luns, 26 de xaneiro de 2009

Que boa parella fan...!!

Esta frase que se aplica tan habitualmente a aquelas parellas que, a priori, parecen complementarse perfectamente, sérveme hoxe a min para falar dunha parella que a min me cae moi ben. Pero esta vez non se trata de dúas persoas, senón de dúas bebidas que combinan francamente ben: xenebra e tónica.

Si, hoxe vou falar do meu cóctel favorito, e o de moitas persoas máis: O Gin&Tonic.

Para empezar, podemos comezar polo nome mesmo do cóctel, o cal, se se escribe co simboliño & (and) no medio, se debería ler "gin and tonic" ,coa conxunción, e non sen ela, como é habitual en España.

Xenebra.

Esta bebida alcólica foi inventada no século XVII por Franciscus Sylvius de la Boeel, un profesor de mediciña da Universidade de Leiden (Holanda). Este médico estaba intentando atopar un remedio contra os cálculos biliares e afeccións renais, e utilizando alcol obtido de cebada, centeo e millo con grans de xenebreiro (enebro) obtivo un novo preparado ó que lle chamou "Genièvre" (xenebreiro en francés), "Jenever" en holandés, e que se converteu en "Gin" en inglés.As baias de xenebreiro son os que lle dan o seu sabor característico á xenebra.

Xenebreiro (Juniperus communis)

A cidade holandesa de Schiedam foi o berce desta bebida, e Holanda foi durante moito tempo o principal produtor de xenebra. Despois fíxose moi popular nas Illas Británicas, chegando incluso a darlle o nome de London Dry Gin ó estilo máis popular de xenebra, que como o seu nome indica, é máis seca que o estilo holandés Schiedam ou Hollands.

Tónica.

Esta bebida, tal e como hoxe a coñecemos, é dicir, carbonatada, foi inventada por Johann Jacob Schweppe, empresario alemán nacido en 1740 e creador da marca Schweppes. Parece ser que a este home lle gustaba investigar os efectos do aire na auga. Schweppe estableceu en Londres unha fábrica de refrescos e auga de soda. Anos máis tarde ocurríuselle engadir quinina a esta auga de soda co que apareceu a auga tónica. Curiosamente, este home morreu na cidade suiza de Xinebra...

Pero, nin Schweppe foi o primeiro en investigar os efectos do aire na auga (foi Joseph Priestly, un investigador inglés, uns anos antes), nin foi o primeiro en usar a quinina como condimento nunha bebida. Explícome.

Disque fomos os españois os primeiros en empregar a casca do quino (Cinchona pubescens) como remedio contra a malaria, aínda que os incas xa coñecían as propiedades terapéuticas desta árbore. Aconteceu arredor de 1630 cando Ana de Osorio, Condesa de Chinchón, dona do virrei do Perú, enfermou de malaria, e curou grazas á inxesta dun preparado que contiña quinina. Se vos fixades no nome científico da árbore da quina (quino) que mencionéi antes, aparece a palabra Cinchona, que fai referencia á condesa de Chinchón. E outra curiosidade, a árbore da quina aparece no escudo de armas oficial do Perú, porque este país é un dos principais produtores de quinina do mundo. Parece ser que esta árbore está entrando no pouco afortunado grupo das especies en perigo de extinción.

Árbore da quina (Cinchona pubescens)

A quinina, coñecida por aquel entón como "po dos xesuítas" ou "po da condesa" pasou bastante tempo desapercibida, a pesares de ter curado a tan ilustres personaxes como a anteriormente mencionada Condesa de Chinchón, ou Carlos II de Inglaterra, que tamén se beneficiou das propiedades da quinina en 1679 para curarse da "febre". Non foi ata a década de 1820 cando os oficiais do exército inglés destacados na India misturaron auga, azucre e quinina para previr a malaria, fabricando así a primeira auga tónica india. E para facela máis agradable de beber, engadíronlle un pouco de xenebra, creando así o primeiro Gin&Tonic da historia.

Como se prepara un Gin&Tonic?

