martes, 25 de decembro de 2012

Galletas de xenxibre

Os xeados son para o verán, e as galletas de xenxibre son para o Nadal... Por suposto isto é mentira, tanto unha afirmación como a outra. A receita de hoxe é un clásico destas festas, si, pero pódese preparar en calquera época do ano.

Hai multitude de receitas de galletas de xenxibre, todas bastante parecidas. Esta que eu fago, e que veño facendo desde hai anos, está sacada do libro de Isabel Maestre Repostería y Pastelería (Espasa Calpe, 1991) e do que xa puxen varias receitas.

Galletas de xenxibre

INGREDIENTES:
- 140 g de manteiga en pomada
- 150 g de azucre
- 1 ovo
- 75 ml (105 g) de melaza de cana
- 5 g de canela moída
- 2,5 g de cravo moído
- 2,5 g de xenxibre en po
- 2,5 g de bicarbonato
- 375 g de fariña
- Un chisco de sal

PREPARACIÓN:
1- Mestúrase ben a manteiga co azucre. Unha vez teñamos unha mestura homoxénea engadimos o ovo e batemos ben. A continuación engádese a melaza e vólvese a remexer ben.

2- Engádense as especias e o bicarbonato, o sal e vólvese a mesturar todo ben.

3. A continuación engádese a fariña e amásase até obter unha masa que non se pega ás mans. Se é necesario pódese engadir algo máis de fariña, pero sen pasarse (a xusta para que non se pegue ás mans).

4- Introdúcese a masa na neveira durante dúas horas para que colla consistencia.

5- Pasadas dúas horas acéndese o forno a 180ºC. Sácase a masa da neveira. Bótase algo de fariña sobre a mesa de traballo e, coa axuda dun rodete, estírase a masa ata que teña un grosor de ao redor de medio centímetro.

6- Coa axuda de cortapastas con formas vanse sacando porcións de masa e vanse colocando encima dun silpat ou dun tapete de silicona para forno. Os recortes de masa vólvense a amasar e vólvense a estirar outra vez co rodete. Séguense cortando porcións de masa ata que esta se acaba.

7- Introdúcese a bandexa no forno uns 12 a 15 minutos (o tempo dependerá do grosor). As miñas estiveron 14 minutos.

8- Sácanse as galletas do forno e colócanse encima dunha reixa ata que arrefrían de todo.

PUNTUALIZACIÓNS:
- As cantidades de especias que veñen na receita orixinal son iguais, é dicir, 5 gramos de cada unha delas, pero a min gústame máis esta proporción. Cada cal que adapte as proporcións de cada especia ao seu gusto. Ollo co xenxibre, porque se nos pasamos quedarannos unhas galletas picantes (dígoo por experiencia...).

- No libro veñen as cantidades para facer o dobre de galletas, pero con estas cantidades que eu poño xa dá para tres bandexas de forno.

- Se non se atopa melaza de cana pódese substituír por 125 gramos de panela (ou un bo azucre moreno) e unha cullerada de auga. Eu comprei a miña en Carrefour (atopeina á beira do mel). Outro bo lugar para comprar melaza é algunha tenda de comida ecolóxica ou tenda gourmet.

- Se non se ten un tapete de forno, pódese usar papel de forno pintado con manteiga parar evitar que as galletas se peguen.

- Se se quere, pódense deixar as galletas algo máis grosas, dependendo do gusto de cada un. Se se deixan máis grosas, poida que necesiten algo máis de tempo de forno.

- Unha vez frías pódense decorar con algunha glasa, por exemplo a glasa real feita con clara de ovo e azucre. Outra forma de decoralas é facer o que eu fixen: botarlles por riba algún adorno antes de metelas no forno.

- Se se queren colgar da árbore de Nadal pódese, ben deixar un buraco na galleta antes de meter no forno, ou ben facer un buraco, con moito coidado, na galleta unha vez cocida.

- Con tres das galletas fixen unha proba: saquei unha forma do centro e enchina con caramelo de amorodo triturado. O caramelo de amorodo fúndese no forno ao mesmo tempo que se vai cocendo a galleta e, cando se arrefría, toma a aparencia dun cristal de vidreira. Este truco vinllo facer o outro día a Lorraine Pascale no seu especial de Nadal no Canal Cocina, e a verdade é que queda xenial.

