleradiña de bicarbonato
- 1/2 culleradiña de sal
- 1 culleradiña de extracto de vainilla
- 230 g de quefir
- Azucre glas para botar por riba

PREPARACIÓN:
1- Nun bol mestúranse a fariña, o fermento, o bicarbonato e o sal.

2- Noutro bol, amplo, bótase a manteiga en pomada xunto co azucre. Bátese ben con varillas ata que resulte unha mestura lixeira. Vanse botando os ovos, un a un, sen deixar de bater. Non se botará outro ovo ata que o anterior estea totalmente integrado na masa. Engádese a vainilla e mestúrase un pouquiño máis.

3- Bótase a mestura de fariña no bol da manteiga e bátese con coidado até conseguir unha mestura homoxénea.

4- Por último, engádese o quefir e vólvese a mesturar todo.

5- Vértese a masa nun molde de Bundt cake previamente engraxado e enfariñado, e métese no forno quente a 170ºC durante unha hora aproximadamente ou ata que se vexa que está feito.

6- Unha vez fóra do forno, espérase a que arrefríe uns 10 minutos e desmoldéase do revés para que quede coa forma bonita cara arriba, e con coidado de non rompelo.

7- Unha vez estea completamente frío, bótaselle azucre glas por riba.

PUNTUALIZACIÓNS.
- Aínda que con estas cantidades sae un biscoito bastante grande, non hai problema de que se seque porque o quefir axuda a que se conserve fresco durante máis tempo. Iso si, é conveniente tapalo de todos os xeitos, sobre todo no verán, para que aguante máis.

- O quefir que eu uso é o que eu fago na casa, pero vale calquera quefir comprado. Nunca fixen a receita con iogur, aínda que supoño que, sen ser o mesmo resultado, tampouco quedará mal.

- Se tamén usades quefir caseiro, esta receita vai xenial para aproveitar o quefir que se aceda demasiado e que, por este motivo, faise difícil de beber.

Un biscoito ideal para o almorzo, para a sobremesa, para acompañar dun bo café, ou simplemente para comer só.

xoves, 9 de abril de 2015

Biscoito de plátano e chocolate

A combinación de plátano e chocolate é unha combinación curiosa que non convence a todo o mundo, o que se debe normalmente a que non a todo o mundo lle gusta o sabor do plátano. Este biscoito é para os que si lles gustan os doces con sabor a plátano (e o chocolate, claro): biscoito de plátano e chocolate.

Pode parecer un biscoito denso e pesado, eu mesmo pensaba iso a primeira vez que o fixen, pero nada máis lonxe da realidade. O resultado é un biscoito esponxoso, lixeiro, cun marcado sabor a plátano e co chocolate como complemento perfecto.

A receita está sacada do meu libro de repostaría de cabeceira: Repostería y Pastelería (Espasa Calpe, 1991) de Isabel Maestre, e do que xa publiquei varias receitas neste blog.

Biscoito de plátano e chocolate

INGREDIENTES:
- 225 g de plátanos maduros (peso xa sen casca)
- 65 g de quefir
- 3 ovos
- Reladura dun limón
- Unhas pingas de extracto de vainilla
- 200 g de fariña
- 175 g de azucre
- 1 culleradiña de bicarbonato sódico
- 1 culleradiña de fermento sen aluminio
- Un chisco de sal
- 150 g de manteiga derretida e fría
- 50 g de pingas de chocolate negro.

PREPARACIÓN:
1- Prequentar o forno a 180ºC.

2- Nun prato, triturar o plátano cun garfo até obter unha pasta. Engadir o quefir e mesturar ben. Reservar.

3- Nun bol, mesturar os ingredientes secos, é dicir, a fariña, o azucre, a reladura de limón, o fermento, o bicarbonato e o sal. Mesturar ben. Engadir a manteiga, os ovos batidos, a vainilla e a metade da mestura de plátanos e quefir. Bater ben até obter unha mestura homoxénea. Engadir a mestura de plátano restante e bater durante un minuto máis.

4- Por último, engadir as pingas de chocolate negro e mesturar ben.

5- Bótase nun molde tipo cake preparado para enfornar e métese no forno durante uns 40 ou 45 minutos. Picar cun escarvadentes no centro antes de sacar para comprobar a cocción. O escarvadentes deberá saír sen restos de masa pegados.

6- Sacar do forno, deixar arrefriar uns minutos e desmoldear sobre unha reixa ata que arrefríe de todo.

