domingo, 4 de xaneiro de 2009

Antigüidades e recordos...

Hoxe tocou paseo matinal pola Praza Maior. Como cada primeiro domingo de mes estaba instalado alí o mercadiño de antigüidades. Como en tódolos mercadiños deste tipo, podes atopar de todo: cousas realmente antigas e que nos fan retroceder á nosa infancia ou incluso á infancia dos nosos pais, como os manuscritos que empregaban na escola para aprender a ler e a escribir, e que nós xa non chegamos a coñecer, e cousas que son basicamente modernas, pero que cunha boa capa de po poden parecer antigas, pero que non o son.

Hai algún tempo merquei aquí unha botella antiga de El Águila Negra, baleira e sen chapa, que me valera, se non lembro mal, 8€. Hoxe tiñan a mesma, chea e con chapa, pero por 25€, aínda que o prezo, normalmente, se pode negociar (nada que ver co regateo superagresivo que se practica nos países árabes..jj).

Tamén merquei hai tempo un par de métodos antigos para aprender inglés: un de 1943 que se titula English Method, da Editorial Araluce (Barcelona), e outro de 1965 que se chama Método de Inglés, de Gráficas Casulleras (Barcelona).


Non é que eu sexa demasiado aficionado ós libros antigos nin ás antigüidades en xeral, pero gustáronme, e o prezo non era demasiado caro, así que ó final viñeron para casa. A fotografía que vén a continuación é un detalle do libro máis antigo:


Aínda que estes en concreto non estaban pensados para os nenos, senón máis ben para adultos que querían aprender inglés, nada teñen que ver cos que se empregan hoxe en día na escola, e incluso cos que empregamos os non tan nenos nas escolas oficiais de idiomas, verdade?

Todo isto fáime pensar en algo: Como serán os libros de ensinanza idiomas de dentro de, poñamos, 50 anos? Existirán os libros impresos en papel ou serán todos dixitais? Necesitaremos estudar un idioma ou xa se poderá elixir como "extra" antes de nacer? Poderán ser implantados os idiomas como recordos ó máis puro estilo Desafío Total?

O tempo dirá...

Ningún comentario:

Publicar un comentario