O dito, unhas galletas ben fáciles de facer e que seguro voarán da mesa...

sábado, 17 de novembro de 2012

Risotto de cabaza e castañas asadas

Son un gran afeccionado aos risottos. Encántanme. E encántame descubrir novos sabores, novos ingredientes ou, mellor dito, novas combinacións de sabores e novas combinacións de ingredientes que converten uns sinxelos grans de arroz nun delicioso prato. E para iso teño ao mellor asesor de todos: Jamie Oliver.

Esta receita tamén é súa. Está sacada do seu libro Cook with Jamie: My Guide to Making You a Better Cook (Penguin Books, 2009). É un libro de máis de 400 páxinas no que, ademais de receitas, ensínanos técnicas de cociña, despezamentos de distintos animais e outros consellos que (como o seu nome indica) axudaranche a ser mellor cociñeiro.

Polo momento creo que está publicado unicamente en inglés, e é unha pena, porque a unha boa cantidade de seguidores hispanoparlantes (menuda palabriña) que ten gustaríalles poder acceder a todas as súas receitas en castelán.

A receita orixinal, Squash, sage and amaretti risotto, leva galletas amaretti (galletas italianas cuxo ingrediente principal é a améndoa). A min, que me gusta probar de todo (ou de case todo) na cociña, non me convenceu a idea, aínda que non descarto probar a ver que sae. Tamén é verdade que é o propio Jamie Oliver o que propón engadir castañas asadas, ou mesmo uns anacos de bacon, a este risotto.

Risotto de cabaza e castañas asadas

INGREDIENTES (para 2 persoas):
- 1 rama de canela
- 1 chile seco (opcional)
- 1 cabaza butternut pequena
- 1 ducia de castañas asadas
- 180 g. de arroz arborio ou carnaroli
- 1 dente de allo
- 1 cebola
- 1 chorro de vermú branco seco (ou viño branco)
- 500 ml. de caldo de pito ou de verduras
- 1 cullerada de queixo mascarpone
- 1 cullerada de manteiga
- Queixo parmesano relado (ao gusto)
- Unhas follas de sarxa fresca
- Aceite de oliva
- Sal
- Pementa negra recentemente moída

PREPARACIÓN:
1- Prequentar o forno a 200ºC. Nun morteiro machucar a rama de canela xunto co chile seco e un bo tanto de sal.

2- Cortar a cabaza en rodelas. Quitar todas as sementes. Asperxer a cabaza con aceite de oliva e fregar coa mestura do morteiro. Enfornar durante 45 minutos ata que a cabaza estea asada. Sacar do forno e reservar.

3- Picar (facer unha incisión) todas as castañas e asalas na bandexa do forno durante uns 35 minutos ou ata que se vexa que están asadas. Pelar en quente e reservar.

4- Quentar o caldo nun cazo. Nunha pota quentar un chorro de aceite e refogar o allo e a cebola picados finamente. Cando a cebola estea transparente engadir o arroz, un chisco de pementa negra e remexer ben. Baixar o lume (non queremos que se nos queime por fóra). Despois dun minuto engadir o chorro de vermú seco e remexer ben outra vez deixando que se evapore todo o alcol.

5- Empezar a engadir o caldo quente a culleróns e ir remexendo con frecuencia. Irase engadindo máis caldo a medida que o arroz vai absorbendo o anterior.

6- Mentres se coce o arroz frítense as follas de sarxa nun pouco de aceite de oliva. Cando estean fritas sácanse e resérvanse nun prato con papel absorbente para quitar o exceso de graxa.

7- Tamén, mentres se coce o arroz, sepárase a carne da pel da cabaza e machúcase. Pícanse as castañas reservando enteiras as máis bonitas para decorar o prato.

8- Cando o arroz está case listo engádese a cabaza machucada e as castañas troceadas. Reméxese todo ben e déixase que acabe de cocer o arroz.

9- Unha vez está listo o arroz apágase o lume e engádese a cullerada de queixo mascarpone, a manteiga e un bo puñado de queixo parmesano. Reméxese todo ben e compróbase o punto de sal. Debe quedar un arroz legato (ligado), é dicir, nin caldoso nin seco, senón que escorregue lentamente polo prato.

