luns, 29 de decembro de 2008

Beer Bottle Symphony Orchestra

Que se pode facer con un montón de cervexas? (aparte de bebelas, claro...) Pois iso, chamar a un montón de colegas e tocar unha peza, o que pensaría todo o mundo...jj.
Bonito e gracioso video no que podemos ver á Orquestra Sinfónica de Melbourne e a Orquestra Victoria dirixidos por Cezary Skubiszewski, autor ademais da canción. Fantástico!!



E se vos gustou e queredes ver o making of aquí o tedes:



Grazas Fujiño. Unha aperta.

E ós nenos do Moucho: xa podedes ir practicando...jj.

domingo, 28 de decembro de 2008

Ensalada de brócoli

Ben, pois aquí estamos de novo. Despois dun paseo matinal pola beira do río, estamos de volta na casa para facer a comida e pasar o día dos inocentes facendo algo de "nadación", que é un deporte ó que somos bastante afeccionados...jj.

Onte preparamos Ensalada de brócoli, un prato moi doado de facer e que está moi bo (incluso para aqueles ós que non lles gusta o brócoli e incluso para aqueles ós que non lles gusta o mel).

Este prato é un habitual na carta do Pena Vixía, un restaurante da zona vella que nos gusta bastante (algún día farei unha sección neste blog dedicada a restaurantes). Non sei se é exactamente igual á que preparan alí, pero paréceselle bastante, e o resultado non está nada mal.

En realidade non é unha ensalada ó uso, pero recibe ese nome tanto pola variedade de ingredientes que se xuntan no prato, como pola sua apariencia, sen embargo é un prato quente que senta moi ben nestes días de frío.




INGREDIENTES (para 2 persoas):


- 2 brócolis (ou 1 grande)

- 5 ou 6 pementos de piquillo

- Un puñado de noces

- Unha loncha gorda de queixo curado

- Unha cullerada de mel

- Sal

1. O primeiro é cocer o brócoli. Hai que ir separando os bastonciños e poñelos a cocer cun chisco de sal. Nos, para facelo empregamos un fervedor de bambú para cocer ó vapor que mercamos hai xa algún tempo por Internet, e que, por certo, foi unha das mellores compras que fixemos. Non se deben cocer demasiado (arredor de 4 ou 5 minutos), porque abrandarían demasiado e non quedarían ben. Deben quedar al dente.

2. Mentres vai cocendo o brócoli imos preparando os demais ingredientes: imos cortando os pementos en tiras (eu tamén lles retiro as sementes, porque non resulta moi agradable atopalas entre os dentes), pelando as noces (deixándoas o máis enteiras posible) e cortando o queixo en dados.

3. Despois de cocer o brócoli, botámolo nunha tixola grande con algo de aceite de oliva e deixamos que colla algo de cor.


4. Botamos as tiras de pemento na tixola co brócoli e engadimos as noces. Dámoslle unhas voltas a todo e botamos tamén unha cullerada de mel.

5. Por último, apagamos o lume e botamos na mesma tixola os dados de queixo, deixándoos o tempo xusto de dar unhas voltas e verter nunha fonte ou directamente nos pratos.



Bo proveito!!

venres, 26 de decembro de 2008

Ready, steady, go!!!!!!

Hoxe, despois de darlle moitas voltas, comeza a miña aventura como blogueiro. Aínda non sei moi ben que é o que sairá de aquí, nen se serei o suficientemente constante para actualizalo a miudo, pero prométome a min mesmo que o farei. A ver...
Os que me coñecen xa saben que me gusta cociñar e que me gusta a cervexa (e os que non me coñecen, polo título do blog xa poden imaxinar esto último...), así que basicamente o que aquí aparecerá serán cousas relacionadas coa cociña e coa cervexa, ademais de todas aquelas cousas que me pareza oportuno mencionar, que para iso é o meu blog...
Dito isto, comezamos....