luns, 7 de febreiro de 2011

Kedgeree de salmón afumado

O kedgeree (pronunciado /ˌkɛdʒəˈriː/) é un prato moi típico da cociña inglesa, aínda que o seu nome lembre un pouco a outras latitudes.


A orixe do kedgeree é incerto. Hai dúas teorías: a primeira di que cando os ingleses estiveron en India, durante a época Victoriana (segunda metade do século XIX), descubriron este prato e que logo o levaron a Inglaterra. Curiosamente introduciron este prato como almorzo, e hoxe en día segue sendo moi típico alí tomar este prato ben cedo pola mañá. A segunda teoría di que é un prato orixinario de Escocia, e que foi levado á India polas tropas escocesas alí destacadas, tamén durante o Raj (/rɑːdʒ/) británico. Sexa cal for a súa orixe o que si parece certo é que o seu nome deriva do vocábulo indio Khichri (/ˈkʰɪtʃɽi/)que é o nome dun prato da gastronomía hindú cuxos ingredientes principais son arroz e legumes (normalmente lentellas).

O kedgeree ten moitas variantes, pero basicamente é un prato feito a base de arroz, peixe cociñado e desmigado e ovos cocidos, ademais de herbas e especias, como o curry ou a cúrcuma. O peixe máis tradicional para elaborar o kedgeree é o abadexo, aínda que pode usarse calquera peixe, mesmo afumado.

A receita está sacada do libro Brunch, un placer de fin de semana (Ed. Parragón, 2006), escrito pola australiana Jennifer Donovan.


Este é un deses libros de cociña que, a pesar de ser moi baratos, son dunha boa calidade, tanto o papel e a encadernación (é de tapa dura con sobrecuberta), como polas receitas que trae, que son realmente boas. Compreino na Cholloteca de Alacante a un prezo de risa (non recordo se foron 2 ou 3 euros), aínda que tamén o vin en Fnac por 4,95€.

A receita aparece no libro co nome Kedgeree de trucha ahumada (páx. 50-51), e o que eu fixen foi cambiar troita por salmón afumado, co que o resultado é moi similar.

Kedgeree de salmón afumado


INGREDIENTES (para 2 persoas):
- 25 g de manteiga
- Un chorriño de aceite de oliva
- 1 cebola pequena
- 1 culleradiña de garam masala
- 1 culleradiña de cúrcuma
- 2 vainas de cardamomo
- 1 rama pequena de canela
- 160 g de arroz
- 1/2 litro de caldo de peixe
- 100 g de salmón afumado
- 2 ovos
- 1 culleradiña de perexil picado
- 1 culleradiña de ceboliño picado
- 1 culleradiña de eneldo picado

PREPARACIÓN:
1- Nunha pota ponse a manteiga xunto co aceite de oliva e quéntase. Engádese a cebola picada e refógase ata que estea transparente.

2- Cando a cebola estea pochada engádese o garam masala, a cúrcuma, as vainas de cardamomo machucadas e a rama de canela, e déixase fritir durante un minuto.

3- Engádese o arroz e remóvese constantemente durante outro minuto máis para que se impregne ben de todos os sabores das especias. Engádese o caldo de peixe na proporción de 2 cuncas e media de caldo por cunca de arroz, e déixase cocer o arroz.

4- Mentres se coce o arroz, ponse a cocer os ovos en auga fría. A partir de que a auga rompe a ferver cóntanse 12 minutos. Pasado este tempo sácanse da auga e resérvanse.

5- Cando o arroz está listo retírase do lume, retírase a rama de canela, incorpórase a maior parte do salmón afumado cortado en tiras e remóvese ben.

6- Repártese o arroz en dous pratos, botando por enriba o resto de salmón afumado, os ovos cocidos pelados e cortados en metades ou en cuartos, e as herbas picadas: perexil, ceboliño e eneldo.


PUNTUALIZACIÓNS:
- Pódese utilizar calquera variedade e arroz que nos guste. Eu utilicei arroz vaporizado, pero pódese usar algún arroz aromático como basmati ou xasmín. Por suposto cada variedade de arroz implica unha cantidade de caldo diferente e un tempo de cocción diferente.

- A receita orixinal usa caldo vexetal en lugar de caldo de peixe. A min gústame o sabor do caldo de peixe neste prato, pero pódese usar calquera dos dous.

- Se non atopades garam masala á venda podédelo elaborar na casa. Hai unha chea de páxinas que din como facelo, por exemplo esta: Garam masala, mesturando especias na casa.

- Eu non engado nada de sal porque o salmón afumado adoita ser bastante salgado. De todos os xeitos, convén comprobar o punto de sal antes de servir.


Un prato facilísimo e cun resultado realmente bo, para comer ao mediodía ou para cear e, se alguén quere (eu non...hh), tamén para almorzar...

Ningún comentario:

Publicar un comentario