10- Sérvese cada ración de risotto cunhas follas de sarxa frita por encima e unhas castañas asadas. Bótase un pouco de queixo parmesano relado ao gusto.

PUNTUALIZACIÓNS:
- Pódese substituír a cebola por unha rama de apio. A min non me gusta demasiado o sabor do apio así que optei polo dozor da cebola.

- É moi importante que o vermú sexa seco, do tipo Martini Extra Dry. Non serve o vermú branco que se toma habitualmente como aperitivo. Se non se ten vermú seco, a mellor opción para substituílo é o viño branco.

- Se non se dispón de arroz arborio ou carnaroli (italianos) pódese usar arroz bomba, máis fácil de atopar. A principal característica destes arroces é o seu alto contido en almidón, que fará que este prato resulte cremoso, nunca seco.

- Pódese aproveitar para asar as castañas ao mesmo tempo que a cabaza, pero tendo en conta que as castañas asaranse antes.

- É importante que o caldo estea quente, xa que se non o está, fará que a temperatura baixe de súpeto repercutindo así na cocción do arroz.

- Picar as castañas é facerlles unha incisión para evitar que inchen coa calor do forno e cheguen a estoupar, non é cortalas en anacos. Cortaranse en anacos unha vez estean asadas e peladas.

- Hai que ter en conta que o queixo parmesano é bastante salgado, polo que é mellor esperar ao final de todo para rectificar o punto de sal se é necesario.

- Non hai que deixar repousar o risotto na pota despois de preparado, non é unha paella. Sérvese inmediatamente.

Este risotto é tremendamente outonal, non só pola cabaza que está de tempada, senón sobre todo polas castañas, tan abundantes nos soutos ourensáns nesta época do ano.

Bo proveito!!

domingo, 4 de novembro de 2012

Pementos asados recheos de pilaf de garavanzos

O outro día regaláronme media ducia de pementos vermellos, e apetecíame preparalos recheos. Até agora, a miña receita de pementos asados era con recheo de arroz e carne picada. Non é que sexa unha mala receita, pero ultimamente non me apetece nada usar a carne picada. Prefiro explorar o mundo vexetal, que me parece moito máis interesante, máis saboroso, máis colorido e, sobre todo, máis san. E este prato é unha boa proba diso: Pementos asados recheos de pilaf de garavanzos.

Esta receita está sacada dun libro que me comprei hai pouco, e que se titula Auténtica cocina vegetariana (Blume, 2009), de Paul Gayler, chef executivo do prestixioso Lanesborough Hotel, en Hyde Park, (Londres).

Coa mala fama que ten a comida inglesa, e ultimamente éncheseme o blog de cociñeiros británicos: Jamie Oliver, Gordon Ramsay, Harry Eastwood e, o que hoxe nos ocupa, Paul Gayler...jj

Pementos asados recheos de pilaf de garavanzos

INGREDIENTES (para 2 persoas):
- 4 pementos vermellos
- 400 ml. de caldo de verduras
- Un chisco de azafrán
- 175 g. de arroz
- 50 g. de piñóns
- 1 cebola
- 1/2 culleradiña de cilantro fresco relado
- 1/2 culleradiña de comiño moído
- 120 g. de garavanzos cocidos (poden ser de bote)
- 50 g. de pasas sultanas
- 1 cullerada de perexil picado
- Aceite de oliva
- 4 culleradas de vinagre balsámico
- 2 culleradas de mel
- Sal
- Pementa negra recentemente moída

PREPARACIÓN:
1- Quentar un pouco o caldo nunha pota. Botar o azafrán e deixalo repousar no caldo 4 ou 5 minutos. A continuación engadir o arroz e deixalo cocer ata que estea brando ou absorbese todo o caldo.

2- Mentres se fai o arroz, limpar os pementos sacándolles o talo, pero con coidado porque o imos a utilizar de tapa. Quítanse todas as sementes e resérvanse os pementos.

