martes, 10 de febreiro de 2009

Canelóns de verduras

Onte tiven un inesperado día de lecer (a mal tempo, boa cara, e nunca mellor dito) e aproveitei para facer unha receita de pasta, moi sinxela pero estupenda.

Levaba algún tempo sen facer pasta fresca na casa, e onte apetecíame, a verdade. Facer pasta fresca non é, como pode parecer, nada complicado, nin nada que te obrigue a estar metido na cociña durante horas. Máis ben todo o contrario, porque é a cousa máis doada do mundo. A pregunta que se plantexa a continuación é a seguinte: Realmente paga a pena facela na casa? Non é moito mellor mercala seca e cocela e aforrarse así todo o traballo? Ben , a resposta que eu dou a estas preguntas é sempre a mesma: as cousas que fai un mesmo teñen outro encanto, aínda que só sexa pola satisfación de telas feito un. De tódolos xeitos, sempre teño algún paquete de pasta seca na casa para cando apetece e non hai tempo de facela fresca.

Outra pregunta que xurde é a seguinte: É mellor a pasta fresca que a pasta seca? Resposta: non ten por qué. O sabor da pasta fresca non é nin mellor nin peor, ó fin e ó cabo non se trata máis que de fariña e ovos, pero iso si, cando se empregan os ovos da casa todo ten mellor pinta, verdade?.

Para facer a pasta fresca:

INGREDIENTES (para 2 persoas):
- 100 grs. de fariña de forza
- 1 ovo

PREPARACIÓN:

1- Botar a fariña nun bol. Nun prato bátese o ovo cun garfo e bótase por riba da fariña.

2- Co mesmo garfo de bater o ovo comézase a misturar a fariña e o ovo. Cando acade unha consistencia como para poder amasar coas mans vólcase sobre unha superficie lixeiramente enfariñada e comézase a amasar coas mans ata ter unha masa homoxénea (non é necesario amasala durante moito tempo, non estamos a facer pan). Como o tamaño dos ovos non é sempre o mesmo, se vedes que queda demasiado seca podédeslle engadir unhas pingas de auga e seguir amasando, e se quedase demadiado pegañenta pódeselle engadir un chisco de fariña e listo.

3- Cando a masa estea lista, bótase un pouco de fariña no mesmo lugar onde se amasou e colócase enriba a bóla de masa. Bótase un chisco de fariña por riba da masa e crávase un dedo na bóla de masa de xeito que nos quede algo parecido a un mini donut (din os italianos que ésta é a mellor maneira para que repouse a masa da pasta). Colócase o mesmo bol onde comezamos a amasar por riba da masa boca abaixo, e déixase repousar a masa durante unha hora máis ou menos.

4- Pasado este tempo collemos o mini donut de masa e formamos con el unha especie de salchicha non demasiado fina e cortámola pola metade cun coitelo.

5- Agora haberá que estirar cada un dos dous anacos de masa. Para isto o mellor é usar unha máquina de pasta. Eu teño unha, agasallo de My Missus, que é moi sinxela pero que funciona bastante ben, alomenos para este tipo de receitas. Fai os tallaríns bastante ben, pero os espaguetis xa non os dá cortado ben e quedan unhas placas como de lasaña pero con surcos... Tamén se pode facer pasta fresca sen empregar unha maquiniña destas. Simplemente hai que estirar a masa o máis fina posible cun rolete de cociña. Dá algo máis de traballo e probablemente non quede cun grosor uniforme, pero iso fai que aínda quede cun aspecto máis caseiro.


6- Despois de estirar a masa teremos dúas longas e finas placas que colgaremos durante uns minutos nalgún lugar para que se sequen un pouco (eu uso o respaldo dunha cadeira ou unhas culleres de madeira cravadas na porta do forno). Despois córtanse para obter os canelóns. Podemos quitar ata catro de cada placa, co que teremos un total de oito canelóns. Non vos preocupedes se non quedan perfectamente cadrados como os que se mercan, por algo son as nosos canelóns, todos diferentes entre si. Para cortar a pasta hai uns utensilios moi prácticos en ferreterías ou en tendas de utensilios de cociña, pero tamén se pode usar un cortapizzas ou mesmo un coitelo ben afiado.


7- Mentres, ponse auga a ferver. Cando ferva engadímoslle sal e botamos a cocer os canelóns. Tede en conta que a pasta fresca tarda menos en cocer que a pasta seca. Con 3 ou 4 minutos será máis que suficiente. Ademais, despois irá uns minutos máis ó forno.

Xa vedes, para facer pasta fresca só hai que pór un ovo por cada 100 grs. de fariña de forza, nada máis, nin sal, nin aceite, nin nada. Recoméndovos que merquedes a fariña de forza nunha panadaría porque sae mellor que a que se merca no súper (cando se atopa no súper) e moito máis barata. Ademais, nas panadarías móvese bastante fariña polo que adoita ser máis fresca. Tamén se pode usar unha mistura de fariña de forza con sémola fina de trigo duro.

Pódese facer pasta fresca de diferentes sabores e cores, engadíndolle espinaca triturada, remolacha, tinta de calamar, herbas secas, etc, pero iso queda para outro capítulo...

Por suposto esta receita pódese facer igualmente con canelóns secos, aínda que o resultado non vai a ser o mesmo...

Como recheo desta pasta fixen un sofrito de verduras realmente delicioso:

INGREDIENTES (para 8 canelóns):
- 1 dente de allo
- 1 pemento verde
- 1 pemento vermello
- 2 cenorias
- 1 lata pequena de champiñóns
- 2 tomates maduros
- Herbas secas (tomiño, albahaca e ourego) ó gusto
- Sal

- 1 bote dun bo tomate frito, preferentemente caseiro ou ecolóxico
- Queixo parmesano recén relado
- 1 bóla de mozzarella (mellor se é de búfala)

PREPARACIÓN:

1- Facer o mise en place, é dicir, preparar tódalas verduras que imos fritir: Picamos o dente de allo, os pementos, as cenorias e escorremos os champiñóns. Pelamos os tomates, sacámoslles as sementes e picámolos tamén.

2- Botamos nunha tixola un pouco de aceite de oliva e fritimos o allo. Cando o allo colla algo de cor engadimos o pemento e a cenoria. Salgamos e deixamos que se pochen un pouco.

3- Engadimos os champiñóns, o tomate ben picado e as herbas.

4- Fritimos as verduras ó noso gusto. A quen lle gusten algo máis crúas que as deixe máis crúas, e a quen lle gusten máis pasadas que as pase máis.

Por suposto podedes usar calquera verdura que vos guste para facer o sofrito: cabaciño, espinacas, berenxena, etc.

Para facer os canelóns, a min gústame repartir polo fondo dunha fonte de forno un bote enteiro de tomate frito, pero ollo, dun bo tomate frito, que habelos hainos. Eu concretamente uso un ecolóxico de Carrefour Eco, que ten un sabor moi suave, e que para este prato queda moi ben.


5- Enchemos os canelóns co sofrito de verduras e cun chisco de parmesano relado e ímolos colocando uns ó lado dos outros enriba do tomate frito.

6- Relamos máis parmesano por riba dos canelóns. Esmiuzamos coas mans a bóla de mozzarella e imos colocando os anacos por riba dos canelóns.

7- Metemos a gratinar no forno ata que o queixo teña unha agradable cor dourada.


Se queredes podedes botarlle salsa bechamel, tamén lle quedaría moi ben, pero sen ela queda un prato moito máis lixeiro e igualmente saboroso.

Bo proveito!!

Ningún comentario:

Publicar un comentario