Amosando publicacións coa etiqueta Bocuse d'Or 2009. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Bocuse d'Or 2009. Amosar todas as publicacións

xoves, 29 de xaneiro de 2009

Yes, can we...?


Hoxe rematou o concurso de cociña Bocuse d'Or, celebrado na cidade francesa de Lyon, como parte do Sirha ou o que é o mesmo, o Salón Internacional da Restauración, a Hostalería e a Alimentación. O Bocuse d'Or está considerado como o concurso gastronómico máis importante e máis prestixioso do mundo.

Os escandinavos, como era de agardar, volveron a copar os primeiros postos, xunto cos franceses.

Gañador: Noruega
O gañador foi o equipo noruego co chef Geir Skeie á cabeza, que recibirá como premio, ademais do trofeo de ouro, un premio en metálico que ascende a 20.000€.


O segundo clasificado foi o equipo sueco capitaneado por Jonas Lundgren , que recibirá o trofeo de prata e 15.000€ en metálico.



E o terceiro clasificado foi o equipo francés de Philippe Mille, do restaurante do Hôtel Le Meurice de París, e que recibirá, ademais do trofeo de bronce, un premio en metálico de 10.000€.

O noso representante, Ángel Palacios, do madrileño restaurante La Broche, quedou nun discreto 20º posto dun total de 24 participantes, aínda que o obxectivo español era quedar entre os seis primeiros clasificados. Aquí vos poño a ligazón á clasificación final na que aparecen tódolos participantes.

Geir Skeie é o chef do resturante Mathuset Solvold, de Sandefjord, e xa resultara vencedor do Bocuse d'Or europeo celebrado o pasado verán.


Tódolos participantes tiñan a obriga de usar bacallao noruego para o prato de peixe e carne de vacún da raza Aberdeen Agnus escocesa para o prato de carne.

O seu prato de peixe para esta ocasión era Bacallao con kokotxas "lixeiramente afumadas", chícharos, gambas, cebola, e acompañamento de dados de remolacha con boniato e trufas negras, e unha emulsión de Riesling:


A carne preparouna con foie gras de pato e moita trufa negra.


Cando subíu a recibir o premio, Geir berrou a xa famosa frase de "Yes, we can", o lema da campaña de Barack Obama nos Estados Unidos. O que debían estar pensando os españois cando o oíron sería "Yes, can we...?", por iso de que en practicamente tódalas edicións deste concurso saíron vencedores os escandinavos ou os franceses.

O ano que vén celebrarase en Suiza a edición do Bocuse d'Or europeo, como paso previo ó Bocuse d'Or mundial de dentro de dous anos. Esperemos que o representante español (a min gustaríame moito que fose galego) acade un mellor posto. De tódolos xeitos, non se debe esquecer que o mero feito de estar presente é xa de por si todo un premio.