3- Nunha tixola bótase un pouco de aceite e tóstanse os piñóns lixeiramente. Unha vez tostados retíranse da tixola e engádese un pouco máis de aceite. Fritir a cebola picada finamente. Cando estea transparente engadir o cilantro, o comiño, os garavanzos e as uvas pasas. Cocer todo durante un minuto.

3- Engadir á tixola o arroz, os piñóns que reservaramos, o perexil picado, e salpimentar todo ben.

4- Encher os pementos con esta mestura e porlles a "tapa". Para que a tapa quede ben colocada e ben segura é mellor cravar uns escarvadentes, así non se abrirán ao asarse. Colocar os pementos recheos nunha fonte para forno.

5- Mesturar o vinagre balsámico, o mel e 100 ml. de auga tépeda e verter esta mestura na base do recipiente.

6- Meter no forno prequentado a 200ºC durante unha hora ou ata que se vexa que os pementos están asados.

7- No momento de servir, cortar os pementos pola metade e asperxer co mollo da cocción.

PUNTUALIZACIÓNS:
- Esta receita é unha adaptación da receita orixinal, a cal levaba, ademais dos ingredientes anteriormente citados, un dukkah de améndoas afumadas que se bota por encima do prato xa terminado. Un dukkah é unha mestura seca de especias moi popular na cociña exipcia. Esta mestura está a popularizarse nalgúns restaurantes para esparcir sobre rebanadas de pan con aceite.

- O arroz que eu usei é arroz vaporizado porque é un arroz que "non se pasa", aínda que serve calquera tipo de arroz.

- Se se van a usar garavanzos secos, necesitaranse uns 50 gramos para obter os 120 gramos de garavanzos cocidos.

Os pementos recheos son unha delicia, e esta é tamén unha receita deliciosa, apta para vexetarianos e, por suposto, tamén para os que non o son...

domingo, 7 de outubro de 2012

Tortiñas American Stylie

Hoxe toca outra receita sinxela, das de domingo pola mañá, das que se preparan en 10 minutos, xusto antes do almorzo, que é cando máis apetecen: tortiñas USA Stylie.

Estas tortiñas están sacadas do libro Happy Days with the Naked Chef, do chef británico Jamie Oliver (Penguin Books, 2001).

Pancakes USA Stylie

INGREDIENTES (para 2 persoas):
- 1 ovo, separadas xema e clara
- 40 g. de fariña
- 1/2 culleradiña de fermento sen aluminio
- 45 ml. de leite
- Un chisco de sal

PREPARACIÓN:
1- Nun bol bótase a xema de ovo, xunto coa fariña e o fermento, e reméxese ben ata que se forme unha pasta sen grumos.

2- A continuación bótase o leite e reméxese ata que estea ben integrado.

3- Aparte, móntase a clara de ovo co chisco de sal. Unha vez montada a clara engádese, con coidado, á mestura de fariña dando voltas ata que se faga unha masa homoxénea.

4- Quéntase unha boa tixola antiadherente e bótase unha cullerada da masa no centro. Ao cabo dun minuto, máis ou menos, dáselle a volta e déixase que se doure polo outro lado.

5- Séguense facendo tortiñas ata que se acabe a masa.

PUNTUALIZACIÓNS:
- Estas tortiñas pódense acompañar con infinidade de cousas: froitas, froitas deshidratadas, mel, marmelada, azucre, etc. Eu acompañeinas, esta vez, con xarope de pradairo.

- Se se opta pola froita ou a froita deshidratada (os arandos vermellos americanos combinan á perfección), unha boa maneira de engadir a froita é botala sobre a tortiña un pouco antes de darlle a volta, así queda adherida á tortiña e pódese dar a volta sen problemas.

- Ao contrario que as filloas, as tortiñas non deben quedar compactas e finas, senón esponxadas e un pouco grosas.

As típicas tortiñas americanas. So simple, so fast, so good...

domingo, 23 de setembro de 2012

Xeado manteigado

Si, seino, non é esta a mellor época do ano para facer xeado na casa, pero é que tiña moitas ganas de facer este xeado porque é un dos meus favoritos. Ademais, quen di que os xeados son só para o verán?

