domingo, 22 de febreiro de 2009

Orellas de Entroido

As orellas de Entroido son unha sobremesa típica nas mesas galegas nestas datas de Entroido nas que nos atopamos.

Don Carnal non se pode queixar da gran cantidade de seguidores que ten nesta provincia de Ourense. Famosos son os entroidos do triángulo máxico que forman Xinzo de Limia, Verín e Laza. Pero tamén ten seguidores por todo o mundo, como xa dicía alá polo século XIV o Arcipreste de Hita no seu Libro de buen amor:
«...Como es Don Carnal muy rico emperador
e tiene por todo el mundo poder como señor,
aves e animalias, por el su grand amor,
vinieron muy omildes, pero an gran temor...»
(Madrid, Cátedra, 1992, p. 272.)

Aínda que eu non lle teño gran devoción a Don Carnal, gústame facer as orellas de Entroido, máis pola parte tradicional da sobremesa que pola parte culinaria. Nunca foron unha das miñas sobremesas favoritas (eu fun sempre máis de filloas), e seguen sen selo, pero na casa gustan, e iso é o que me anima a facelas (e xa levo varios anos animándome...jj)

Ós que vos gusten as orellas e teñades por tradición prepraralas na casa, imaxino que xa teredes a vosa receita ancestral de orellas de Entroido que evocará os sabores que saían da cociña das vosas avoas. Esas son as receitas que deben perdurar no tempo e non se deben de perder. Ós que aínda non teñan a "súa" receita familiar ou aínda non atoparan unha que os convenza, aquí poño a que emprego eu, que non é da miña avoa, senón de Fernando, un cociñeiro de Manzaneda que coñecín hai uns anos traballando en Chandrexa de Queixa.

INGREDIENTES (para arredor de 24 orellas):
- 1/2 quilo de fariña frouxa
- 100 grs. de azucre
- 1/2 sobre de Royal
- A reladura e o zume de medio limón
- 1/2 vaso de leite
- 2 ovos
- 65 grs. de manteiga cocida de vaca (ou manteiga normal)
- Un chisco de sal
- Un chorriño de anís

PREPARACIÓN:
1- Amasar todo ben durante uns 10 ou 15 minutos. Se fixese falla pódese engadir máis fariña, a xusta para que non se nos pegue a masa ás mans. Se lle botásemos demasiada fariña quedarían demasiado duras.

2- Tapar a masa cun pano e deixala descansar durante polo menos media hora.

3- Estirar a masa cun rolete o máis fina que se poida e cortala dándolle a forma de orella (eu normalmente, para iso, utilizo un cortapizzas). Ésta é a maneira máis doada de facelo, aínda que desta vez, o que fixen foi tomar porcións individuais de masa e estiralas co rolete, e quedaron coa forma que podedes ver na foto.


4- Fritir en aceite de oliva ben quente, dándolles a volta cando estean feitas por un lado.

5- Ó sacalas do aceite, poñelas sopre papel absorbente e botar algo de azucre glas por riba.


Un apunte en relación ós ingredientes: eu sempre usara manteiga normal para facelas, pero lin na receita das orellas de Entroido de delokos, que usa manteiga cocida de vaca, e este ano useina por primeira vez nas orellas, e a verdade é que non se nota demasiado o cambio como se podería notar por exemplo nun queique, pero a manteiga de vaca sempre foi de uso máis tradicional en Galicia, polo que entendo que para facer unhas orellas ó "estilo antiguo" é máis axeitado usar este tipo de manteiga. Eu atópoa no supermercado Froiz que está preto da miña casa, de Larsa. Non sei se será demasiado doada de atopar fóra de Galicia, pero de tódolos xeitos se non a podedes atopar non vos preocupedes demasiado, usade da normal e xa está.

Recoméndovos que lle botedes unha ollada ó blog de delokos, no que, ademais da súa estupenda receita das orellas de Entroido, hai tamén unha reseña sobre o I Concurso de Orellas de Santiago e bisbarra, que tivo lugar o pasado 16 de febreiro, e que tivo como gañadora á Pastelería Miguel Ángel, de Bertamiráns, Ames. Unha moi boa iniciativa que trata de que non se desvirtúen os sabores tradicionais e que non se perdan as receitas que forman parte da nosa tradición culinaria.

Bo proveito!!!

Ningún comentario:

Publicar un comentario