PUNTUALIZACIÓNS:
- A receita orixinal leva un baño de chocolate e sour cream (nata agre) que eu substituín polas pingas de chocolate negro no interior do biscoito. Se se quere optar polo baño de chocolate, este farase con 350 gramos de chocolate negro e 4 dl de sour cream (ou de nata cunhas pingas de limón). Derrétese o chocolate no microondas ou ao baño maría, e fóra do lume engádese o sour cream. Reméxese ben e bótase por encima do biscoito.

- Tamén na receita orixinal aparece 50 ml de sour cream (ou nata cunhas pingas de limón) que eu substituín polos 65 gramos de quefir que aparecen nos ingredientes. O quefir é moito máis fácil de atopar en España. De todos os xeitos, sempre nos queda a opción da nata cunhas pingas de limón, que son dous ingredientes que sempre están a man.

- A cantidade de chocolate negro vai ao gusto. Eu puxen 50 gramos, pero pódese botar até 100 gramos sen ningún problema.

- En lugar de comprar as pingas de chocolate que se venden xa "feitas", outra opción é cortar cun coitelo 50 gramos de chocolate en anaquiños pequenos e engadilos á masa do biscoito.

Unha receita perfecta para aproveitar eses plátanos que maduraron demasiado e que xa non apetece demasiado comer, ou unha desculpa perfecta para deixar madurar os plátanos que están no froiteiro... ;)

xoves, 12 de febreiro de 2015

Leite de soia (Thermomix)

A receita de hoxe é unha desas receitas consideradas como "básicas", porque non se trata dun prato ou dunha sobremesa, senón da preparación da bebida de soia, un "leite" vexetal de consumo cada vez máis estendido.

Aínda que o termo "leite de soia" non é o máis adecuado para esta bebida, é como se lle coñece comunmente, e é por este motivo polo que eu me refiro a ela. Leite é un termo que só se pode aplicar a bebidas de orixe animal, e ese é o motivo polo que non aparece a palabra "leite" en ningún envase de bebida de soia comercializado en España.

O ingrediente principal do leite de soia son as fabas de soia, brancas ou amarelas. Neste caso a soia verde NON valería. Atópase facilmente en calquera supermercado ben fornecido, tendas de alimentación ecolóxica, ou en tendas on-line. Eu comprei a miña en Rincón del Segura. Fixen un pedido de 10 kg (peso mínimo do pedido) que envasei ao baleiro para que se conserve perfectamente.

A principal vantaxe de facer leite de soia na casa con respecto á mercada é, sen dúbida, o prezo. Considerando que un litro de leite de soia envasada (falando sempre de soia ecolóxica) oscila entre 1,50€a 2€ (sempre dependendo da marca e da tenda ou supermercado onde se compre), e que un litro de leite de soia elaborada en casa pode roldar os 0,20€, que cada cal saque as súas propias conclusións.

Outra vantaxe é que podemos aproveitar a okara, que é o subproducto resultante despois de terminar o proceso de elaboración do leite de soia, para preparar outras elaboracións, como biscoitos, brownies, panciños, galletas, croquetas, hamburguesas, etc. A rede está infestada de receitas con okara, e máis adiante eu tamén porei algunha por aquí.

O principal inconveniente, e falo desde a miña propia experiencia, é que só se pode elaborar nos meses fríos, porque cando a tentei facer nos meses máis calorosos, sempre se me cortou, é dicir, ao cabo de poucas horas sepárase a parte sólida da parte líquida, e xa non serve para ser consumida.

Leite de soia

INGREDIENTES (para 750 ml aprox.):
- 50 g de fabas de soia branca ou amarela
- 800 ml de auga

PREPARACIÓN:
1- Pór a remollo as fabas de soia durante unhas 8 horas.

2- Pasar as fabas por un coador e sacar toda a cascarilla que sexa posible apertando lixeiramente as fabas de soia.

3- Unha vez descascarillada a soia, lávase ben no mesmo coador baixo un chorro de auga fría e bótase no vaso da Thermomix. Engádense 200 ml de auga e tritúrase a velocidade progresiva 5-7-9 durante uns 30 segundos.

4- Engádense outros 600 ml de auga ao vaso e prográmanse 20 minutos, 90 graos, velocidade 4.

5- Cando falten uns 30 segundos para terminar, pódese ir aumentando a velocidade até chegar a 10 para tentar sacar a maior cantidade de licuado posible.

