xoves, 20 de agosto de 2009

Queique de cabaciño

Estes días regaláronme unha chea de cabaciños. Os meus pais renunciaron a plantalos hai xa uns anos, e non porque non desen froito, senón máis ben todo o contrario: daban tantos cabaciños que ao final acababamos fartos e había que regalalos para que non se botasen a perder. Ademais, cometiamos o fallo de deixalos medrar unha barbaridade, co que era necesario desfacerse das sementes duras e da fibra esponxosa que as recubre, e o peso final do cabaciño era o mesmo que se fose recollido uns días antes.

O caso é que, a pesar de non plantar cabaciños durante anos e de non telos mercado nunca (I swear), é raro que durante estas datas non falte algún cabaciño na neveira. As receitas que máis se adoitan facer son as habituais: crema de cabaciño, cabaciño fritido (rebozado simplemente con fariña de garavanzo, como nos propón delokos, está moi bo). Pero a que máis veces fago é este queique de cabaciño.


A utilización de hortalizas (e mesmo legumes) na elaboración de receitas doces non é nada novo, só hai que lembrar o famoso cabelo de anxo, que se fai cunha cabaza do mesmo nome. Adoitan utilizarse cenorias, cabazas, fabas ou azukis, como no delicioso brownie de azukis que xa presentei unha vez.

Esta receita está sacada do libro Repostería y Pastelería (Espasa Calpe, 1991), de Isabel Maestre, e do que xa puxen máis dunha receita.


A orixe do cabaciño (Cucurbita pepo) non está moi claro. Algunhas fontes apuntan a que é orixinario de Asia e outras a que procede de América, e que foi introducido en Europa polos españois. O que si se sabe é que era xa consumido polos caldeos, os exipcios, os gregos e os romanos, e que os árabes tiveron bastante que ver na súa difusión por toda a área do Mediterráneo, co que a teoría da orixe americana queda un pouco en dúbida...

Imaxe sacada de cultivar.net
Ten un alto contido de auga (93%), é rico en minerais, sobre todo potasio, vitamina C e β-caroteno.

Queique de cabaciño


INGREDIENTES:

- 225 g. de fariña
- 225 g. de azucre
- Un chisco de sal
- 1 culleradiña de canela
- 1 culleradiña de bicarbonato
- 1 culleradiña de Royal
- 1 culleradiña de vainilla en po
- 3 ovos
- 1,25 dl. de aceite de xirasol
- A reladura dun limón
- 250 g. de cabaciño relado coa súa pel
- 100 g. de pasas maceradas en ron
- 100 g. de noces picadas
- Sementes de cabaza para decorar


PREPARACIÓN:
1- Bater os ovos e o azucre até obter unha crema de cor pálida.

2- Engadir as especias, aceite de xirasol e fariña. Mesturar ben.

3- Relar o cabaciño coa súa pel e mesturar con todo o anterior.

4- Engadir, por último, as pasas e as noces.

5- Verter a mestura nun molde redondo previamente engraxado e enfariñado. Botar por encima as sementes de cabaza.

6- Cocer en forno prequentado a 200ºC durante uns 45 minutos ou ata que estea cocido. Comprobar a cocción cun escarvadentes ou unha agulla, que deberá saír limpa.


PUNTUALIZACIÓNS:
- En lugar de vainilla en po, eu utilizo azucre vainillado. Para iso poño 220 g. de azucre + un sobre de azucre vainillado.

- A autora da receita propón cocer o queique durante 30 minutos a 200ºC. No meu forno non é suficiente, polo que cada cal probe ata que estea ben cocido.

- As sementes de cabaza son unha achega persoal á receita. Creo que encaixan moi ben con este queique.

- Non é necesario remollar as pasas en ron. Se non se fai, é conveniente pasalas por fariña antes de engadilas á mestura para que se distribúan uniformemente por todo o queique e non se vaian ao fondo.


Se vos pasa como a min e non sabedes que facer con tantos cabaciños, dádelle unha oportunidade a este queique. É unha maneira diferente de comer esta hortaliza...

Ningún comentario:

Publicar un comentario