
As linguas de gato son unhas galletas finísimas, de forma alongada (como o seu nome indica), con sabor a manteiga, e que se poden comer soas ou que poden acompañar a outros doces, por exemplo cravadas nunha bóla de xeado coma se fosen uns barquillos.
Estas galletas pódense preparar de maneiras diferentes. A receita é en grao sumo sinxela, así como os ingredientes a utilizar. Eu saquei a miña de El Libro de Oro de la Repostería, editado en fascículos hai xa algúns anos polo xornal Faro de Vigo, e cuxas receitas son da Academia de la Cocina Española.
Linguas de gato
INGREDIENTES (para unhas 20 aproximadamente):
- 100 g. de azucre
- 100 g. de fariña
- 100 g. de manteiga
- 2 claras de ovo
- Esencia de vainilla
PREPARACIÓN:
1- Nun bol amplo bátese a manteiga até deixala moi fina e, sen deixar de bater, engádese o azucre e un pouco de esencia de vainilla, e únese todo ben.
2- A continuación, incorpóranse as claras batidas a punto de neve, mesturándoas con coidado cunha culler de madeira ou de silicona.
3- Por último, agrégase a fariña e mestúrase até obter unha masa homoxénea. Pásase a mestura a unha manga pasteleira con boquilla ancha.
4- Sobre unha placa de forno engraxada (mellor un Silpat ou un tapete de silicona) ponse as linguas -duns 5 cm. de lonxitude-, separadas unhas doutras para que ao crecer durante a cocción non se peguen.
5- Métense no forno prequentado a 180ºC ata que se vexan douradas polos lados. Sácanse do forno e con axuda dunha espátula vanse colocando sobre unha reixa para que se arrefríen de todo.

PUNTUALIZACIÓNS:
- Con esta receita podemos aproveitar desde unha soa clara de ovo até as que teñamos, a condición de que sexan poucas. O único que hai que facer é calcular 50 g. de azucre, 50 g. de fariña e 50 g. de manteiga por cada clara de ovo.
- Se temos moitas é mellor buscarse outra receita, ou correremos o risco de pasarnos unha chea de tempo na cociña co forno aceso (eu fago dez linguas por fornada), e coa calor que fai non é un bo plan... Neste caso a Bica de Laza é unha boa opción.
- As claras de ovo, sempre que estean ben gardadas na neveira, aguantan varios días sen botarse a perder, así que non fai falla apurarse en utilizalas.
- En lugar de usar 100 g. de azucre, poño 92 g. máis os 8 g. que veñen no sobre de azucre vainillado, e xa non uso a esencia de vainilla.

¡¡Bo proveito!!
Ola Manuel, mira o video que atopei:
ResponderEliminarhttp://elsursemueve.wordpress.com/2009/07/13/obradoiro-de-queixo-arzua-ulloa/
É a páxina persoal de Pablo, un arxentino amigo do Rodrigao.