
Volve ser outra receita do libro de Harry Eastwood Red Velvet Chocolate Heartache (Bantam Press, 2009).

Harry EastwoodO nome da receita orixinal é Pistachio Chocolate Cake. Eu ademais engadín a cabaciña no nome para que non soe como unha torta de chocolate máis, senón que se vexa que é un pouco diferente ao levar un ingrediente pouco habitual neste tipo de receitas. Este ingrediente é, ademais, o "culpable" da ausencia de graxa (manteiga, aceite, nata...) na torta para que a faga máis húmida. O resultado é unha torta esponxosa, húmida e lixeira, pero cun marcado sabor a chocolate.
Torta de chocolate, cabaciña e pistachos

INGREDIENTES:
- 100 g de pistachos sen casca
- 3 ovos medianos, preferiblemente caseiros ou ecolóxicos
- 180 g de azucre mascabado (eu usei panela)
- 300 g de cabaciña pelada e picada moi finamente
- 120 g de fariña de arroz
- 60 g de cacao en po de boa calidade
- 2 culleradiñas fermento sen aluminio
- Un chisco de sal
PARA A COBERTURA DE CHOCOLATE:
- 50 g de manteiga en pomada
- 50 g de azucre glas
- 1 cucharada de auga mineral moi quente
- 25 g de cacao en po de boa calidade
- 25 g de pistachos en anacos para repartir por encima da cobertura de chocolate

PREPARACIÓN:
1- Prequentar o forno a 180ºC. Preparar un molde redondo desmontable con manteiga e fariña.
2- Triturar o máis fino que se poida os pistachos até deixalos "feitos po". Reservar.
3- Montar os ovos co azucre durante un par de minutos ata que collan unha cor pálida. Engadir a cabaciña picada ben fina e o po de pistachos, seguido da fariña de arroz, o cacao peneirado, o fermento e o sal. Mesturar ben todos os ingredientes.
4- Verter no molde preparado e meter no forno durante uns 35 minutos. Como sempre, ao picalo cun escarvadentes, este debe saír limpo.
5- Mentres se coce a torta no forno prepárase a cobertura. Para iso bátese a manteiga un pouco antes de engadir o azucre glas e a auga. Bater até obter unha pasta. Engadir o cacao en po peneirado e seguir batendo ata que estea ben mesturado. Meter na neveira tapando a superficie con filme de cociña até o momento en que se vaia a usar.
6- Unha vez cocida a torta sácase do forno, colócase sobre unha reixa e déixase arrefriar completamente antes de cubrir toda a superficie coa cobertura de chocolate.
7- Termínase a torta repartindo os pistachos troceados por encima da cobertura de chocolate. Gardar na neveira e sacala uns 20 minutos antes de servir.

PUNTUALIZACIÓNS:
- A autora reparte a masa en dous moldes antes de meter no forno, co que obtén dous discos de biscoito de chocolate. Para montar a torta coloca un primeiro disco como base, cóbreo con cobertura de chocolate, pistachos troceados. Coloca o segundo disco encima e repite a operación. O resultado é unha torta rechea de chocolate. Eu non me compliquei e fíxeno nunha soa peza. Se se quere seguir o método da autora da receita hai que dobrar as cantidades nos ingredientes da cobertura de chocolate.
- Pódese utilizar esta cobertura de chocolate ou calquera outra que vos guste, ou simplemente non utilizar ningunha. Neste caso o biscoito de chocolate tería unha textura e un sabor parecidos a un brownie.
- Se ao triturar os pistachos vemos que forman unha pasta e se trituran con dificultade, pódese engadir un chisco de fariña de arroz para que se solten un pouco e resulte máis doado triturarlos.
- Os pistachos que van sobre a cobertura de chocolate deben deixarse en anacos máis ou menos grandes aínda que, se se prefire, pódense picar finos e repartilos ben por toda a superficie.
- Para obter 100 g de pistachos sen casca necesitaremos uns 200 g de pistachos enteiros. O mellor é compralos sen sal. Se non os atopamos ou, simplemente, queremos usar algún paquete que teñamos por casa (como é o meu caso), e usamos pistachos salgados, non necesitaremos engadir máis sal á mestura de ingredientes. Eu calculei mal as cantidades e quédeme soamente con 4 ou 5 pistachos para decorar a torta.
- Se non se atopa fariña de arroz (cada vez é máis fácil atopar este tipo de fariña no súper) pódese cambiar por fariña de trigo, pero xa será unha torta un pouco menos saudable.
- O azucre mascabado é moi similar á panela, polo que se pode substituír un por outro sen maior problema. Se non se atopa nin un nin outro se pode utilizar azucre moreno.