Evidentemente, nesto dos cócteles, inflúe sobre todo o gusto de cada quen, e como todo o mundo sabe, sobre gustos non hai nada escrito. O que si é certo é que sempre deben aparecer os dous ingredientes dos que falamos antes: xenebra e tónica. Agora ben, cal é a mellor xenebra e a mellor tónica para preparar este cóctel? Volvo a repetir, iso vai no gusto de cada quen. No que si parece estar todo o mundo de acordo é que non se dede utilizar nunca o zume de limón, porque os ácidos deste reaccionan de maneira inmediata co bicarbonato da tónica facendo que axiña se quede sen forza. Para darlle un toque cítrico debe empregarse só a pel do limón (mellor se está verde) ou da lima.

En canto ás proporcións para facer un Gin&Tonic perfecto podemos tomar como referencia ás aportadas por Joaquín Fernández, cocteleiro do Pub Dickens de Donostia, que foi o vencedor do I Campionato Nacional de Gin&Tonic e 2º clasificado no Campionato Mundial de Coctelería que se celebrou en Xapón no ano 2000, así que disto algo debe de saber...

INGREDIENTES:
- 8 cubos de xeo macizo e sen cloro (de auga mineral ou desionizada)
- 2/10 partes de xenebra
- 8/10 partes de tónica
- 3 láminas finas (twist) de limón verde.

PREPARACIÓN:
1- Poñer o xeo na copa ou vaso ancho (nada de vaso de tubo!!)e realizar dous twist de limón rascando con dúas pinzas de xeo a tira de pel para posteriormente enroscala sobre si mesma.

2- Escanciar a xenebra, e logo, moi suavemente a tónica.

3- Remexer un par de veces con culleriña longa e aromatizar co derradeiro twist de limón.

4- Desfrutar.

Aquí vos poño unha ligazón a un artigo de Raimundo García del Moral para Lo Mejor de la Gastronomía, no que podedes ler un artigo completo sobre o Gin&Tonic e ver as fotos de Joaquín Fernández preparando este cóctel: Gin Tonic: una bebida mítica.

Eu emprego a Tanqueray nº10 combinada con tónica Fever-Tree.

A Tanqueray nº10 (tamén coñecida como T-10) é unha xenebra inglesa de luxo, que se presenta nunha fermosa botella estilizada de 70 cl. Está elaborada a base de cítricos recén recolectados e outras froitas seleccionadas a man, como pomelo, laranxa e lima, misturado de maneira harmoniosa con grans de xenebreiro e realzado cun lixeirísimo toque de camomila. Ten unha gran suavidade e frescura a pesares do 47,3% de graduación alcólica. Unha xenebra que vai perfecta tanto para preparar un bo Gin&Tonic coma un perfecto Dry Martini.
Aquí vos poño a ligazón á páxina de Tanqueray por se lle queredes botar un ollo.


A Fever-Tree é unha tónica Premium Indian, aínda que fabricada en Inglaterra. Está elaborada con ingredientes totalmente naturais: quinina natural procedente de plantacións de árbore da quina de Ruanda (fever tree é a árbore da quina en inglés, de aí o nome desta tónica), azucre de cana, auga mineral, ácido cítrico e reladura de limón. Non contén ningún tipo de edulcorante, aromatizante, colorante ou conservante. Fai unha parella perfecta coa Tanqueray nº10 para a elaboración de Gin&Tonic.
Ata agora, que eu saiba, en España só se podía mercar no Club del Gourmet de El Corte Inglés, pero eu xa a merquéi en Haley e en Gadis. Preséntase en botellas de 20 cl., e o seu prezo anda por 1,35€ a botella.
Aquí vos poño a ligazón á páxina de Fever-Tree por se vos interesa.


Xa vos digo, xenebras hai moitas e moi boas, e tónicas hainas para tódolos gustos, só é cuestión de probar. Aquí vos poño unha ligazón a un estupendo blog onde podedes ver unha colección de xenebras e tónicas de alta gama que resultarían excelentes para preparar un Gin&Tonic perfecto: elitista.

