mércores, 17 de xuño de 2009

Marmelada de framboesa

Ben, pois un ano máis están aquí as framboesas, e un ano máis trataremos de aproveitar todas as que se poida facendo, sobre todo, deliciosa marmelada.


Descoñezo a variedade de framboesa que teño na miña casa. Trátase dunhas framboesas que empezan a madurar a finais do mes de maio e dan o seu froito ao longo de todo o mes de xuño. Son dun tamaño considerable se as comparamos coas que podemos atopar habitualmente nos supermercados. Ademais, a diferenza destas, ao arrincalas da planta, manteñen dentro a parte central esbrancuxada.


Outra diferenza con respecto a outras variedades de framboesa é que estas non invaden o terreo próximo, senón que se manteñen no lugar onde as plantaches botando, iso si, novos talos todos os anos mentres se van secando os talos máis vellos.


Facer marmelada de framboesa é bastante sinxelo, pero ao mesmo tempo non deixa de ser laborioso. Sinxelo porque só se trata de pesar a cantidade de framboesas recolleitas, sacar a proporción de azucre e pór a cocer cun chorriño de zume de limón, pero laborioso porque unha vez cocido hai que pasalo todo polo pasapurés.


Marmelada de framboesa

INGREDIENTES:
- 1 quilo de framboesas frescas
- 600 g. de azucre
- Zume de 1/2 limón

PREPARACIÓN:
1- Lávanse ben as framboesas e pásanse a unha pota. Engádese o azucre e o zume de limón.

2- Ponse a cocer a lume medio contando unha hora desde que se acende o lume (non desde que empezan a ferver) ata que se apaga.

3- Despois de apagar o lume pásase todo polo pasapurés e, aínda en quente, métese en botes perfectamente limpos e esterilizados, que se enchen até o bordo, dáselles a volta e déixaselles arrefriar nesa posición.


PUNTUALIZACIÓNS:
- Cunha hora de lume queda unha marmelada cunha textura idónea, pero se pomos máis cantidade de framboesas na pota haberá que aumentar o tempo de cocción para que quede coa mesma consistencia.

- Evidentemente, ao non coller sempre a mesma cantidade de framboesas, calcúlase a proporción de azucre e engádese. Eu, como xa puxen antes, utilizo a proporción de 600 g. de azucre branco por cada quilo de framboesas, pero isto, obviamente, vai ao gusto de cada un.

- O azucre do que falo nesta receita é o azucre branco refinado. Algunha vez tentei facela con azucre integral e o resultado non foi tan satisfactorio. Tamén adoito facer unha remesa especial con framboesas seleccionadas, azucre branco ecolóxico e limón de cultivo ecolóxico.

- En lugar de utilizar o pasapurés tamén se pode utilizar a batedora, o que simplifica bastante o traballo. A vantaxe do pasapurés é que saca moitas das sementes que ían ir dentro dos tarros, resultando unha marmelada máis fácil para comer.

- A técnica que eu utilizo para envasar ao baleiro é a de encher o tarro até o bordo, pechar e deixar arrefriar dado a volta. Se dispondes de máquina para envasar ao baleiro co correspondente accesorio para facer o baleiro en tarros, quedaravos mellor porque non quedarán os botes cheos até o bordo.

- Esta marmelada está moi boa para tomar no almorzo: con torradas, croissants, galletas ou, como se pode ver na fotografía, cuns bos gofres, pero tamén se pode utilizar como ingrediente doutras sobremesas que irán aparecendo por aquí.

Ningún comentario:

Publicar un comentario