venres 02 xaneiro 2009

As mellores albóndigas de atún

Hai un par de días chegáronme uns libros que tiña pedidos, case todos de cervexa, pero entre eles atópase un que non trata sobre cervexa pero ó que tamén lle tiña moitas gañas: La cocina italiana de Jamie, de Jamie Oliver, o meu cociñeiro de referencia. Con este xa van catro libros seus que teño, e o carro andando...


Un libro de 319 páxinas nas que podemos atopar os típicos antipasti (entrantes), pizzas, sopas, pasta (como non...), risottos, ensaladas, pratos de peixe, pratos de carne, acompañamentos e sobremesas, todo isto facendo un percorrido por boa parte de Italia. Neste libro están recollidas moitas das receitas que apareceron na súa serie de televisión Jamie Oliver de viaxe por Italia, e que en España se puido ver no Canal Cociña.
Aquí tedes un pequeno fragmento do capítulo no que chega a Palermo e se ofrece para cociñar peixe na rúa:



A presentación do libro é en pasta dura, o papel é de boa calidade e as fotografías, como adoita ser habitual nos seus libros, está moi ben. En resumo, unha boa compra.

A Jamie Oliver moitos de vos xa o coñeceredes, e para os que non o coñezades, podedes googlealo e atoparedes cantidade de información acerca del en tódolos idiomas imaximables e por imaxinar (vale, quizais estou a esaxerar un pouquiño...jj). So dicirvos que é un cociñeiro inglés e a pesares diso un bo cociñeiro, da mesma quinta ca min, ámbolos dous somos de 1975 (dato anecdótico), e que cociña dun xeito un pouco diferente ó que nos teñen acostumados os cociñeiros que saen na tele. Eu descubrino por casualidade hai xa algúns anos cando me regalaron un dos seus primeiros libros, Happy Days with the Naked Chef, libro que algún día tamén comentarei aquí no blog.

A receita que fixemos hoxe é a de Le migliori polpette di tonno, ou o que é o mesmo As mellores albóndigas de atún. Aquí a reproduzo tal e como aparece na súa páxina web:

A case todas as persoas que coñezo encántanlles as albóndigas, así que pensei en darvos unha receita de albóndigas un pouco diferentes. Vinas facer en Sicilia do mesmo xeito, utilizando unha mestura de peixe espada e de atún - pero non con atún envasado nin enlatado. Estas teñen que facerse con peixe fresco e sazonarse sutilmente con herbas e especias sicilianas - esta receita é tan boa como as versións feitas con carne!

Para a salsa de tomate:
- 1 cebola pequena, pelada e finamente picada
- 4 dentes de allo, pelados e finamente laminados
- 1 culleradiña de ourego seco
- 2 x 400 g latas de tomates pelados de boa calidade
- sal mariña e pementa negra recentemente moída
- vinagre de viño tinto
- un ramillete pequeno de perexil fresco de folla plana, separadas as follas e finamente picadas

Para as albóndigas:
- 400g/14oz de atún de desenvolvemento sostible
- aceite de oliva
- 55g/2oz de piñóns
- 1 culleradiña de canela moída
- sal mariña e pementa negra recentemente moída
- 1 culleradiña de ourego seco
- un mangado de follas frescas de perexil de folla plana, picadas
- 100 g/3½ oz de pan relado do día anterior
- 55g/2oz de queixo parmesano relado
- 2 ovos
- o zume e a casca de 1 limón

Para 4 persoas

En primeiro lugar faise a salsa. Coloca unha pota grande sobre o lume, engade un bo chorro de aceite de oliva, o allo e a cebola e frite lentamente durante 10 minutos ata que estea máis ou menos feita. Engade o ourego, os tomates, o sal e a pementa e leva a ebullición. Cociña a lume lento durante uns 15 minutos, entón tritura ata que quede unha salsa fina. Proba - poida que necesite un pequeno chorro de vinagre de viño tinto ou algún condimento extra.

Mentres os tomates se cociñan a lume lento, corta o atún en dados de 2.5cm/1 pulgada. Verte un par de culleradas de aceite de oliva nunha tixola grande e pon ao lume. Engade o atún á tixola coa canela e os piñóns. Sazona lixeiramente con sal e pementa e frite durante un minuto ou máis ata que o atún estea cociñado por todas as partes e torra os piñóns. Retira do lume e pon a mestura nun bol. Deixa arrefriar durante 5 minutos. A continuación, agrega o ourego, perexil, pan relado, queixo parmesano, os ovos,e a reladura e o zume de limón ao bol. Usando as mans, esmaga e mestura os sabores co atún e, a continuación, divide a mestura e apértaa para formar albóndigas lixeiramente máis pequenas que unha pelota de golf. Se metes unha das túas mans en auga mentres lle dás forma ás albóndigas conseguirás unha superficie lisa nas albóndigas. Se a mestura é moi pegañenta, engade un pouco máis de pan relado. Tenta facer albóndigas máis ou menos do mesmo tamaño e colócaas nunha bandexa engraxada, e a continuación ponas na neveira durante unha hora para deixalas repousar.

Volve poñer a tixola onde fritiches o atún ao lume cun pouco de aceite de oliva. Engade as albóndigas e dálles voltas ata que estean douradas por todas as partes. É posible que queiras facelo en quendas - cando estean feitas, engádeas á salsa de tomate, divídeas nos pratos, bótalles perexil picado por riba e un chorro dun bo aceite de oliva. Estupendas con espaguetis ou linguine.

Esta receita aparece na páxina 203 do libro, e que tamén podedes atopar na súa páxina web. Aquí vos deixo a ligazón á receita orixinal:

http://www.jamieoliver.com/recipes/fish-recipes/the-best-tuna-meatballs-le-migliori-polp

Tan so un par de suxerencias: eu faría dados de atún máis pequenos que 2.5 cm e botaríalle algo menos cantidade de piñóns, o que axudaría a conseguir unhas albóndigas máis compactas, e tamén eliminaría o zume de limón, posto que non nos gustou demasiado o sabor. Por suposto, isto non é máis que unha suxerencia miña. Polo demais, estupendas, moi agradables de comer. Aquí podedes ver unha foto de como me quedou o prato:


Animádevos a facelas, merece a pena, e xa me contaredes...

Ningún comentario:

Publicar un comentario