martes, 6 de xaneiro de 2009

Canto a Dios

Non, non é que entrase de súpeto a vena mística ou teolóxica, non, ese é o título do último CD de Chucho Valdés en chegar ás miñas mans, cortesía de My Missus, claro...



Dionisio de Jesús Valdés Rodríguez, máis coñecido como Chucho Valdés, pianista cubano, é o autor deste precioso traballo, inspirado no desastre do furacán Katrina que asolou a costa sur dos Estados Unidos en agosto de 2005, e que deixou máis de 1.800 mortos, cebándose especialmente coa cidade de Nova Orleans. El mesmo di nunha entrevista concedida ó diario El País, o 23 de xullo do pasado ano 2008, que neceitaba facer este tributo á cidade que viu nacer o blues e o jazz.
Se queredes ler todo o artigo pinchade na seguinte ligazón:
Artigo en El País sobre o lanzamento do disco Canto a Dios

Agora mesmo téñoo como música de fondo mentres escribo estas liñas, e a verdade que está impregnado de espíritu Valdés, evidentemente, pero é algo diferente dos anteriores, probablemente por esa espiritualidade que impregna de xeito máis acusado certas partes do traballo, especialmente o corte 4 que dá título ó CD. Tamén colaboran con el a Orquestra Sinfónica Nacional de Cuba e o Coro Nacional de Cuba, entre outros músicos invitados.

Este disco foi grabado en La Habana, Cuba, entre xaneiro e decembro de 2006, e viu a luz o pasado 2008. Inclúe, temas novos, pero tamén algún clásico, como Claudia (e con esta xa son cinco as versións que teño deste tema en diferentes CD's), e que é para min, e para moitos máis, o mellor bolero instrumental de toda historia.

Eu descubrín a Chucho Valdés como moitas outras persoas, da man de Fernando Trueba e o seu tributo ó jazz latino chamado Calle 54. Para min este disco foi o descubrimento dun estilo ata entón descoñecido e que cambiou a miña maneira de ver o piano e a música en xeral. O que este "monstro" é capaz de facer cun piano nas súas inmensas mans é algo incrible.

Lonxe queda xa aquel 13 de marzo de 2002 no que nos visitou no Teatro Principal para ofrecer un concerto que para min foi inesquecible. Ese día tiven a oportunidade de intercambiar unhas palabras con el ó rematar o concerto (grazas ó meu amigo Sandi, antigos coñecidos da súa Cuba natal), facer a foto de rigor con el, autógrafo nun dos seus Cd's (orixinal, por suposto...jj), e comprobar que é unha persoa grande en tódolos aspectos. Cando me deu a man para despedirnos, non vos vou a contar o que supuxo para min tocar esa man "capaz de obrar maravillas".

E para mostra un botón: Son en Do menor



En fin, despois disto so me queda dicir unha cousa: o CD, aparte do título Canto a Dios, debería levar o subtítulo de: ...e tamén "toco a Dios".

Ningún comentario:

Publicar un comentario