6- Ao terminar fíltrase a través dun coador de tea e déixase escorrer ben ata que xa non pingue nada. Déixase arrefriar de todo e gárdase na neveira. A polpa que queda no colador de tea pódese gardar tamén tapada na neveira para ser utilizada noutra receita.

PUNTUALIZACIÓNS:
- Esta cantidade de leite de soia dá para tres cuncas, ou o que é o mesmo, para tres almorzos. Deste xeito, se se quere tomar leite de soia cada día, hai que facer unha nova remesa cada tres días. Isto non é ningún inconveniente, posto que este leite non aguanta máis de 3 ou 4 días en perfecto estado.

- É conveniente sacar a maior cantidade de cascarilla de fabas de soia posible porque esa cascarilla podería achegar sabores indesexados ao leite resultante.

- Tamén se pode engadir un chisco de sal, aínda que non é necesario.

- Así mesmo, tamén se poden engadir aromas como unhas pingas de extracto de vainilla, ou canela.

- É conveniente evitar botar azucre durante o proceso de elaboración, porque o azucre axuda a que a leite se corte con máis facilidade. Se se quere adozar, é mellor facelo unha vez a vaiamos a beber.

- Pódese empregar calquera tipo de auga, non ten porque ser necesariamente auga mineral. Se a auga da billa é boa, pódese utilizar sen problema. Eu, persoalmente, uso a auga da billa filtrada a través da xerra Brita.

- Tamén se pode facer o leite de soia sen Thermomix, aínda que hai que recoñecer que, neste caso, este cacharro facilita moito as cousas. Hai cantidade de páxinas por Internet que din como preparala sen Thermomix.

E unha última cousa: para aqueles que se pregunten se é mellor o leite de vaca ou a bebida de soia, aquí poño unha ligazón a un interesante artigo de El nutricionista de la general, Juan Revenga, sobre Bebidas que no son la leche.

venres, 2 de xaneiro de 2015

Cebiche de lagostinos e manga

Esta receita adóitoa preparar habitualmente por estas festas do Nadal, aínda que a fun variando desde a orixinal até dar con esta que, creo, é a versión definitiva.

A receita está sacada do libro de Eva Celada Los secretos de la cocina con cerveza (Belacqva, 2008), onde aparece con nome Tosta de cebiche de gambas e manga á cervexa ao estilo Barbacán, aínda que non teño nin idea de que é o estilo Barbacán, e por iso non aparece no título desta entrada.

O cebiche, ceviche, sebiche ou seviche (a RAE admite as catro formas) é un prato que consiste en peixe, marisco, ou ambos, mariñados no zume dalgún cítrico, normalmente zume de lima. Isto non quere dicir que o peixe ou o marisco estea cru, senón que está "cociñado" polos ácidos que conteñen os cítricos. Aínda que é orixinario de Latinoamérica (probablemente Perú), hoxe en día é un prato moi estendido por todo o mundo.

Nesta versión, substituín a tosta de pan da receita orixinal por unha tortilla de trigo, ao estilo das que se usan en México para comer as fajitas, burritos, tacos, etc, lixeiramente tostada no forno. As tortillas de millo tamén poderían servir, aínda que o seu sabor máis intenso contrarrestaría demasiado o sabor do cebiche.

Cebiche de lagostinos e manga

INGREDIENTES (para unhas 6 tortillas):
- 6 tortillas mexicanas de trigo
- 1/2 kg de lagostinos ou gambas
- 1 cebola morada pequena
- 2 tomates ben maduros, aínda que firmes
- 1 manga non moi madura
- 2 limas
- Ourego
- Aceite de oliva virxe extra
- 1 folla de loureiro
- Sal
- Coriandro picado

PREPARACIÓN:
1- Escáldanse os lagostinos en auga fervendo durante 1 minuto ou ata que cambien de cor. Sácanse e métense nun recipiente con auga fría para que non cozan máis. Escórrense ben e pícanse finos.

2- Pór nun bol os lagostinos torados co zume das dúas limas, sal, ourego ao gusto e un chorriño de aceite de oliva. Mestúrase ben e déixase repousar 5 minutos na neveira.

3- Mentres tanto, córtanse os tomates pola metade, quítanselles as sementes, e pícanse en anacos máis ben pequenos.

4- Pícase a cebola morada (que non se debe lavar para que non perda o seu sabor) tamén en anacos pequenos.

