martes, 25 de agosto de 2015

Quinoa con verduras ecolóxicas

Este é un dos pratos máis sinxelos e, á vez, máis saborosos e nutritivos que se poden facer na casa: quinoa con verduras ecolóxicas.

A verdade é que esta é unha receita de aproveitamento, xa que se pode facer con calquera verdura que se teña por casa, e o mellor é que estas verduras sexan caseiras ou ecolóxicas, para asegurarnos de que están cheas de sabor e tamén libres de pesticidas de síntese.

Aquí en Galicia é o CRAEGA (Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia) o órgano encargado de certificar os produtos ecolóxicos que se producen na nosa comunidade. Por suposto, non me refiro só a verduras e hortalizas, senón tamén a carne (tenreira, pito) e outros produtos como o mel, o viño, etc.
Da receita que traio hoxe, o único produto que o CRAEGA non podería certificar é, obviamente, a quinoa.

A quinoa (Chenopodium quinoa) é un pseudocereal procedente dos países andinos de Sudamérica, principalmente Bolivia, Perú e Chile, e que ten innumerables propiedades beneficiosas para o organismo. Pódese comer de moitas maneiras: en sopas, en ensaladas, en tortas salgadas (Pastel de quinoa e fiúncho) ou, como neste caso, acompañada dunhas verduras.

Quinoa con verduras ecolóxicas

INGREDIENTES (para 2 persoas):
- 1 vaso de quinoa
- 2 vasos de caldo de verduras
- 1 dente de allo
- 1 cebola
- 2 cenorias
- 1 pemento verde
- 1 pemento vermello
- 1 cabaciña
- 3 tomates
- Aceite
- Sal

PREPARACIÓN:
1- Nunha pota ponse a quentar aceite de oliva a lume lento. Pícase o dente de allo e engádese á pota. A continuación faise o mesmo coa cebola. Pásase ben ata que a cebola estea transparente.

2- A continuación vanse botando o resto das verduras tamén picadas, en orde de máis dura a máis tenra: cenoria, pementos e cabaciña. Engádese sal e déixase facer.

3- Por último, córtanse os tomates pola metade, quítanselles as sementes e rélanse con axuda dun relador. Engádense ás verduras e déixase cociñar todo a lume lento ata que se vexa que están feitas.

4- Mentres se van facendo as verduras, bótase a quinoa nun coador e lávase ben debaixo do chorro de auga fría e déixase escorrer. Cando á verdura lle queden uns 15 ou 20 minutos, bótase a quinoa nunha pota pequena xunto co dobre de caldo. Cócese ata que absorba todo o caldo, pero con coidado de que non se queime.

5- Sérvese a quinoa no prato xunto coas verduras, ou ben se bota a quinoa na pota das verduras e remóvese todo ben antes de servir.

PUNTUALIZACIÓNS:
- Pódese empregar tamén caldo de pito ou mesmo de xamón, pero se se quere que sexa un prato estritamente vexetariano, o mellor é usar caldo de verduras. Outra alternativa, se non se quere usar caldo, é usar simplemente auga.

- Pódense usar todas as verduras que se queiran, por iso é unha receita ideal para aproveitar todas as verduras que teñamos pola neveira.

- En lugar de relar o tomate tamén se pode pelar para logo picar fino co coitelo, tipo concassé, pero o relador é moito máis rápido e cómodo.

- O caldo de verduras pódese facer na casa. Eu normalmente cómproo xa feito.

- É necesario lavar ben a quinoa para eliminar a saponina que recubre e protexe as sementes. Se non se fai isto, quedará un sabor amargo que nos estragará o prato.

Saúde!! (e esta vez nunca mellor dito...)