luns 01 febreiro 2010

Chourizo vexetariano


Hai uns días comentaba eu coa miña nai que non volveramos a probar uns chourizos tan bos como os que facían ela e a súa nai (a miña avoa) cando se criaban porcos na casa, e diso hai xa bastantes anos... O segredo dun bo chourizo é, ademais dunha carne de primeirísima calidade que dará textura ao chourizo, un bo pemento, que é o que lle vai a dar sabor, e un chourizo que non sabe ben xa pode ter a mellor textura do mundo...

Cando vin esta receita no blog de delokos chamoume bastante a atención, e decidinme a facela por varios motivos: por sinxela, porque tiña case todos os ingredientes na casa e porque, como xa dixen antes, non hai chourizos coma os da casa...

A soia texturizada é un concentrado de proteína de soia, á que se lle extraeu o aceite e a pel, e someteuse a varios procesos que terminan coa deshidratación. Para utilizala só hai que rehidratala uns minutos en auga e xa pode utilizarse como substituta da carne picada (por iso ás veces aparece como "carne de soia") en multitude de receitas, especialmente nas receitas de pasta. Ten un 53% de proteínas (o dobre que a carne e catro veces a do ovo), un 35% de hidratos de carbono, un 5% de minerais e só un 1% de graxas. Achega ademais, fibras, potasio, fósforo, ferro magnesio, vitaminas A, B, C, D, E e G.

Para saber máis sobre a soia texturizada aquí poño a ligazón á wikipedia: proteína de soia.

A alga cochayuyo (Durvillaea antarctica) é unha alga da Patagonia. A palabra cochayuyo provén do quechua qhutra (lagoa) e yuyu (planta ou herba) e era consumida xa polos incas. Hoxe en día ten un lugar destacado dentro da gastronomía chilena. Chega a alcanzar os 15 metros de lonxitude, e para a súa recolección ha de cortarse a base que a mantén pegada ás rochas, deixando que a marea a leve até a beira. Ten unha consistencia carnosa e firme. Preséntase deshidratada e, do mesmo xeito que a soia texturizada, é necesario rehidratala en auga fría para poder utilizala na cociña. Deliciosa con arroz.

Cochayuyo seco

Cochayuyo rehidratado

A alga cochayuyo que eu utilizo é da marca Brotasol. Para saber máis aquí deixo a ligazón á wikipedia: Cochayuyo.

ACTUALIZACIÓN 12-2-2012
A alga cochayuyo deixou de comercializarse en España como alimento. So se comercializa, por agora, como fertilizante para uso en xardinería doméstica. Aquí deixo a ligazón á nova que aparece na páxina de Brotasol, con data de outubro de 2011.


INGREDIENTES:


- 200 g. de proteína de soia (soia texturizada)
- 20g de alga cochayuyo seca (eu substituína por tofu afumado)
- 100 g. de copos de avea finos
- 5 ou 6 dentes de allo
- 3 culleradas de glute de trigo
- 6 culleradiñas de pemento doce
- 5 culleradiñas de pemento afumado
- 1 culleradiña de pemento picante
- 1 cullerada de ourego seco
- Pementa negra
- 2 culleradiñas de sal fino
- Viño branco
- Aceite de oliva virxe extra
- 1 ovo batido

PREPARACIÓN:
1- En dous boles distintos pomos a remollar en auga fría a soia texturizada e a alga cochayuyo durante uns 15 minutos.

2- Cando estean rehidratados, escurrimos a soia nun coador amplo e imos tomando puñados, apertando ben para que solte todo a auga, e botándoa nun bol amplo. Escurrimos o cochayuyo e triturámolo fino na picadora ou nun robot de cociña, e engadímolo ao bol xunto coa soia. En caso de utilizar o tofu afumado como substituto da alga cochayuyo pícase finamente antes de engadilo á soia texturizada.

