martes 01 abril 2014

Pudin de tapioca

A sobremesa que traio hoxe, é probablemente a sobremesa máis rápida e fácil de todas as que publiquei até o momento: pudin de tapioca.

Poida que resulte un tanto estraño a utilización da tapioca nunha preparación doce, posto que normalmente utilízase para espesar sopas e purés, pero é un xelificante estupendo en preparacións doces como esta.

A tapioca non é máis que o almidón da iuca (Manihot esculenta), coñecida tamén como mandioca, unha planta de orixe americana, probablemente Brasil ou Paraguai. O proceso de elaboración da tapioca consiste en lavar o almidón extraído da raíz da iuca e quentalo ata que cristaliza na forma que todos coñecemos de pequenas "perlas" de tapioca.

Esta planta ten unha gran importancia na dieta dos países de Sudamérica de onde é orixinaria (Paraguai é un dos países de maior consumo per cápita do mundo) así como na zona do Caribe. Hoxe en día cultívase por todo o mundo, pero especialmente en África, posto que actualmente é o continente onde se concentra a maior parte da produción mundial. É un alimento con grandes propiedades nutritivas, moi rico en hidratos de carbono, cun gran contido en vitamina K, por exemplo, que axuda a combater a osteoporose, e ademais é baixo en graxas.

Aquí en España xa se pode atopar con facilidade nos supermercados a raíz de iuca "fresca", aínda que para receitas como esta, é moito máis cómodo comprar o paquetiño de tapioca.

Pudin de tapioca

INGREDIENTES (para 4 persoas):
- 1 ovo
- 2 culleradas de azucre
- 3 culleradas sopeiras de tapioca
- 1/2 litro de leite
- 1/2 vaina de vainilla (5 ou 6 cm)
- 1 chisco de sal (opcional)
- Xarope de pradairo para acompañar

PREPARACIÓN:
1- Na mesma pota onde imos cocer o pudin, bátese o ovo. Engádese o azucre, a tapioca, e o leite e déixase repousar uns 10 ou 15 minutos para que a tapioca empece a rehidratarse.

2- Mentres, pártese a vaina de vainilla pola metade en sentido lonxitudinal e, coa axuda do mesmo coitelo, ráspanse as sementes que se botan á pota. As dúas metades de vainilla que se rasparon engádense tamén á pota (ao final de todo quitarémolas).

3- Pasados os 10 ou 15 minutos ponse a pota a lume lento e vaise remexendo de cando en vez cunhas varillas para evitar que se nos pegue ao fondo.

4- Unha vez vexamos que a crema vai "engordando" (isto é, cando ao deixar de dar voltas coas varillas, a crema queda estática), retírase do lume. Búscanse as dúas metades da vaina de vainilla e tíranse. Vértese con coidado o pudin nos vasos onde se vaia a servir.

5- Déixase arrefriar e listo.

PUNTUALIZACIÓNS:
- Pódese comer tépedo ou frío, con xarope de pradairo, con xarope de ágave, cun pouco de canela, con azucre queimado coma se dunha crema catalá se tratase, ou simplemente tal cal, sen nada. Está bo de todos os xeitos.

- Debe quedar cunha textura como a dun flan, nin demasiado líquida nin demasiado dura. A textura dependerá, sobre todo, do tempo de cocción.

- O seu sabor lembra ás natillas, aínda que é un pouco granuloso, como un arroz con leite.

- Para este tipo de receitas sempre é mellor usar leite entero, porque quedarán máis cremosas.

- Pódese substituír a vaina de vainilla por extracto de vainilla, aínda que non será o mesmo.

- Aínda que a iuca non ten glute, a tapioca que eu compro, a da marca Royal, advirte no paquete que pode conter trazas de trigo. Existen outras marcas no mercado, como a de Santiveri, que garanten a ausencia de glute.

Esta sobremesa pódenos sacar dun apuro porque é fácil e rápida de preparar, e pódense ter todos os ingredientes na casa, e ademais rico e nutritivo.

1 comentario: