mércores 14 xaneiro 2009

Foudroyante, de Lindemans

Onte comentéi as pizzas que nos zampamos o domingo, pero non mencionéi as cervexas coas que acompañamos.

Trátase da Foudroyante Gueuze e da Foudroyante Kriek da Brasserie Lindemans de Vlezenveek (Bélxica)


Son dúas cervexas tipo Lambic, é dicir, de fermentación espontánea: son os lévedos salvaxes que están presentes na atmosfera os encargados de facer fermentar o wort. Son cervexas moi pouco amargas, sendo a súa acidez a nota máis destacable. Incluso os lúpulos empregados na súa fabricación son lúpulos vellos, é dicir, recolectados varios anos antes, o que fai que non teñan un amargor tan marcado. O lúpulo recolectado, co paso dos anos, vai perdendo amargor.

Di a biblia da cervexa (El libro de la cerveza, de Michael Jackson, Ed. Blume), cos respecto a estas cervexas: "Para o catador acostumado a outros estilos máis convencionáis, a lambic case non parece unha cervexa, co seu conxunto sorprendente de aromas, a súa carencia de carbónico e a súa acidez".

Este tipo de cervexas fabrícase só en Bélxica. En teoría só reciben a denominación de lambic as fabricadas nas cidades que están no val do río Zenne, e digo en teoría porque na práctica non é así, posto que se están producindo lambics experimentais noutros lugares de Bélxica. Din os expertos que estas últimas non teñen as mesmas características.

Para fabricar as Gueuze, mistúranse as lambic novas con lambic vellas, e déixanse refermentar na botella. Éstas non levas froita. Teñen un gusto ácido moi agradable.


As cervexas tipo Kriek usan unha base de lambic ás que se lle engade, durante a fermentación, unha variedade de cereixa plana, escura e lixeiramente amarga, que se coñecen en flamenco precisamente co nome de Kriek.


Para min, as cervexas lambic son unhas cervexas deliciosas, que se poden considerar como unhas delicatessen dentro do mundo das propias cervexas, porque son un produto totalmente artesanal. Non se deben confundir nunca estas cervexas con eses subprodutos cervexeiros tan presentes ultimamente (por desgracia) nas estanterías dos nosos supermercados, que adoitan ser cervexas xa de por si de moi baixa calidade, ás que lle engaden aromatizantes e sabores a froita, para tratar de "enganchar" no carro da cervexa a aquelas persoas ás que non lles gusta esta bebida. Eu son dos da opinión de que coa cervexa debería pasar o mesmo que co leite, que etiqueta como "bebida de..." ós preparados de soia, vainilla, arroz, etc, e etiquetar estos subprodutos como "bebidas de malta" (considerando que cheguen a levar malta, claro) ou algo así, pero nunca cervexa, porque o único que fan e denostar a esta noble e milenaria bebida. Penso que todo o mundo sabe a qué me refiro...

Estas dúas cervexas que hoxe comento son unha auténtica delicia. A súa presentación, como adoita ser habitual neste tipo de cervexa, é moi coidada. Preséntanse en botellas de 37,5 cl. con tapón de corcho debaixo da chapa. A tipo Gueuze ten unha graduación alcohólica de 4% e a tipo Kriek de 3,5%.


Por aquí, as cervexas de Lindemans non son doadas de atopar (éstas en concreto viñeron na viaxe que fixemos este pasado verán por Francia, e lavaban agardando desde entón na neveira), e é unha magoa, pero podemos atopar outras marcas de lambic máis coñecidas como Timmermans ou Mort Subite, que ó mellor non son tan boas, pero como exemplo deste estilo non están nada mal tampouco.

Se tedes ocasión non dubidedes en probar algunha cervexa deste estilo. Poderanvos gustar ou non, pero do que estou seguro é de que vos sorprenderán...

Ningún comentario:

Publicar un comentario