domingo, 3 de xaneiro de 2010

Crema de augardente

Nestas datas do Nadal rescatei unha receita que tiña gardada e que levaba bastante tempo sen facer. Trátase da crema de augardente, que tan de moda se puxo ultimamente.


O bagazo ("orujo" en castelán) é o residuo resultante do prensado das uvas, antes ou despois da fermentación do viño. Obviamente, se queremos destilar o bagazo primeiro debe de ter fermentado, porque pola contra dificilmente poderiamos sacar alcol de onde non o hai...

O líquido obtido da destilación do bagazo recibe o nome de augardente.

O bagazo componse basicamente de cangallos (a estrutura vexetal do acio), felechos (a pel da uva), sementes e residuos orgánicos e minerais procedentes das uvas.

Aquí en Galicia, a obtención de augardente a partir da destilación do bagazo é unha práctica ancestral amplamente difundida por toda a nosa xeografía, especialmente nas zonas vinícolas. Na actualidade a Augardente de Galicia posúe unha Denominación Específica, e un Consello Regulador encárgase, entre outras cousas, de velar pola calidade das augardentes producidas na nosa comunidade.

En Italia esta augardente recibe o nome de Grappa.

A verdade é que a receita orixinal é a da crema de whisky, e o único que fixen foi cambiar o whisky pola augardente branca, nas mesmas proporcións.

INGREDIENTES:
- 1 bote de 370 g. de leite condensado
- 1 bote de 410 g. de leite evaporado
- 300 ml. de augardente branca
- Un flan de vainilla
- Unha culleradiña de café soluble

Esta foto parece un anuncio de Nestlé, e o motivo é que esta receita está sacada dun folleto con 3 ou 4 receitas que esta marca regalaba, fai xa unha chea de anos, ao comprar algún dos seus produtos (xa non lembro cal...). Ese é o motivo tamén de que as cantidades de leite condensado e de leite evaporado se adapten perfectamente aos formatos que nos presenta esta marca.

PREPARACIÓN:
1- Nun bol amplo, bater ben todos os ingredientes coa batedora á máxima potencia.

2- Filtrar, embotellar e refrixerar.


PUNTUALIZACIÓNS:
- O flan de vainilla pode ser calquera dos mercados. Pódese substituír por unha xema de ovo, aínda que o toque de vainilla queda bastante ben. Se se quere prescindir do flan pero non do aroma a vainilla, pódese engadir un chorriño de vainilla líquida.

- Pódese adaptar a cantidade de augardente para facer unha crema máis forte ou máis suave.

- A mellor augardente, mellor crema de augardente.

- Pódese tomar con ou sen xeo, pero sempre fría.

- É mellor facela con polo menos un día de antelación posto que estará máis boa que se se toma no momento.

Saúde, e Feliz 2010!!!

Ningún comentario:

Publicar un comentario