5- Sácase o óso á manga e pícase tamén en dados pequenos.

6- Engádense os tomates, a cebola, a manga e a folla de loureiro. Vólvese a mesturar todo ben e métese na neveira durante 30 minutos ben tapado cun film de cociña.

7- Pouco antes de servir métense as tortillas de trigo no forno, a 180ºC, durante un par de minutos ou ata que se vexan lixeiramente tostadas e crocantes. Sácanse as tortillas do forno, déixanse arrefriar un pouco, e colócanse unhas culleradas de cebiche sobre cada unha delas.

8- Sérvense cun pouco de reladura de lima por encima e coriandro picado ao gusto. Cómese coas mans.

PUNTUALIZACIÓNS:
- Aínda que a receita orixinal leva cervexa con limón (Shandy), eu non adoito pórlle.

- Cando falamos de coriandro (cilantro ou culantro) referímonos ás follas, non ás sementes, que teñen un sabor e unha textura totalmente diferentes.

- Tamén se poden engadir uns chiles picados (e sen sementes) xunto coas outras verduras. Estes achegarán un toque picante ao prato, aínda que convén non pasarse. Eu non puxen.

- Se non se atopa cebola morada pódese usar a branca, aínda que a morada adoita ser máis suave e achega máis cor ao prato.

- Como xa dixen antes, pódense substituír as tortillas de trigo polas de millo, pero tamén por unhas tostas ben finas de pan lixeiramente torrado, ou mesmo se pode servir no prato directamente para comer con garfo. Eu comprei as miñas no súper, aínda que igual a próxima vez anímome a facelas coa Thermomix: Tortitas de trigo para burritos mexicanos.

- Pódense usar tanto gambas, máis pequenas e cunha carne máis zumenta, ou lagostinos. Eu optei polos lagostinos.

- Non convén cocer demasiado os lagostinos ao principio, posto que acabarán de "cociñarse" mentres maceran co resto de ingredientes.

- Normalmente este prato sérvese como entrante, e pode (debe) prepararse con antelación. Mesmo ao día seguinte segue estando bo.

- A cantidade de tortillas que se poden servir dependerá, obviamente, da cantidade de cebiche que poñamos encima. A min deume para 6 tortillas bastante recheas, aínda que se podería estirar até 7 ou 8 sen problema.

Un prato que, sen dúbida, porá un toque de cor (e de sabor) na mesa.

mércores, 22 de outubro de 2014

Crema de cabaza con leite de coco

Hoxe a cousa vai de receita sinxela onde as haxa, pero todo un excelente primeiro prato: Crema de cabaza con leite de coco.

A receita está sacada do libro Cocina, disfruta, vive (La esfera de los libros, 2013), do tristemente desaparecido Darío Barrio.

Crema de cabaza con leite de coco

INGREDIENTES(4 persoas):
- 1 cebola
- 1 dente de allo
- 500 g de cabaza pelada crúa
- 30 ml de aceite de oliva virxe extra
- 1 pataca
- 40 ml de viño branco
- 3 ou 4 vainas de cardamomo
- 400 ml de caldo de pito ou verdura
- 400 ml de leite de coco (unha lata)
- Sal
- Ceboliño fresco picado para decorar

PREPARACIÓN:
1- Nunha pota póchase o dente de allo picado e a cebola, con coidado de que non se queimen.

2- Cando a cebola estea transparente engádese a pataca e a cabaza cortadas en dados, xunto coas sementes das vainas de cardamomo (as vainas exteriores refúganse).

3- Refógase uns minutos dándolle voltas cunha culler de madeira. Engádese o viño branco, o caldo e o leite de coco, e déixase cocer durante uns 30 minutos.

4- Unha vez cocida a crema, tritúrase cun batedor ata que quede unha crema fina e sen grumos.

5- Engádese sal ao gusto e sérvese quente.

PUNTUALIZACIÓNS:
- A receita orixinal leva 800 ml de caldo de pito en lugar dos 400 que eu poño. Con esa cantidade de caldo sairá unha crema menos espesa e con menos sabor a coco.

- A receita orixinal tamén engade coriandro fresco picado para decorar, aínda que eu prefiro o ceboliño para este tipo de cremas.

- O leite de coco que eu uso é leite parcialmente descremado, pero pódese usar calquera tipo de leite de coco.

- Tamén se pode substituír o aceite de oliva polo aceite de coco, un aceite de excelentes propiedades para a saúde e que pouco ten que envexar ao noso AOVE.