3- Engadimos ao bol os copos de avea, os dentes de allo prensados co prensaallos ou triturados moi finos (pódense triturar xunto co cochayuyo), o glute de trigo, os pementos, o ourego, a pementa negra e o sal. Con axuda dunha culler removemos ben estes ingredientes para que se mesturen de maneira homoxénea.

4- Engádese un bo chorro de viño branco e un chorro de aceite de oliva virxe extra e empézase a mesturar coas mans ata que teña unha textura parecida á zorza. Non debe quedar nin líquida nin demasiado seca.


5- Chegados a este punto, próbase un pouco de mestura e compróbase que está ben de sal e de pemento. Se está ben, tápase o bol e métese na neveira durante unhas 12 horas.

6- Pasadas 12 horas, bátese un ovo e engádese á mestura e vólvese a traballar coas mans ata que o ovo estea integrado.

7- Vanse cortando anacos de filme de cociña e vanse colocando de maneira que nos queden cómodos para enrolar os chourizos. Prepáranse tamén os fíos que nos van a servir para atar os chourizos nos extremos.

8- Vanse tomando porcións de "zorza" do tamaño dun puñado e vánselles dando forma de chourizo. Colócanse encima dos anacos de filme transparente e vanse enrolando ao mesmo tempo que se apertan lixeiramente tratando de compactalos un pouco máis. Átanse os extremos e córtase o plástico sobrante.

9- Colócanse no fervedor de vapor e cócense ao vapor durante uns 15 minutos. Déixanse arrefriar e xa están listos para consumir, aínda que están mellor ao día seguinte. Se tedes forno de vapor esta é unha boa ocasión para utilizalo: delokos indícanos uns 10 minutos a 90ºC.


PUNTUALIZACIÓNS:
- Puxen os ingredientes que utiliza delokos na súa receita, aínda que variei as cantidades e os tipos de pemento (aínda que no que a pemento se refire aínda non teño moi clara a diferenza entre pemento doce, pemento agridoce, paprika, etc.)

- A mestura de pementos queda un pouco ao gusto de cada un. Se vos gusta máis picante podedes aumentar a dose de picante en detrimento de algún doutro tipo, e se vos gusta menos afumado podedes utilizar máis pemento doce, etc.

- Os pementos que eu utilicei son doce e picante de la Vera, e un pemento afumado que comprei a granel nunha feira, pero do que descoñezo a súa procedencia.

- É importante utilizar pemento afumado para conseguir o sabor afumado tan característico do chourizo galego. Aquí en Galicia, ao haber tanta humidade no ambiente, é necesario recorrer ao fume para curar os chourizos e os embutidos en xeral, ao contrario do que ocorre noutras zonas de España que co vento é máis que suficiente para conseguir unha boa curación.

- Utilicei soia texturizada fina da marca La Finestra sul Cielo, de agricultura ecolóxica. Non a triturei máis despois de remollala e, a pesares diso, a textura que achega é moi boa, pero pódese triturar xunto co cochayuyo como indica delokos, sobre todo si a soia é de textura grosa.


- É aconsellable que a soia texturizada sexa ecolóxica, para evitar no posible a soia transxénica. Ademais, é un produto moi barato e que rende moito.

- O glute de trigo tamén é ecolóxico da marca Luz de Vida.


O máis traballoso desta receita quizais sexa conseguir os ingredientes, pero desde logo nada que ver co traballo que dá a cría dos porcos, a matanza, o desosado...

Ah, e non é necesario ser vexetariano para poder comer estes chourizos!!...hh

Bo proveito!!!

2 comentarios:

  1. Eu como os chourizos da casa, pero de carne de porco... non creo que saiban e tampouco creo que sexan tan bós para o colesterol,je,je (para que suba, claro)
    De todas formas habería que probalos!

    ResponderEliminar
  2. Eu penso que o mellor é que veñades un día por casa e os probedes, non cres? (a invitación queda feita...haha)
    Un saúdo

    ResponderEliminar