E xa que estamos co Gin&Tonic, comentar unha curiosidade. Hai uns días atopéi nunha tenda desas de delicatessen un chocolate con sabor a Gin&Tonic (ou eso é o que pon o paquete).


Despois de probalo, dicir que é un chocolate que está moi rico, pero eu non lle atopo o sabor a Gin&Tonic, a verdade. Ten, xunto co sabor do chocolate con leite, un sabor a limón moi agradable. Non é nada amargo, que é o que eu agardaba, posto que tanto o chocolate como o Gin&Tonic comparten esa característica, aínda que se trata de dous amargores diferentes, por suposto.

É da marca Cacao Sampaka, marca catalana de chocolate de calidade, que ofrece dentro da mesma gama outros chocolates con diferentes sabores, como mora, framboesa, café, etc. Preséntase en dúas tabletas de 50 grs. cada unha.



E xa para rematar: Ferran Adrià, na súa ponencia en Madrid-Fusión de hai un par de anos, afirmou que o Gin&Tonic é a bebida preferida dos cociñeiros. Non sei se fixo unha enquisa entre tódolos cociñeiros, pero o que é seguro é que este cóctel vai gañando adeptos cada día...

Aquí poño a ligazón a outro post que fala sobre gin&tonic neste mesmo blog: Be aware of the dog...

5 comentarios:

  1. As boas.
    Estamos aqui a Noe, o Celsin e mais eu.
    A receta esta boa sempre e cando gasee o suficiente que supoño que si. Pero habera que probala.
    A Noe di que non lle gusta a tonica e que che vai contar sobre a xenebra. Bikiños.
    Logo destes comentarios que me imaxino que non habera que dicirxhe de quen son cada un vai o meu. A quen se lle ocorre estropear o chocolate intentando darlle sabor a xenebra... en fin.
    Din por aqui que ¡¡Fuga!!
    Deica logo e ata mañan.

    Noe, Celsito (como di a Noe) Eu e o
    Roi nada que ten fame.

    ResponderEliminar
  2. Hola Manolito.
    Infórmote dunha pequena fuga que de momento é a unica que vin.
    Porque o galego empregado é perfecto pero o nome científico dunha especie, ainda que sexa dunha especie vexetal, como ben has de saber, escríbese coa primeira letra da primeira partícula (o xénero) con maiúscula. Refírome a Cinchona pubescens.

    Firmado: Yolanda Castaño.

    ResponderEliminar
  3. Ola, Yolanda Yebra... quero dicir, Castaño, xa que sabes tanto de galego (así o demostras cada día no programa) deberías saber que a forma correcta do saúdo é "Ola" sen o h, pero teréi en conta a túa puntualización en vindeiras ocasións...jj.
    Saúdos a Mira...

    ResponderEliminar
  4. Hola meu!
    Moi bo este post sobre o Gin&Tonic, a mín este cocktail (ou cacharro) gústame con Bombay Sapphire, sobor da tónica non teño preferencias porque tampouco probei máis aló das dúas máis comerciáis.
    Supoño que tés razón en que ó zumo de Limón non lle vai ben á tónica, pero a mín gústame con un pequeno golpe de zumo de limón.
    Por certo, a mín mon me examinedes de galego porque non creo que me dera para pasar do dous...
    Saúdos e vémonos o Sábado!!!

    ResponderEliminar
  5. Ola meu!!
    Penso que sobre cócteis me podes ensinar algo ti a min, verdade?. Estaría ben un blog sobre cócteis... (eu só deixo aí a idea...jj). Pódeche servir como exemplo éste que atopei o outro día: http://cocteloxia.blogspot.com
    Sobre cómo preparar o mellor Gin&Tonic, con limón ou sen limón, iso vai no gusto de cada quen, pero nin te imaxinas o aroma que solta a casca dun limón ou unha lima canda a rascas un pouquiño...
    Vai preparando a cinta da cabeza para o sábado, eh?
    Vémonos

    ResponderEliminar