luns, 30 de setembro de 2013

Tapas&Blogs en Adegas Morgadío

O pasado 14 de setembro tiven a oportunidade de asistir a unha nova edición de Tapas&Blogs Galicia na adega que ten o grupo Reboreda Morgadío no pobo de Albeos (Crecente).

O concello de Crecente atópase na comarca da Paradanta e, a pesar de que non é unha comarca costeira, o viño de Morgadío atópase amparado pola DO Rías Baixas, dentro da subzona do Condado do Tea. O feito de que as cinco subzonas que conforman esta denominación non estean, ás veces, nin sequera próximas entre elas, fai que o viño que se elabora en cada unha delas teña os seus propios matices, pero todas elas manteñen a uniformidade en canto a clima atlántico suave e húmido, e a que en todas elas goberna unha raíña indiscutible: a uva albariño.

Uva albariño
A orixe desta variedade de uva non se sabe con certeza. Hai quen se decanta pola teoría dos monxes cistercienses que a trouxeron desde centroeuropa ao mosteiro de Armenteira, na comarca do Salnés, alá polo século XII, e que aí puideron comprobar a excelente adaptación desa variedade de vide á zona. E hai quen opta pola teoría de que é unha variedade autóctona de Galicia.

Teorías aparte, o que si é seguro é que a día de hoxe, o viño albariño é, xunto co cava catalán, o viño branco máis coñecido (e apreciado) fóra das nosas fronteiras. En Adegas Morgadío son conscientes diso, por iso non descansan no empeño de seguir abrindo mercados internacionais da man de Ana Méndez, directora de exportación, e Jacob Sanjurjo, director comercial. Un dos países onde máis aceptación teñen os viños de Morgadío é Estados Unidos, onde publicacións especializadas tan prestixiosas como Wine Spectator (novembro 2005) ou Food&Wine (outubro 2006), entre outras, encomiaron as súas virtudes.

A viña que Adegas Morgadío ten en Albeos alcanza actualmente unha extensión de 60 hectáreas, dedicadas na súa práctica totalidade ao cultivo da variedade albariño.

Durante a nosa visita á viña, puidemos ir probando as uvas dentro de tres cotas de altura ben definidas: leira baixa, leira media e leira alta. A pesar de que sempre era uva albariña, podíase apreciar perfectamente a diferenza de sabor, de acidez, existente entre as uvas das distintas cotas, debido non só á altura, senón tamén á composición do chan.

Jacob Sanjurjo e Rubén Amorín
Ao finalizar a visita á viña, tocou porse a "traballar". E o traballo consistía en catar os viños producidos a partir das tres zonas diferenciadas dentro da viña, e mesturalos nunha proporción determinada, de modo que puidésemos decidir entre todos o coupage que máis nos gustase.

Servindo as diferentes mesturas
E tras as deliberacións, chegaron as votacións e o coupage gañador.

Jacob e Ana co coupage gañador
Este coupage daría lugar á gran sorpresa que nos tiñan preparada na adega: o lanzamento para a venda de 600 botellas do viño "Morgadío Tapas&Blogs" a través da páxina de venda on-line de Reboreda Morgadío, que estará a punto nos vindeiros días.

Firma dos "mestres mesturadores"...

... e manifesto.
Trátase dun viño da colleita de 2012, 100% albariño, e que os asistentes a este evento xa puidemos degustar xunto co xantar na propia adega.

Ana Méndez, co Morgadío Tapas&Blogs
Pero antes do xantar, Ana e Jacob acompañáronnos pola adega e polas súas instalacións, que estaban a punto para empezar a recibir as uvas de 2013 e empezar a producir o tan desexado caldo.

Visita á adega
A comida correu a cargo do restaurante Os Pirús, da veciña localidade de Arbo. Como entrantes tomamos empanada de zamburiñas e uns excepcionais berberechos ao vapor, acompañados do viño Morgadío Tapas&Blogs.

A continuación unhas deliciosas ameixas á mariñeira.

E como prato principal, un rolo de carne coa súa guarnición.

De sobremesa tomamos a xa famosa torta de filloas que tantas veces comín no restaurante xunto cos meus compañeiros de traballo, e da que tentei facer a miña propia versión, aínda que teño que confesar que non cheguei nunca a igualar o orixinal. A torta ía acompañada dunha bóla de xeado e uns froitos vermellos. Unha delicia.

Foi, en definitiva, unha xornada entrañable, de reencontro de bloggers, e de reencontro tamén cos anfitrións Ana e Jacob despois do anterior encontro de gastrobloggers no Ribeiro, en setembro de 2012.

Gustaríame dar as grazas aos organizadores, Rubén Amorín de Ni mata ni engorda, Carmen Albo de Guisándome la vida; aos anfitrións Ana Méndez e Jacob Sanjurjo, pola paixón e por agarimo que senten polo viño que producen, e que tan ben saben transmitir aos demais; e ao resto de bloggers cos que compartín esta experiencia: Berta Castro, de El sabor de lo dulce, Marta Valcarce de Travi en la cocina, Sandra Novo de Galletas para Matilde, Laura Eiriz de La cocina de Mezquita, Alberto Ribas de Máis grelos, Mercedes Blanco de Aprendiz de Chef, e Inés Banet de Matibascorner.

Aquí queda a foto de grupo ao finalizar esta estupenda xornada...