A verdade é que, despois de buscar e rebuscar na rede, atopei unha receita que colmou as miñas expectativas, polo simple da receita, pola explicación que dá a autora e, sobre todo, pola frase "Este xeado de mantecado fíxeno moitísimas veces, é un clásico na miña casa". Ese, para min, é un bo indicio de que a receita é boa...hh

O blog de onde saquei a receita é o seguinte: Lola en la cocina, e a ligazón á receita do xeado é este: Helado mantecado. Un blog, por certo, moi recomendable para os que aínda non o coñezades.

Aínda que me baseei na receita orixinal, introducín algúns cambios que creo que axudan a conseguir unha mellor textura á hora de elaborar xeados en casa: cambiei parte do leite por nata líquida, engadín leite en po, e cambiei parte do azucre por azucre invertido. O azucre invertido, ao contrario que o azucre normal, non cristaliza, facendo que o xeado quede máis cremoso. Preparar azucre invertido na casa é moi doado, e é moi útil non só na elaboración de xeados senón tamén na elaboración de masas con fermento, porque fai que fermenten máis rápido, ou nas masas tipo biscoito, porque fai que o resultado final sexa menos seco. Aquí poño a ligazón á receita: Azucre invertido.

O leite en po engade proteína ao xeado, o cal fará que sexa máis cremoso. Ademais, ao levar lactosa fai un efecto parecido ao do azucre invertido, é dicir, axuda á non cristalización do xeado. Isto é debido a que a lactosa é un azucre capaz de absorber até 10 veces o seu peso en auga. Ademais, debido ao seu pouco poder adozante non fará que teñamos que compensar as cantidades de azucre.

Outra variación que fixen foi a cantidade, xa que fixen xusto a metade da receita orixinal. Aínda así saíume cantidade suficiente para unhas 12 bólas de xeado, aproximadamente.

Xeado mantecado

INGREDIENTES:
- 300 ml. de leite enteiro
- 200 ml. de nata líquida con 35% m.g.
- 3 xemas de ovo
- 135 g. de azucre
- 40 g. de azucre invertido
- 30 g. de leite en po desnatado
- 25 g. de manteiga
- Un anaco de para de limón
- Un pau pequeno de canela

ELABORACIÓN:
1- Sácase a manteiga da neveira e resérvase.

2- Nun cazo bátense as xemas co azucre e o azucre invertido. Cando estean batidas vaise engadindo a nata e o leite aos poucos. Cando se engadiu todo o leite engádese o leite en po e reméxese ben. A continuación engádense a para de limón e o pau de canela.

3- Colócase o cazo a baño maría e reméxese con bastante frecuencia. É conveniente vixiar a temperatura da mestura para que non exceda os 85ºC, porque se o fai as xemas callarán. Para facer isto é moi útil un termómetro con sonda.

4- Cando a mestura empece a pegarse á culler apágase o lume e pásase a mestura a través dun coador a outro bol para que arrefríe. Reméxese de cando en vez para evitar que se forme costra.

5- Cando estea tépeda engádese a manteiga ou a manteiga de vaca a temperatura ambiente e mestúrase ben coas varillas para que quede ben integrada.

6- Unha vez fría hai dúas opcións: ben pasalo a un recipiente apto para conxelar e metelo no conxelador, ou ben pasalo a unha xeadeira para que se forme o xeado.

7a- Se optamos pola primeira opción, haberá que sacar o xeado dúas ou tres veces do conxelador a medida que se vaia conxelando para remexer cunha culler e evitar así que se formen cristais.

7b- Se temos unha xeadeira (este é o meu caso) botámolo na xeadeira e agardamos a que estea bastante espeso antes de botalo nun recipiente apto para meter no conxelador. Neste caso non será necesario remexelo.

PUNTUALIZACIÓNS:
- Ao contrario do que poida parecer, este xeado non se conxela até o punto de ter que sacalo con antelación do conxelador para poder servilo. É bastante cremoso, e é bastante "dócil" á hora de preparar unhas boas bólas para servilo, e esa si é unha característica que eu busco nun xeado caseiro.

- Se non se ten ou non se quere facer o azucre invertido, pódense engadir 175 gramos de azucre normal na receita.

- Aínda que hai varios tipos de leite en po no mercado, o máis habitual é o desnatado. Os outros teñen tendencia a porse rancios moi rápido.

