Amosando publicacións coa etiqueta flan. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta flan. Amosar todas as publicacións

luns, 17 de febreiro de 2014

Flan de turrón de Xixona (con e sen Thermomix)

Hoxe imos cunha receita de aproveitamento, xa que serve para aproveitar esas tabletas de turrón brando que adoitan quedar pola despensa e que non se sabe moi ben que facer con elas. A maioría da xente diría: "pois que vas facer, comelas!", pero estou case seguro de que unha boa parte das tabletas de turrón brando que se venden neste país van destinadas á elaboración de sobremesas. E é que co turrón brando pódense facer unha gran cantidade de sobremesas diferentes e que gustan mesmo a aqueles aos que non nos gusta o turrón brando.

Aínda que tecnicamente esta sobremesa non se pode considerar un flan, optei por non cambiar o nome co que aparece na páxina de onde o quitei, que non é outra que a arquifamosa Velocidad cuchara. E digo que non é un flan porque o ingrediente principal de calquera flan que se queira chamar flan é o ovo, e neste caso, esta receita non leva ovo. Ademais, nin sequera necesita forno nin baño maría para que calle.

O turrón de Xixona, ou simplemente turrón brando, é un doce típico da localidade de Xixona (Alacante) e está feito a partir de tres ingredientes básicos: améndoa, mel e clara de ovo. O auténtico turrón de Xixona ten Denominación de Orixe e debe levar este selo que acredita a súa procedencia e a súa calidade.

Flan de turrón de Xixona

INGREDIENTES (para 6 flans individuais):
- 200 g de turrón de Xixona
- 550 g de leite enteiro
- 200 g de nata líquida
- 100 g de azucre
- 2 sobres de callada

PREPARACIÓN CON THERMOMIX:
1- Sepáranse 50 ml do leite e nela disólvense os 2 sobres de callada. Debe quedar unha pasta lisa e sen grumos.

2- Ponse o turrón no vaso e tritúrase programando 5 segundos, velocidade 5.

3- A continuación engádense os demais ingredientes ao vaso e vólvese a programar 5 segundos, velocidade 5 para que se mesture todo ben. A continuación prográmase 8 minutos, 100º, velocidade 2.

4- Mentres, prepáranse os moldes.

5- Cando a crema estea lista, vértese nos moldes e déixase arrefriar. Cando estea tépeda ou case fría, métense na neveira até o momento de servir.

PREPARACIÓN SEN THERMOMIX:
1- Sepáranse 50 ml do leite e nela disólvense os 2 sobres de callada. Debe quedar unha pasta lisa e sen grumos.

2- Machúcase o turrón nun prato con axuda dun garfo ou dun machacador de froita. Cando estea ben machucado bótase nunha pota co resto de ingredientes. Ponse a lume suave e vaise remexendo ata que ferva.

3- Mentres, prepáranse os moldes.

4- Cando a mestura comece a ferver retírase do lume sen deixar de remexer e a continuación vólvese a pór ao lume ata que volva comezar a ferver de novo, sempre sen deixar de remexer.

5- Unha vez volva comezar a ferver, retírase do lume e vértese nos moldes que temos preparados e déixase arrefriar. Cando estea tépeda ou case fría, métense na neveira até o momento de servir.

PUNTUALIZACIÓNS:
- Esta sobremesa pódese facer tanto con Thermomix como sen ela. De ambas as maneiras resulta moi doada.

- Eu usei moldes de silicona, que non hai que engraxar nin facer nada de nada. Desmoldeanse moi facilmente simplemente dándolles a volta. Non é necesario pasar o coitelo polos bordos, nin metelos uns segundos en auga quente nin nada. Só darlles a volta e "xogar" co molde ata que o flan se desprenda sobre o prato.

- Pódese acompañar con xarope de pradairo, con xarope de agave, cunha crema de caramelo caseira, con nata, ou con calquera outro ingrediente que nos guste. No meu caso, puxen xarope de pradairo e a verdade é que queda moi ben.

- A callada á que se refire a receita é callada en po, que vén en sobres de 12 gramos. Eu uso a marca Royal, aínda que hai outras marcas, por exemplo Cuajada Brullet ou Cuajada Mandarín. Se non se atopa este tipo de callada en po pódese substituír por xelatina neutra. A cantidade dependerá da marca e do tipo (en follas ou en po). O mellor é consultar o envase. Aquí vai unha ligazón á páxina Gastronomía&Cía onde explican perfectamente todas estas cuestións.

- O leite é mellor que sexa enteiro, porque a sobremesa quedará máis cremosa, pero pódese utilizar calquera. Tamén se pode usar nata para cociñar en lugar de nata para montar, cun menor contido en materia graxa.

Unha sobremesa rápida, que se pode preparar unhas horas antes de comer, e sobre todo sinxela onde as haxa...

Saúde!!

domingo, 8 de novembro de 2009

Flan de cabaza

Seguimos coa cabaza, seguimos con outra sobremesa feita con cabaza, e seguimos con outra sobremesa feita con cabaza sacado do marabilloso blog i-recetas. A verdade é que me encanta este blog, non só polas súas receitas e polas boísimas fotos que as acompañan, senón tamén por todo o que Pepinho nos conta nel. Se aínda non o coñecedes recoméndovolo...

Fixen este flan utilizando os mesmos ingredientes que el utiliza, aínda que o procedemento foi un pouco diferente...


INGREDIENTES:
- 130 g. de puré de cabaza
- 90 g. de mel
- 8 ml. de extracto de vainilla
- 195 g. de leite evaporado
- 1/2 culleradiña de canela moída
- 1/3 de culleradiña de noz moscada
- Un chisco de cravo moído
- 1 baga pequena de pementa de Xamaica moída
- Un chisco de sal
- 2 ovos medianos

PARA O CARAMELO:
- 100 g. de azucre
- 40 g. de auga
- Unhas pingas de zume de limón

PREPARACIÓN:
1- Preparar o caramelo quentando o azucre coa auga e o zume de limón e deixando que se toste, pero sen que se queime. Vertelo en catro flaneiras individuais e repartilo polo fondo e as paredes das mesmas.

2- Mentres arrefría o caramelo, nun bol amplo botamos o puré de cabaza, o mel, o leite evaporado, o extracto de vainilla, as especias e o sal. Mesturamos todo ben.

3- Engadimos os ovos un a un batendo o xusto para incorporalos á mestura.

4- Repartir a mesma cantidade da mestura anterior entre as catro flaneiras.

5- Meter no forno microondas, a media potencia, co grill, durante 9 minutos.

6- Deixar repousar dentro do microondas durante 5 minutos antes de abrir a porta.

7- Sacar do microondas e deixar que arrefríen antes de desmoldear.


PUNTUALIZACIÓNS:
- Este tipo de flans individuais prefiro facelos no microondas por comodidade (aforro de tempo e aforro de enerxía). O resultado son uns flans moi cremosos que non creo que desmerezan nada aos feitos en forno convencional a baño maría (como nunca probei a facelos deste xeito non podo comparar...). Ademais, o meu forno microondas ten un programa específico (45% de potencia con grill) para flans, tortillas, etc, que é o que utilizo eu aquí.

- Evidentemente as flaneiras para o microondas han de ser de cristal ou de cerámica, nunca de metal.

- É importante o repouso dentro do microondas despois da cocción para que así terminen de callar ben. Do contrario poderían quedar crus polo centro.

- Se non tedes forno microondas, ou preferides o método tradicional, póñovos a ligazón á receita de Pepinho: Flan de calabaza, para que sigades as súas indicacións.

- Como xa dixen na receita do Queique de cabaza (que tamén saquei do blog i-recetas), eu prefiro cocer a cabaza ao vapor en lugar de asala no forno, porque o resultado é practicamente o mesmo, pero na metade de tempo. Para preparar o puré de cabaza ao vapor só hai que pelala, quitarlle as sementes, cortala en dados grandes e pola na bandexa do fervedor ao vapor para que se coza durante uns 20 ou 25 minutos. Unha vez cocida, machúcase ben e ponse a escorrer (canto máis tempo mellor) nun coador amplo para que solte a maior cantidade de auga posible, e xa está listo para ser usado.


A cabaza butternut (Cucurbita moschata) é unha hortaliza moi versátil na cociña porque permite a preparación de todo tipo de pratos: doces, salgados, cremas, pans, etc. Aínda que é unha hortaliza de tempada (outubro, novembro,...), podémola atopar todo o ano no supermercado, así que non hai escusa para usala todo o ano. Ademais, ten vitaminas A e C, betacarotenos, minerais (magnesio, manganeso e potasio) calcio, fibra, e ácidos graxos Omega 3 e 6, e ten moi poucas calorías.

Xa irei pondo máis receitas con cabaza a medida que vaia probando cousas novas...