- Pódese completar esta receita cuns lagostinos cocidos, co que obteremos un prato máis completo co que sorprender na mesa.

So simple, so good!!

mércores, 25 de xuño de 2014

Cake de laranxa e quefir

Hai pouco regaláronme o libro de cociña Cake, de Rachel Allen (Collins, 2012), e botando un ollo ás súas moitas receitas interesantes, atopei esta que me chamou bastante a atención: Orange sour-cream cake.

Trátase dun sinxelo biscoito de laranxa con cobertura de marmelada de laranxa, a cal evita que se seque rapidamente e fai que o sabor a laranxa sexa máis intenso.

A receita orixinal leva sour cream (nata agre), pero ante a imposibilidade de conseguila por aquí, decidín substituíla por quefir, que tamén ten un toque "sour", sobre todo se é caseiro, como no meu caso. Os biscoitos elaborados con sour cream son especialmente húmidos e teñen un lixeiro toque que lembra ao seu sabor. Neste caso, o quefir cumpre perfectamente esta función e tamén deixa o seu selo neste biscoito.

Non me vou a parar a falar do quefir, de todas as virtudes deste marabilloso leite fermentado, e de todos os beneficios que ten a súa inxesta habitual. Faría falla unha entrada enteira só dedicada a falar do quefir. Para o que aínda non o coñeza, hai infinidade de páxinas na rede dedicadas a este alimento.

Fai uns poucos anos, a única forma de tomar quefir era ter a enorme sorte de posuír un fungo de quefir (conseguido case sempre a través dalgún coñecido) e facer o leite quefirado na casa. Hoxe en día atópase en case calquera supermercado, na sección de refrixerados lácteos. Mesmo ás veces podémonos atopar con diferentes marcas e tipos de leite (vaca, ovella, cabra) coa que se fai.

Eu hai xa moitos anos que conseguín o meu e hai moitos anos que gozo dos beneficios da miña ración diaria de quefir. Eu sempre uso leite de vaca para facelo, e ese é o quefir que uso nesta receita.

Cake de laranxa e quefir

INGREDIENTES:
Para o cake:
- 200 g de manteiga en pomada
- 200 g de azucre
- 2 ovos grades, preferiblemente caseiros ou ecolóxicos
- A reladura fina da pel dunha laranxa, non tratada químicamente
- 200 g de quefir
- 300 g de fariña de repostaría
- Un sobre de fermento sen aluminio (9 g)
- Un chisco de sal

Para o glaseado:
- O zume dunha laranxa
- 100 g de marmelada de laranxa

PREPARACIÓN:
1- Prequentar o forno a 180ºC. Nun bol bótase a manteiga e o azucre e bátese ata que teña unha consistencia lixeira e o azucre se disolva.

2- A continuación, sen deixar de bater, bótanse os ovos dun nun (non se botará o segundo ovo ata que o primeiro estea perfectamente integrado na masa).

3- A continuación, bótanse a reladura de laranxa e o quefir e séguese batendo.

4- Por último bótase a fariña no bol, xunto co sal e o fermento. Bátese todo ben até obter unha mestura homoxénea e sen grumos.

5- Bótase nun molde desmontable redondo previamente engraxado e enfariñado e métese no forno durante uns 45 minutos, ou ata que ao picalo no centro cun escarvadentes, este salga limpo.

6- Unha vez o cake está fóra do forno, prepárase o glaseado. Para iso bótase nun cazo o zume de laranxa xunto coa marmelada e lévase a ebulición removendo de cando en vez. Cando teña a consistencia desexada (nin moi líquida nin moi espesa), bótase por encima do biscoito aínda quente e xa desmoldeado.

PUNTUALIZACIÓNS:
- Se a laranxa non é caseira ou ecolóxica, é conveniente lavala ben baixo un chorro de auga quente, fregándoa mesmo con algún cepillo para limparlle calquera resto de cera, polietileno ou goma laca, produtos cos que adoitan "encerar" as laranxas antes de levalas ás tendas.

- Coa calor do forno, as bacterias beneficiosas do quefir morren e xa deixa de ter ese efecto beneficioso. Neste biscoito o que fai é achegar sabor e textura, do mesmo xeito que faría a sour cream na receita orixinal.

- A sour cream pódese substituír tamén por nata cunhas pingas de zume de limón, aínda que o resultado, obviamente, non será o mesmo.

