domingo 07 marzo 2010

Trufas de crema de augardente e mascarpone

Como aínda me queda crema de augardente na neveira da última remesa que preparei, estiven a buscar receitas de sobremesas que a empregan como ingrediente, e atopei no blog de Pepinho (i-recetas) esta que, polo fácil e polo rápida, convenceume enseguida. Trátase das súas Trufas de Baileys e mascarpone, que eu reconvertín en Trufas de crema de augardente e mascarpone.


Aínda que non son unhas trufas propiamente ditas, levan ese nome pola forma, moi similar á das trufas.

INGREDIENTES:
- 125 g. de queixo mascarpone
- 100 g. de chocolate branco
- 50 g. de manteiga a temperatura ambiente (pomada)
- 8 galletas Digestive
- 4 culleradas de crema de augardente
- Coco relado para rebozar

PREPARACIÓN:
1- Tritúranse as galletas ata que queden reducidas a po e derrétese o chocolate branco (no microondas ou ao baño maría) con 10 g. de manteiga.

2- Nun bol mestúrase o queixo mascarpone, o chocolate branco derretido, os 40 g. restantes de manteiga, as galletas trituradas e a crema de augardente. Remóvese ben para que quede unha masa lisa e homoxénea.


3- Métese na neveira durante unhas horas para que a masa endureza e colla consistencia suficiente para poder facer as boliñas facilmente.

4- Bótase o coco relado nun prato fondo. Vanse facendo as boliñas, bótanse no coco e vanse rebozando ben. Vanse colocando en moldes de trufas ou ben nun prato directamente.


5- Métense na neveira para que volvan coller consistencia.


PUNTUALIZACIÓNS:
- Ao facer as boliñas é conveniente meter as mans baixo o chorro de auga fría para que a calor das mans non as derreta.

- Pepinho usa na súa receita 10 biscoitos dos que levan azucre por encima. Eu tamén a fixen usando eses biscoitos, pero gústame máis como queda usando as Digestive, que poden ser normais ou, como eu, de laranxa. Pódese usar calquera galleta, pero é importante trituralas ben finas para que non aparezan grumos nas trufas, e hai que ter en conta ademais o peso das galletas, que influirá no número de galletas que vaiamos utilizar.


O dito, unha sobremesa facilísima e cun resultado e unha presenza excelentes. Así que se vos gusta a crema de augardente (ou a crema de güisqui) esta sobremesa, ben seguro, gustaravos tamén...

2 comentarios:

  1. Ola Manu, encantada de coñececerte e de que atoparas porque mira que andiven na procura de blogues culinarios galegos e non atopei ningún, bueno só os da cociña poética, non sei se os coñeces. Menudo curre facer as receitas en galego e en castelán, eu tamén o pensei, pero xa me agobia ás veces nunha soa lingua, que non dou acabado, cada entrada non para en 2 dúas horas de adicación e paso.
    Ademais que casualidade os dous nos adicamos á educación.
    As trufas teñen unha pinta estupenda.
    Como xa vexo que non tes seguidores póñote, co teu permiso, na miña lista de cociñeiros galegos para seguirte máis de preto.
    Saúdos

    ResponderEliminar
  2. Que mal me expreso!!! estou un pouco espesa. Quixen dicir que encantada de que me atoparas porque así eu puiden atoparte a ti. E blogues galegos hai a esgalla, pero en galego non, a lo menos eu non atopei e os tradutores son unha m.
    Saúdos

    ResponderEliminar