martes, 17 de febreiro de 2009

A lamprea en Arbo

O venres pasado por fin tiven ocasión de probar a lamprea, e digo por fin porque despois de ano e medio que levo traballando en Arbo, ésta foi a primeira vez que puiden catar este manxar, e non foi tarefa doada... Explícome.

Cando encargas lamprea nun restaurante, o que fan é prepararche unha lamprea enteira, é dicir, non preparan racións individuais porque teñen que matar a lamprea para aproveitarlle o sangue para cociñala. Se vas ti só tes que pagar toda a peza, e non é barata (este ano anda polos 65€).

Outro inconveniente é que, como a preparan no seu propio sangue, ou mellor dito, como utilizan parte do seu sangue como ingrediente na súa preparación, a algunha xente resúltalle algo desagradable...

Ademais está o feito de que é un produto moi estacional. A tempada da lamprea comeza en xaneiro e remata en marzo, aínda que en abril ou maio tamén se pode comer. Álvaro Cunqueiro, no seu famosísimo libro A Cociña Galega, di o seguinte acerca da lamprea:
Soben os nosos ríos a lamprea e máis o sábalo. Toda a Galicia come lamprea, xa dixemos, á bordelesa ou empanada. Boa é a lamprea do Miño, que se colle nos "pescos" antergos, e en Arbo fanlle festa. A lamprea mellor é a que sobe nos meses invernais, e xa o refrán quere que "en marzo para o amo, e en abril para o criado", ou esixe o saber popular que a lamprea se xante "denantes de que estea cucada", é dicir de que escoite cantar o cuco nos bosques das ribeiras. A lamprea era da gula dos señores romanos, que aquí en Galicia debéronse dar boas enchentas (...) A lamprea ademais de fresca, pódese curar, e pódese comer cocida, con verdura, ou rechea, - como a dan na festa de Arbo, e algunha vez está moi boa, - e eu catei a lamprea curada rechea de lamprea fresca, e mais un picadiño de ovo duro e xamón, amolecido o todo en viño tostado-. E xa se dixo no que toca ás empanadas o que pode ser unha de lamprea.

Parece ser que a tradición de cociñar a lamprea en Arbo comezou hai xa moito tempo cando o propietario dun hospedaxe cercano á estación do tren (pode que sexa o edificio que ocupa actualmente o restaurante Mezquita) leu a tradución portuguesa dun texto francés no que se describían as distintas formas de preparar este produto. Curiosamente este peixe cocíñase case exclusivamente en Galicia, Portugal e Francia.


A lamprea é un peixe prehistórico, cunha antigüidade duns 400 millóns de anos, a medio camiño entre os peixes e as serpes, con certo parecido coas anguías. Para saber máis sobre este curioso animal aquí vos poño a ligazón á Galipedia: Lamprea.

Aínda que en tódolos restaurantes da vila de Arbo preparan a lamprea, disque o que mellor prepara este prato é o Mezquita, que como xa dixen antes, atópase na baixada á estación do tren. Este restaurante só abre as súas portas durante a tempada da lamprea, así que xa vos podedes imaxinar cal é o seu prato estrela...

Aquí preparan a lamprea á bordelesa, que ó parecer é a preparación máis tradicional. Tamén fan empanada de lamprea, pero este día non a tiñan e quedamos coas ganas de probala, así que de entrante pedimos unhas croquetas de xamón caseiras. Teño que dicir que a presentación na mesa ía acorde coa súa calidade: moi lixeiras pero con abundante xamón.


Ás veces non é doado adiviñar de qué son as croquetas que che poñen nos restaurantes porque todo se reduce a unha bechamel espesa rodeada por unha costra graxenta, pero éste non era o caso.

O segundo prato foi, como non, a lamprea á bordelesa, tamén coñecida como lamprea ó estilo de Arbo.



A salsa bordelesa (de Burdeos), leva principalmente viño tinto, e neste caso tamén o sangue do propio animal. O normal é preparar un arroz branco para acompañar ou, como nesta ocasión, misturar o arroz coa salsa bordelesa na mesma cazola de barro onde se serve.

A verdade é que non as tiña todas comigo porque me esperaba un sabor bastante máis forte, pero non foi así. O seu sabor era suave, moi agradable, ó igual cá salsa. Adóitase dicir que a lamprea, ou che gusta moito ou non che gusta nada, que non hai termo medio. Se isto é verdade, entón eu estou no primeiro grupo.

Para rematar a comida, flan de ovo con crema inglesa. Unha sobremesa sinxela pero exquisita, e cunha presentación estupenda.


O dito, un lugar moi recomendable para todos os que queirades degustar este manxar, aínda que estou seguro de que en calquer restaurante de Arbo poden satisfacer os paladares máis esixentes.

Tódolos anos, durante o derradeiro fin de semana de abril, celébrase en Arbo a Festa da Lamprea. Este ano terá lugar a XLIX edición desta festa, que se celebrará os días 24, 25 e 26. O mesmo fin de semana terá lugar a XVIII edición da Arbomostra, que é unha feira agroindustrial e artesanal da bisbarra do Condado-Paradanta.

Para os que non se poden achegar ata Arbo para probar a lamprea, aquí deixo unha ligazón ó blog Cocino en casa, no que se explica paso a paso cómo preparala na casa: lamprea ó xeito tradicional. Aproveito para recomendarvos que lle botedes unha ollada a este blog porque é moi interesante.

E para os que non queirades (ou non poidades) achegarvos ata Arbo nin vos atrevades a preparala na casa, tamén vos queda a opción de probala en conserva: Lamprea á bordelesa Lafitte. Por falta de opcións que non sexa...

Só me queda darlle as grazas a Luisma por terme acompañado na mesa para degustar un dos manxares máis apreciados do Miño. Mágoa que os encoros que invadiron este río ó longo do século pasado non deixen que estes peixes suban a desovar ata os lugares onde adoitaban facelo en tempos dos nosos avós.

2 comentarios:

  1. Parabéns polo teu blog, grazas á túa achega encontrei a ligazón ao blog Cociño en Casa e animeime a preparar este delicioso prato por primeira vez.

    Cando se comparte gáñase!; moitas grazas por compartir compañeiro.

    Unha aperta desde A Coruña

    ResponderEliminar
  2. Grazas polas túas palabras.

    Alégrame ter sido de axuda. Estiven vendo o teu blog e as lampreas quedáronche cunha pinta moi boa.

    "L Festa da Lamprea" en Arbo, os días 23, 24 e 25 de abril 2010.

    Unha aperta

    ResponderEliminar