- Ao preparar o glaseado hai que ter en conta que ao arrefriar espesará, co que non se debe esperar a que estea espeso xa no cazo, porque ao arrefriarse porase demasiado duro. Se se nos arrefría o glaseado antes de botalo por encima do biscoito, pódese volver quentar lixeiramente no lume para que se solte.

Un biscoito delicioso, cun intenso sabor a laranxa. Yummy!!

martes, 1 de abril de 2014

Pudin de tapioca

A sobremesa que traio hoxe, é probablemente a sobremesa máis rápida e fácil de todas as que publiquei até o momento: pudin de tapioca.

Poida que resulte un tanto estraño a utilización da tapioca nunha preparación doce, posto que normalmente utilízase para espesar sopas e purés, pero é un xelificante estupendo en preparacións doces como esta.

A tapioca non é máis que o almidón da iuca (Manihot esculenta), coñecida tamén como mandioca, unha planta de orixe americana, probablemente Brasil ou Paraguai. O proceso de elaboración da tapioca consiste en lavar o almidón extraído da raíz da iuca e quentalo ata que cristaliza na forma que todos coñecemos de pequenas "perlas" de tapioca.

Esta planta ten unha gran importancia na dieta dos países de Sudamérica de onde é orixinaria (Paraguai é un dos países de maior consumo per cápita do mundo) así como na zona do Caribe. Hoxe en día cultívase por todo o mundo, pero especialmente en África, posto que actualmente é o continente onde se concentra a maior parte da produción mundial. É un alimento con grandes propiedades nutritivas, moi rico en hidratos de carbono, cun gran contido en vitamina K, por exemplo, que axuda a combater a osteoporose, e ademais é baixo en graxas.

Aquí en España xa se pode atopar con facilidade nos supermercados a raíz de iuca "fresca", aínda que para receitas como esta, é moito máis cómodo comprar o paquetiño de tapioca.

Pudin de tapioca

INGREDIENTES (para 4 persoas):
- 1 ovo
- 2 culleradas de azucre
- 3 culleradas sopeiras de tapioca
- 1/2 litro de leite
- 1/2 vaina de vainilla (5 ou 6 cm)
- 1 chisco de sal (opcional)
- Xarope de pradairo para acompañar

PREPARACIÓN:
1- Na mesma pota onde imos cocer o pudin, bátese o ovo. Engádese o azucre, a tapioca, e o leite e déixase repousar uns 10 ou 15 minutos para que a tapioca empece a rehidratarse.

2- Mentres, pártese a vaina de vainilla pola metade en sentido lonxitudinal e, coa axuda do mesmo coitelo, ráspanse as sementes que se botan á pota. As dúas metades de vainilla que se rasparon engádense tamén á pota (ao final de todo quitarémolas).

3- Pasados os 10 ou 15 minutos ponse a pota a lume lento e vaise remexendo de cando en vez cunhas varillas para evitar que se nos pegue ao fondo.

4- Unha vez vexamos que a crema vai "engordando" (isto é, cando ao deixar de dar voltas coas varillas, a crema queda estática), retírase do lume. Búscanse as dúas metades da vaina de vainilla e tíranse. Vértese con coidado o pudin nos vasos onde se vaia a servir.

5- Déixase arrefriar e listo.

PUNTUALIZACIÓNS:
- Pódese comer tépedo ou frío, con xarope de pradairo, con xarope de ágave, cun pouco de canela, con azucre queimado coma se dunha crema catalá se tratase, ou simplemente tal cal, sen nada. Está bo de todos os xeitos.

- Debe quedar cunha textura como a dun flan, nin demasiado líquida nin demasiado dura. A textura dependerá, sobre todo, do tempo de cocción.

- O seu sabor lembra ás natillas, aínda que é un pouco granuloso, como un arroz con leite.

- Para este tipo de receitas sempre é mellor usar leite entero, porque quedarán máis cremosas.

- Pódese substituír a vaina de vainilla por extracto de vainilla, aínda que non será o mesmo.

- Aínda que a iuca non ten glute, a tapioca que eu compro, a da marca Royal, advirte no paquete que pode conter trazas de trigo. Existen outras marcas no mercado, como a de Santiveri, que garanten a ausencia de glute.

Esta sobremesa pódenos sacar dun apuro porque é fácil e rápida de preparar, e pódense ter todos os ingredientes na casa, e ademais rico e nutritivo.