O paínzo (mijo, en castelán), é un dos cereais máis antigos que se coñecen, orixinario de África, aínda que aquí en Galicia se cultivou durante moitos séculos. Hoxe en día non sei se se segue a cultivar, a verdade.

Nun ensaio de M. Rubén García Álvarez aparecido na revista Grial baixo o título de A cociña e a mesa na Galicia de hai mil anos di o seguinte:
"A base fundamental da cociña do campesiño no século X era o pan. As fariñas máis utilizadas eran a de paínzo e a de centeo, pois como é ben sabido, o millo aínda non se conocía e, por outra parte, o trigo non se daba máis que nalgunhas localidades e, aínda esí, en pequenas cantidades. Ademais o trigo era moi caro, pois o modio dil, que viñan ser oito quilos e meio, custaba un soldo, que era o que valía unha ovella ou unha cabra por entón. De todos xeitos, aquelas fariñas máis utilizadas non se empregaban soias senón misturadas unha coa outra. A de milio, paínzo ou millo miúdo, rara vez ía sin mistura da de centeno, ou centeo, en proporción variabre".
Máis adiante tamén di:
"Ás doce, o noso campesiño faguía o prandium ou xantar, no que o elemento fundamental era o caldo, comido en cunca de madeira e con pan migado nil. Por suposto non sería igual ó caldo dos señores, no que non fallaba a vitela e maila pita, reducíndose iste dos pobres ó unto de porco mailas nabizas, grelos ou berza, espesado engadíndolle unha presa de fariña de paínzo".
Hoxe en día é o alimento básico para máis de 400 millóns de persoas de África, China e India.
Se queredes saber máis sobre este cereal aquí vos poño unha ligazón: El mijo.
A receita que hoxe traio saqueina de El gran libro de los postres sanos, de Adriana Ortemberg.

INGREDIENTES (para 4 tartaletas):
Para a base:
- 100 grs. de paínzo
- 200 ml. de auga
- 1 chisco de sal mariño
- 100 ml. de zume de laranxa ou mazá
Para o interior:
- 250 grs. de doce de marmelo compacto
- 150 ml. de zume de laranxa ou mazá
- 50 grs. de piñóns lixeiramente torrados

PREPARACIÓN:
1. Quentamos o forno a 180º e pincelamos con aceite 4 moldes de tartaletas.
2. Poñemos a quentar a auga co sal mariño e o zume; cando vaia ferver botamos o paínzo (ben lavado baixo o chorro de auga) e cocemos a lume lento ata que absorba todo o líquido. Deixamos arrefriar un pouco y dividímolo a partes iguais entre os 4 moldes presionando ben e cubrindo o fondo e os laterais.
3. No vaso do batedor poñemos o marmelo troceado e o zume, e triturámolo ata obter unha pasta homoxénea. Enchemos as tartaletas, botamos uns piñóns por riba e metemos no forno durante 15 minutos.
4. Finalmente, deixamos arrefriar 10 minutos e desmoldamos con coidado.

Anímovos a que probedes esta receita, tanto por sana e nutritiva, como por sinxela de facer. E, de paso, dámoslle outra oportunidade a este cereal que foi sustento dos nosos antergos e parte da nosa historia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario