Neste caso volve a ser outra receita con polo, cun acompañamento de arroz basmati: Chicken and leek stroganoff. Atópase dentro do capítulo Twenty-minute meals , polo que xa se pode supor que se trata dunha receita rápida e sinxela (19 minutos segundo di a receita)

INGREDIENTES (para 2 persoas):
- Sal mariña e pementa negra recén moída
- 150 grs. de arroz de gran longo ou basmati
- Un porro grande
- Un bo puñado de setas
- 2 peitugas de polo, preferiblemente caseiro ou ecolóxico
- Aceite de oliva
- Un dado de manteiga
- Un vaso de viño branco
- Un ramillete de pirixel fresco
- 285 ml. de nata para cociñar
- Un limón
PREPARACIÓN:
1. Pon ó lume unha pota con auga e algo de sal. Cando ferva bota o arroz, deixa que volva a ferver, e entón baixa un pouquiño o lume. Cóceo o tempo que che poñan as instrucións do paquete.
2. Pica finamente o porro e lávao ben. Corta as setas en liscos. Corta as peitugas en tiras finas do tamaño dun dedo ou en dados pequenos.
3. Pon unha tixola a lume forte e engade un bo chorro de aceite de oliva e un dado de manteiga. Engade o porro, o vaso de viño branco, un vaso pequeno de auga, sal e pementa. Déixao cocer durante uns 5 minutos cuberto parcialmente cun anaco de papel de aluminio.
4. Mentres, pica finamente o pirixel, incluídos os talos. Retira o papel de aluminio e engade as tiras de peituga de polo, a maior parte do pirixel, a nata e as setas. Remexe, deixa que volva a coller fervura, baixa o lume e deixa cocer durante 10 minutos.
5. Escorre o arroz. Xusto antes de servir corta o limón pola metade e espreme o zume dunha das dúas metades no stroganoff. Corrixe de sal e pementa se fose necesario.
6. Bota algo de arroz nos pratos co stroganoff por riba. Adorna co resto do pirixel picado. Corta a outra metade do limón en dous e pon cada un deses cuartos en cada prato.
Eu fixen algunhas variacións con respecto ás instrucións que Jamie Oliver dá no libro:
O primeiro que fixen foi pasar un pouco na tixola as tiras de polo, e no mesmo aceite os champiñóns (uséi un bote de champiñóns laminados ecolóxicos de Carrefour Eco):

Despois de fritir os champiñóns, no mesmo aceite, engadín a manteiga e o porro, e deixéi que collera algo de cor antes de engadir o viño.
En lugar de 285 ml. de nata, uséi 200 ml. (un tetra brick pequeno) de nata e o resto de leite (máis que nada para non deixar un tetra brick de nata aberto na neveira).
Tampouco lle botéi o zume de limón, pero se vos gusta, adiante.
O dito, outra receita tan sinxela como saborosa.
Bo proveito!!
Ningún comentario:
Publicar un comentario