Se a min de pequeno me deran as cabaciñas cociñadas así...hehe
Outra receita que che copiarei, aínda non fixen os muffins, teño planeado facelos este finde, xa che contarei.
ResponderEliminarSaúdos
Xa me contarás.
ResponderEliminarUn saúdo
Manuuuuuuuu!!!!!!!!!!!! Veño a darche as grazas e requetegrazas por estas receitas. Xa fixen os muffins e miña naiña, non estás bos están superiores e ademais estalos comendo e pensando o sans que son e aínda saben mellor. Como algo tan sinxela pode estar tan bo. Esta muller é unha artista.
ResponderEliminarSabes que me dixo miña nai? "Destes non fagas máis que están tan bos que non paras de comer e ó final non son tan sans, comendo moitos, non é san"
De todos xeitos xa comprei outra tableta de chocolate con menta para facelos senon mañá, pasado.
Ti compraches o libro e eu aproveitome da túa xenerosidade ao compartir.
Agora terei que probar a torta, non queda sen probar, asegúrocho e tamén os outros muffins. Ti sigue poñendo receitas que eu copio.
Ao final púxenlle follas de menta picadiñas e quédanlle de marabilla, xa non mirei pola esencia, penso que non é necesario.
Tamén pensei que pode ser boa idea facelos co chocolate que hai de laranxa, ti que dis?
Bicos e grazas
Non hai de que. Alégrame que me digas que che gustaron, pero ten en conta o que che di túa nai...hehe. Eu volvinos a facer onte pero non lle botei as follas de menta (teño a menta con algo de pulgón) e asegúroche que tamén voan da mesa...hehe.
ResponderEliminarAnímote a que probes os de cabaza e améndoa, que tamén están moi bos (quizais nuns muffins deste tipo quedaría ben o chocolate con laranxa...), e a torta de pistachos tamén, aínda que se a queres máis "saudable" non lle poñas cobertura.
Non te preocupes que seguirei poñendo receitas deste libro (e ten receitas para rato...hehe)
Bicos
Xa os publiquei, non me daba a paciencia, podes pasar a velos.
ResponderEliminarBicos
Unha preguntiña? TI das conseguido a fariña de améndoa? EU preguntei no herbolario do pobo, onde me conseguen todo o que lles pido, pero de momento non a conseguiron, vano seguir intentando. Pero se sabes dalgún sitio onde a haxe, poderíasmo dicir?
ResponderEliminarGrazas
A fariña de améndoa é o mesmo que a améndoa moída. Tódolos supermercados de por aquí a teñen (Gadis, Froiz, Eroski, Carrefour...) na sección de repostería. As que compro habitualmente son da marca Reigosa ou Vahiné. Se non a atopas ou non cha poden conseguir, podes facela ti triturando améndoas na picadora o máis fino posible e listo...
ResponderEliminarPara calquera dúbida xa sabes... ;)
Un bico
Eu tamén compro desas, no super, pero penso que si hai un pouco máis finiña, máis moída, é que quería tentar a facer macarons e canto máis fina mellor.
ResponderEliminarGrazas
Pois entón non che sei. Eu probaría a pulverizala un pouquiño máis coa picadora, a ver...
ResponderEliminarDe tódolos xeitos, preguntarei na tenda onde compro habitualmente, que teñen todo tipo de fariñas. Se me entero de algo xa che conto, vale?
Saudiños!