mércores, 22 de xullo de 2009

Pasta con chícharos e bacon

Hoxe imos reencontrarnos de novo con Jamie Oliver e imos facer outra das receitas rápidas e fáciles que aparecen no seu libro Ministry of Food, no capítulo Quick pasta.


Trátase de Pasta con chícharos e bacon. A receita orixinal podédela atopar nesta ligazón da páxina oficial de Jamie Oliver: Mini shell pasta with a creamy smoked bacon and pea sauce.

Di Jamie Oliver que na súa casa empezaron a facer esta receita para as nenas, pero que ao final acabou converténdose nun prato para toda a familia porque lles encantaba a todos. Na nosa casa, este prato tamén se converteu nun habitual, e para facelo probei diferentes tipos de pasta. De todas elas a que máis nos gusta para esta receita son os Conchiglie ai Cinque Colori, da marca italiana Dalla Costa (de venda en Carrefour ao prezo de 1,15€ o paquete de 250 g.)


Trátase dunha pasta con forma acunchada, con cinco cores: sémola, cúrcuma, espinaca, remolacha e tinta de sepia.



Mini shell pasta with a creamy smoked bacon and pea sauce

INGREDIENTES (para 2 persoas):
- 5 lonchas de bacon afumado
- Un ramallete pequeno de menta fresca
- 75 g. de queixo Parmesano recentemente relado
- Sal mariño e pementa negra recentemente moída
- 160 g. de Conchiglie ou calquera outra pasta de tamaño similar
- Aceite de oliva
- Unha culleradiña de manteiga
- 150 g. de chícharos conxelados
- 1 cullerada sopeira de crème fraîche


PREPARACIÓN:
1- Corta o bacon en anacos pequenos. Arrinca as follas de menta e refuga os talos. Rela o Parmesano.

2- Pon unha pota grande ao lume con auga e con sal. Cando ferva bota a pasta e cócea seguindo as indicacións do paquete.

3- Mentres, pon unha tixola ampla a lume medio e engade un chorro de aceite de oliva e a culleradiña de manteiga. Cando estea quente engade o bacon e un pouco de pementa negra recentemente moída e deixa que se fría ata que estea dourado e crocante. Mentres, vai picando finamente as follas de menta.

4- Cando o bacon estea dourado, engade os chícharos conxelados e dálle un meneo á tixola. Despois dun minuto engade á tixola a crème fraîche e a menta picada.

5- Escorre a pasta aproveitando parte da auga da cocción. Engade a pasta á tixola e mestura ben. É importante que a salsa sexa cremosa, sedosa e deliciosa, pero se está demasiado espesa podes botar unhas culleradas da auga onde se coceu a pasta para suavizala un pouco.

6- Engade o Parmesano relado e dálle á tixola un bo meneo para que se mesture todo ben.

7- Serve a pasta en dous pratos ou nunha fonte para que cada un vaia botando.


PUNTUALIZACIÓNS:
- Jamie Oliver inclúe un limón na lista de ingredientes. Utilízao para botar o zume na tixola xusto despois de engadir a pasta cocida. A nós non nos gusta demasiado o sabor a limón neste prato así que optamos por non utilizalo.

- Como non é fácil dispor de menta fresca (na maioría de supermercados non é fácil de atopar) utilizo menta seca. O resultado obviamente non é o mesmo, pero pode valer.

- A crème fraîche que eu utilizo é a da marca Président, máis que nada porque é a única que son capaz de atopar nos supermercados nos que adoito comprar. Cómproa en Carrefour ao prezo de 1,27€ o bote de 200 g.

Esta crème fraîche está fabricada en Francia. Ten un 15% de materia graxa (m.g.) e está espesada con pectina.

- Se non podedes atopar crème fraîche podedes utilizar nata líquida, aínda que o resultado non é o mesmo.

- Os chícharos bótanse na tixola sen desconxelar, directamente do paquete.

- Como sempre, recomendo ter unha cuña de Parmesano (Parmigiano Reggiano) na neveira e relalo no momento de ser utilizado. O sabor non ten nin punto de comparación con eses sucedáneos que venden xa relados en bolsas, e ademais, aguanta moito máis tempo sen estragarse.

- Este prato pódese acompañar, como suxire Jamie Oliver, cunha ensalada, ou ben, pódese comer só. Iso queda ao gusto de cada un.

Aquí tamén podedes ver o resultado cos Gnocchi tricolor de Biocop:




Un prato rápido e sinxelo, e o resultado boísimo.

Bo proveito!!

Ningún comentario:

Publicar un comentario