luns, 12 de outubro de 2009

Torta de figos


A receita que poño hoxe pasáronma fai xa bastante tempo como a receita para facer torta de mazá (unha das moitísimas receitas diferentes de torta de mazá), e non é que non estea boa con mazá, pero ocorréuseme que con figos tamén podería estar ben. Non só está ben, senón que creo que supera á de mazá. Por tanto, a única variación que introducín con respecto ao orixinal foi a substitución da mazá polos figos, nada máis. Isto quere dicir que a mesma receita serve para facer torta de figos, torta de mazá, ou calquera outra torta á que se poida pór froita por encima (ocórreseme que cuns caquis pode saír boísima tamén...)

INGREDIENTES:
- 4 ovos
- 3 vasos de leite
- 2 vasos de azucre
- 1 vaso de fariña
- 10 ou 11 figos frescos
- Marmelada de albaricoque


PREPARACIÓN:
1- Úntase un molde redondo (mellor ademais se é acanalado) con manteiga e bótase fariña que se repartirá ben por todo o molde.

2- Nun bol mesturador bótanse os ovos, o leite, o azucre e a fariña. Bátese todo ben coa batidora e vértese no molde.

3- Pélanse os figos e córtanse en dúas metades pola parte máis ancha. Vanse colocando estas metades, co lado das sementes cara arriba, sobre o preparado líquido do molde.

4- Métese no forno prequentado a 180ºC durante 85 ou 90 minutos.

5- Unha vez cocido sácase do forno, déixase arrefriar e desmoldéase. Unha vez desmoldeado, píntase con marmelada de albaricoque por encima.


PUNTUALIZACIÓNS:
- A cantidade de figos depende do tamaño dos mesmos. É importante que queden xuntos pero non uns sobre outros.

- Esta torta está mellor dun día para outro gardada na neveira.

- A marmelada pode ser tamén de pexego, ou mesmo de figo, aínda que a de albaricoque queda moi ben.


Como vedes, é unha torta moi sinxela de facer e, como xa dixen antes, pódenos servir para aproveitar a froita de tempada.

Bo proveito!!

2 comentarios:

  1. Ola, sò querìa comentar que me encata o teu blog. Atopouno miña nai buscando que facer con tòdolos figos que trouxo onte à casa. E a tùa pareceulle a receita màis de "fiar". Despois de revisala decateime de que eres un home, e moloume ver que tamèn hai tìos que fan tartas e polo que se ve toda clase de comidas. Xa me gustarìa a mìn atopar un home que me cociñase. Namoreime platònicamente de tì!! por certo, a tarta xa se està facendo no forno.

    ResponderEliminar
  2. Ola. Moitas grazas polo teu comentario. Agradécese ;)

    Eu tamén tiña uns cantos figos a secar no balcón, pero coa que está caendo non sei eu que pasará con eles... A opción de secalos ao sol tampouco é mala de todo (tamén está a receita polo blog adiante). Moito mellores que os que se mercan (e máis baratos...hehe)

    Xa me contarás que tal sae esa torta, vale?

    Un saúdo

    ResponderEliminar