xoves, 14 de xaneiro de 2010

Muffins de cabaza con glaseado crocante

Volvéronme a dar cabazas... e a verdade é que encanta...hh. Así que imos pois con outra receita cuxo ingrediente principal é a cabaza, e para iso volvo recorrer a Jamie Oliver e a outra das súas boísimas receitas: Muffins de cabaza con glaseado crocante.


Os muffins (/'mʌfɪns/) son uns doces moi parecidos ás madalenas, pero que difiren un pouco en canto á súa composición. Mentres que as madalenas fanse basicamente con fariña, ovos, manteiga ou aceite, azucre e fermento, os muffins incorporan algún froito seco na súa composición, ademais de froitas, perliñas de chocolate, etc, facendo que sexa unha masa máis compacta. Por este motivo debe usarse un molde máis ríxido que os típicos de papel para madalenas. Tamén poden levar iogur ou nata e adoitan cubrirse cun glaseado (o recubrimiento habitual para as madalenas é un pouco de azucre botado por riba xusto antes de meter no forno).


Os muffins que hoxe nos ocupan están sacados do libro En casa con Jamie, de Jamie Oliver (RBA, 2008).


Neste libro recóllense as receitas que Jamie Oliver prepara na serie de televisión En casa de Jamie Oliver. Aínda que no libro a receita aparece co nome Muffins de cabaza mosqueta ou vinateira con glaseado crocante, na serie recibían o nome de "Bolos" de cabaza. Aquí temos o extracto sacado do capítulo 11 da 1ª tempada (Cabazas - Pumpkin&Squash), no que o propio Jamie prepara estes deliciosos muffins:



Eu poño a metade das cantidades que aparecen no libro e sáenme uns doce muffins, pero todo depende do tamaño dos moldes.

INGREDIENTES (para uns 12 muffins):
- 200 g. de cabaza (crúa e con pel)
- 175 g. de azucre moreno
- 2 ovos grandes (preferiblemente ecolóxicos ou caseiros)
- Sal mariño
- 150 g. de fariña de repostaría sen tamizar
- 1 cullerada de Royal
- 75 g. de noces
- 1 culleradiña de canela moída
- 85 ml. de aceite de oliva virxe extra

Para o glaseado:
- A reladura de 1/2 clementina
- A reladura de 1/2 limón e o zume de 1/2
- 70 ml. de nata agre (sour cream) ou de nata espesa
- 1 cullerada acugulada de azucre moído, tamizado
- 1/2 vaina de vainilla
- Opcional: flores de lavanda ou pétalos de rosa


PREPARACIÓN:
1- Prequentar o forno a 180ºC. Triturar as noces pero sen deixalas reducidas a po. Sacar as noces da picadora e botar a cabaza. Triturala fina.

2- Engadir o azucre moreno e os ovos, o sal, a fariña, o Royal, a canela e o aceite. Pór en marcha a picadora ata que estea todo mesturado, pero sen bater demasiado. Engadir as noces picadas e mesturalas co resto da masa.

3- Encher os moldes pero sen chegar até os bordos. Meter no forno durante uns 30 minutos aproximadamente. Comprobar a cocción cunha agulla. Deixar arrefriar.

4- Mentres se cocen os muffins no forno, prepárase o glaseado: botar nun bol a maior parte da reladura de clementina, toda a reladura de limón e o zume de limón. Engadir a nata, o azucre glass. Abrir ao longo a vaina de vainilla e raspar o interior cun coitelo para extraer as sementes. Engadilas ao bol.

5- Mesturar todo ben e probar. Engadir algo máis dalgún dos ingredientes (azucre, zume,...) se se estima oportuno. Gardar na neveira ata que os muffins arrefríen de todo.

6- Unha vez os muffins estean fríos botar un pouco de glaseado por encima, co resto da reladura de clementina e as flores de lavanda ou os pétalos de rosa.


PUNTUALIZACIÓNS:
- Ademais dos ingredientes que usa Jamie Oliver, eu engado ademais un chisco de cravo moído e unha baga de pementa de Xamaica moída.

- Como por aquí non se atopa a sour cream (nata agre), utilicei crème fraîche, que tamén é bastante espesa. Tamén se pode substituír por iogur natural, ou incluso quéfir.

- En lugar de aceite de oliva virxe extra, utilicei aceite de xirasol de agricultura ecolóxica.

- Eu utilizo moldes de silicona, que son máis ríxidos que os de papel e ademais de poden reutilizar.

- Pódense encher os moldes até case o bordo posto que, ao non ser tan esponxosos como as madalenas, non subirán tanto.


Estes muffins teñen a vantaxe de que se fan moi rápido posto que non hai que cocer ou asar a cabaza, e ademais están moi bos...

Ningún comentario:

Publicar un comentario