mércores, 25 de agosto de 2010

Focaccia de tomates cherry

Xa publicara con anterioridade a receita da focaccia de cebola, pero xa que estamos en época de tomates, imos facer este delicioso pan con tomates cherry, que é un ingrediente que queda moi pero que moi ben.


O tomate é o froito da tomateira (Solanum lycopersicum), planta da familia das solanáceas, á que tamén pertencen a pataca, a berenxena ou os pementos. É orixinario de sudamérica, concretamente da zona de Ecuador, Perú e o norte de Chile. Chegou a España en 1540 procedente de Tenochtitlan (México), capital do imperio azteca, onde se coñecía como xitomātl, "froito con embigo", polo que aínda segue recibindo o nome de jitomate en boa parte dos estados mexicanos. Os españois distribuírono polas súas colonias no Caribe e tamén o levaron a Filipinas, por onde entrou en Asia.

Hoxe en día o maior produtor de tomate do mundo é China, cuns 20 millóns de toneladas anuais, mentres que España produce ao redor de 5 millóns de toneladas.

O tomate cherry, ou cereixa, (Solanum lycopersicum var cerasiforme) é a variedade máis pequena das case cen variedades de tomate que se cultivan en todo o mundo.

A receita está sacada do libro La cocina de Jamie Oliver (RBA, 2004, páx. 187).


Focaccia de tomates cherry

INGREDIENTES:
Para a masa:
- 300 g. de fariña de forza
- 1 vaso (uns 150 ml.) de auga morna (uns 20ºC)
- 1 chorro de aceite de oliva virxe extra
- 5 g. de sal
- 5 g. de azucre
- 1 sobre de 5,5 g. de fermento de panadaría deshidratada, ou ben 14 g. de fermento fresco de panadaría
- Tomiño seco
- Un dente de allo prensado ou ben un chisco de allo deshidratado moído

Para pór por riba:
- Aceite de oliva
- Tomates cherry ben maduros cortados pola metade
- Ourego, alfábega e tomiño secos


PREPARACIÓN:
1- Para preparar a masa botamos nun bol amplo todos os ingredientes, pondo a fariña no fondo.

2- Cun garfo empezamos a mesturar ata que teña unha consistencia que nos permita amasar. Nese momento envórcase a mestura no mesado e amásase todo ben durante uns 10 minutos estirando a masa e envolvéndoa para que colla aire no seu interior.

3- Ao terminar de amasar bótase algo de fariña no mesado onde estivemos amasando e colócase a masa encima da fariña. Bótase algo máis de fariña por riba da masa e faise un corte profundo cun coitelo ben afiado en forma de cruz, o que axudará ao levedado. Tápase a masa co mesmo bol co que empezamos a mesturar e déixase repousar ata que dobre o seu volume (entre unha hora e media e dúas horas, dependendo da temperatura ambiente).

4- Pasado este tempo, vólvese amasar outra vez durante uns 5 minutos, facendo que expulse todo o aire que se atopa dentro da masa. Cando volvamos ter unha masa lisa e sen aire, estiramos con axuda dun rolete ata que quede do tamaño da bandexa de forno (ou algo menos) e cun grosor duns 2 ou 3 centímetros. Como di Jamie Oliver no seu libro: "Non vos preocupedes se non vos sae perfecta e simétrica: Suponse que é un pan rústico, así que xa tedes a escusa ideal!".

5- Bótase un chorro de aceite de oliva por encima da masa e esténdese ben. Presionamos coa punta dos dedos por toda masa para facer os buratos característicos deste pan e colocamos en cada burato unha metade de tomate coas sementes cara arriba.


6- Bótanse as herbas aromáticas e déixase levedar novamente durante outra hora ou hora e media.


7- Pasado este tempo e, con moito coidado, metemos en forno prequentado á máxima temperatura durante uns 15 minutos ou ata que vexamos que a masa teña unha bonita cor tostada. Sácase do forno e déixase arrefriar sobre unha reixa.


PUNTUALIZACIÓNS:
- Para esta receita deben utilizarse tomates tirando máis a maduros que a verdes. Cabe lembrar que os tomates verdes non se deben de consumir (especialmente crus) porque conteñen un alcaloide venenoso chamado solanina.

- Tanto a variedade de herbas aromáticas como a cantidade varía segundo o gusto de cada un.

- A maneira máis tradicional de cortar este pan é en tiras finas.


Un pan perfecto para acompañar calquera comida ou ben para comer só. Delicioso...

2 comentarios:

  1. Tiña en mente facer algo así para este domingo, cólloche a recita e xa non busco máis.
    Saudos

    ResponderEliminar
  2. Xa me contarás que tal che saiu, vale?
    Un saúdo

    ResponderEliminar