- Tamén se pode substituír a manteiga por manteiga cocida de vaca, o que lle dará un sabor máis intenso a manteigado. Se se usa a manteiga de vaca hai que engadila á mestura cando aínda está algo quente para que se disolva completamente.

Moitos ourensáns temos en mente o recordo do xeado manteigado de "La Ibense", que se elaboraba alí de maneira totalmente artesanal. Aquí poño o enderezo da nova xeadaría La Ibense na Valenzá (Barbadás) para os nostálxicos que queiran volver degustar esta marabilla:

Este que eu traio hoxe, salvando as distancias, tenta parecerse un pouco ao que se pode comprar alí, aínda que se non o conseguín igualar de todo non importa. O que importa é que este xeado está delicioso...

sábado, 15 de setembro de 2012

Taller de elaboración de conservas artesanais de Bonito do Norte

Esta mañá puiden asistir a un taller de elaboración de conservas artesanais de Bonito do Norte, da man de Rubén Amorín (de Ni mata ni engorda) e Lydia Rodríguez.


A verdade é que a idea de facer este tipo de conservas levaba roldándome a cabeza desde hai tempo, pero botábame un pouco para atrás o non ser capaz de facelo correctamente e botar a perder unha peza dun bo bonito do norte. Así que, grazas a este curso, creo que xa estou capacitado para enfrontarme a ese reto...jj

Aquí quedan algunhas fotos do evento:







Non só compensa economicamente, senón que ademais o bonito en conserva feito por un mesmo é moito mellor que a maioría de marcas que podemos atopar no supermercado. E así o puidemos comprobar ao finalizar o taller...


Grazas Rubén e Lydia!!

domingo, 9 de setembro de 2012

Encontro de gastrobloggers no Ribeiro

Onte sábado tiven a oportunidade de participar, xunto con outros gastrobloggers galegos, nunha visita guiada pola adega do Grupo Reboreda Morgadío, da Denominación de Orixe Ribeiro.


Foi unha xornada moi amena e pracenteira que comezou cunha visita aos viñedos da adega, situados na marxe esquerda do río Miño. Alí Jacob, técnico da adega, foinos desentrañando a todos algúns aspectos relacionados coas uvas que alí se cultivan, algo que agradecemos aqueles que non estamos demasiado familiarizados co mundo do viño.




A continuación, da man de Ana e de Jacob, puidemos coñecer as entrañas da adega, e tamén tivemos ocasión de probar algúns dos caldos que alí se producen, como son o Viña Reboreda (Ribeiro), ou outros pertencentes a este grupo, como o Morgadío (Albariño), como complemento perfecto a uns petiscos de xamón e a unhas deliciosas anchoas de Santoña con queixo fresco.



A continuación, e despois de dar por finalizada a visita á adega, subimos até a parte alta dos viñedos para degustar unha deliciosa comida a base de tapas, preparada polo cociñeiro Juan Pablo Carral, da taberna "O Carreiro", de Neda (A Coruña): navallas á prancha, ovos cocidos, tosta de lombo fresco á prancha con pemento de piquillo, tosta de xamón con ovo de paspallás e, o petisco que sorprendeu a todo o mundo, e que consistía en brocheta de polbo e lagostino sobre tosta de pan de Neda, con chip de iuca, ameixa, champiñóns e ovas.


Toda esta comida regada, como non, cos viños producidos na adega Reboreda Morgadío, tanto brancos como tintos.

E se a comida fora unha delicia, a sobremesa non quedou atrás, porque puidemos degustar un das sobremesas típicas da Galicia, e do que eu non ouvira falar na miña vida: a prolla. Ao parecer é unha sobremesa típica da zona da Coruña (Neda, Pontedeume, etc.) e que vos aseguro non tardarei en facer...hh.

O colofón da comida púxoo o Alma de Reboreda, un Viño Tostado do Ribeiro. Un viño doce, aromático, para degustar en pequenas doses, acompañando algún prato doce ou por si só. Está elaborado de forma totalmente artesanal a partir de uvas pasas pertencentes a variedades autóctonas desta denominación de orixe. Unha auténtica xoia que permaneceu no esquecemento durante moitos anos e que, grazas ao esforzo de adegueiros como estes, está a volverse a recuperar para deleite de todos nós.


E se a esta comida lle sumamos as fantásticas vistas que desde alí tiñamos do río Miño, entón a xornada xa quedaba redonda.


Unha xornada moi especial e enriquecedora e da que teño que agradecer a Ana e Jacob, da adega, pola súa amabilidade, polos seus coñecementos e sobre todo polo agarimo que transmiten ao viño; a Juan Pablo, o cociñeiro, pola marabillosa comida; e ao resto de gastrobloggers que me acompañaron neste evento, Loly Llano de O Garfelo, Carmen Albo de Guisándome la vida, Víctor Branco de O Bandullo, Manuel Bustabad de Vagón de cola, Berta Castro de El sabor de lo dulce, Begoña López de Violetas en mi cocina, Jose Luís Oliveira de As pequenas viaxes (e algo de gastronomía), e Fidel Martín de El turista cultural (esperabamos, así mesmo, contar coa presenza de Alfonso López de Recetas de rechupete, aínda que esta vez non puido ser). Pero sobre todo quixese agradecer a Rubén Amorín, de Ni mata ni engorda, por ser o alma mater deste encontro e por facer que este día resultase tan agradable.

Aquí queda a noticia deste encontro que apareceu no Telexornal Mediodía da TVG (minuto 29):





Boa comida, boa bebida e mellor compañía. Que máis se pode pedir!!

domingo, 19 de agosto de 2012

Torta de mazá caseira

A receita de hoxe é outro clásico da repostaría, unha desas das que todo o mundo ten a receita e que todo o mundo, de cando en vez fai, ben polo sinxela que é de facer, ou ben polo rica que está: Torta de mazá caseira.


Aínda que hai infinidade de receitas de torta de mazá, creo que esta é unha das máis rápidas de preparar, porque non é máis que un simple biscoito con toros de mazá por encima. A receita está sacada do libro Repostería y Pastelería (Espasa Calpe, 1991), de Isabel Maestre, e do que xa puxen aquí máis dunha receita.


Torta de mazá caseira

INGREDIENTES:
- 3 ovos
- 3 mazás reinetas (ou calquera outra variedade que teñamos a man)
- 125 g. de fariña
- 1 culleradiña (2,5 g.) de fermento sen aluminio
- 125 g. de azucre
- 125 g. de manteiga
- Un chisco de sal
- Azucre glace para rematar


PREPARACIÓN:
1- Prequéntase o forno a 180ºC e prepárase un molde redondo para enfornar.

2- Derrétese a manteiga e déixase arrefriar un pouco. Nun bol mestúranse os ovos co azucre e bátese coas varillas eléctricas durante 3 ou 4 minutos ata que a mestura estea esponxosa e tome unha cor amarela pálida.

3- Engádese a manteiga derretida, a fariña, o fermento e o sal. Mestúrase todo ben e bótase no molde preparado.

4- Pélanse as mazás, sácaselles o carozo e filetéanse. Vanse colocando os anacos de mazá de maneira que vaian formando un círculo, e incrustándoos un pouco na masa. Cando estea toda a superficie cuberta de mazá métese no forno durante 45 minutos ou ata que se vexa que está feita.

5- Desmoldéase, déixase arrefriar de todo e cóbrese a superficie cun pouco de azucre glace.


PUNTUALIZACIÓNS:
- O molde é mellor que sexa desmontable. Para preparalo para enfornar esténdese un pouco de manteiga por todo o fondo e polas paredes. A continuación bótase un pouco de fariña e esparéxese ben de modo que quede pegada a toda a manteiga e retírase o exceso de fariña se o houbese.

- Por suposto, na receita orixinal non aparece o fermento sen aluminio, senón po Royal.

- Se se ve que non queda demasiado feita por encima, pódese pór o grill 5 minutos antes de terminar a cocción para que tome unha cor dourada, pero con coidado de que non se queime a mazá.

- Tamén se pode glasear cun pouco de marmelada de albaricoque, ou cun pouco de azucre invertido, co que quedaría unha superficie brillante.


Sobremesa sinxela onde as haxa, perfecta para o almorzo ou para calquera outro momento do día...