martes, 13 de xaneiro de 2009

Pizza...

O domingo pasado recibimos na casa a sempre agradable visita de dous amigos que, ó igual que os nenos, sempre veñen cun pan debaixo do brazo. Neste caso o que traían non era comestible, pero en canto o vin, non puiden evitar que se me fixera a boca auga,jj. Non tardaréi moito en desvelar de qué se trata...

E para celebrar que viñan decidín facer un par de pizzas, porque sei que a eles lles gustan. A verdade é que a nós tamén nos gustan bastante, e nos días nos que hai tempo e gañas anímome (ou máis ben anímanme) a facelas, normalmemte como merenda-cea.

Sempre fago un par de bases, porque o traballo é practicamente o mesmo, pero só utilizo unha (con unha pizza temos máis que suficiente para cear). A outra cózoa no forno un pouco ata que colle algo de cor polo fondo, déixoa arrefriar e métoa no conxelador para outro día. Despois o único que hai que facer é sacala, e, sen deixar que se desconxele, botarlle tódolos ingredientes por riba e metela no forno.

Co tomate fago o mesmo que coa base, é dicir, preparo para dúas pizzas, uso a metade da salsa na primeira e gardo a outra metade nun bote na neveira (non durante demasiados días, claro). Así, o único que teño que facer é botar o tomate directamente do bote enriba da base conxelada, e despois o resto de ingredientes, claro.

Para facer a base:
INGREDIENTES (para dúas bases):
- 300 grs. de fariña de forza
- 1 sobre de lévedo deshidratado de panadaría (5,5 grs.)
- 1 vaso (1,5 dl.) de auga morna
- 1 cullerada de sal
- 1 cullerada de sirope de arroz (ou azucre)
- 1 chorro de aceite de oliva virxe extra

PREPARACIÓN:
Quentar a auga no microondas durante 20 seg. a toda potencia. Poñer nun bol amplo tódolos ingredientes e botar a auga. Cun garfo comezar a misturar todo ata que teña a consistencia para poder amasar coas mans. Volcar sobre o mármore e comezar a amasar coas mans durante uns 5 minutos tentando que ó dobrar a masa entre a maior cantidade de aire dentro dela. Ten que quedar unha masa cunha textura moi lisa.
Despois de amasar ben pódese tapar cun trapo ou incluso con papel film, pero o que eu fago é, ó rematar de amasar, no mesmo mármore, boto algo de fariña e coloco enriba a bola de masa. Boto algo máis de fariña por riba da masa, e cun coitelo fago dúas fendas profundas en cruz (non é superstición nin nada polo estilo, senón que é para facer que levede mellor), e coloco o mesmo bol onde ó principio amaséi tapando a bola de masa. Deixar levedar (inchar) durante unha hora e media aproximadamente, tempo no que dobrará o seu tamaño.

Pasado este tempo, volver a amasar ben para quitarlle o aire e cortar en dúas pezas, coas que faremos as dúas bases. Para facer as bases, só temos que estiralas cun rolete (eu aínda non aprendín a facelo xirándoas no aire...jj) ata deixalas bastante finas. Colocar a primeira na bandexa do forno (que xa debe estar quente a 220º) cuberta con papel de fornear,para que non se pegue, e picar cun garfo por toda a superficie (para evitar que inche coa calor e pareza un pan de pita). Metela no forno e deixar que colla algo de cor por abaixo. Sacala e engadirlle os ingredientes elexidos. Aquí vos vou a dar un par de exemplos.

Que lle boto á miña pizza?
O primeiro é a salsa de tomate (por favor, nunca lle botedes tomate frito!!, antes sen tomate que con iso, vale?). Se non vos apetece facela, podedes mercar alguhas salsas de tomate que xa se venden preparadas e ir probando a ver cal vos gusta máis. Se non, podedes facer coma min e preparala na casa, que non é tan difícil.

Salsa de tomate
INGREDIENTES (para dúas pizzas):
- Un bote de 660 grs. de tomate triturado (eu uso o ecolóxico de Carrefour, merece a pena tanto pola calidade como polo prezo)
- 2 dentes de allo
- Ourego
- Tomiño
- Albahaca
- Sal
- Un chisco de azucre
- Aceite de oliva

PREPARACIÓN:
Botar un pouco de aceite de oliva nunha pota, e cando estea quente botar todo o bote de tomate. Engadir os dentes de allo machacados, as herbas (poden ser frescas ou secas), o sal e o azucre. Deixar reducir a salsa ata que teña a consistencia axeitada (nin moi líquida nin demasiado seca).

O queixo
O tipo de queixo que normalmente se emprega para as pizzas é a Mozzarella, pero podedes utilizar o que máis vos guste. A min personalmente gústame a suavidade da Mozzarella (mellor se é a auténtica de búfala), pero algunha vez fixen unha catro queixos con restos de queixo que había pola neveira, e a verdade é que estaba moi boa. Eu emprego unha Mozzarella relada das de sobre porque é moi práctica, pero cando hai da auténtica uso a auténtica.

Uns amigos comentáronnos que nun restaurante de Lugo había unha pizza chamada Fogar de Breogán, que era unha especie de catro queixos pero eso si, todos galegos (como o propio nome da pizza indica...)

E por riba?
Pois este domingo tocou pizza barbacoa. Na última churrascada sobrou algo de carne á grella, e o que fixen foi conxelala para estas ocasións. Así que o que fago é sacar a carne do conxelador, picala ben co coitelo e botala por riba do queixo.


Tamén fixen outra clásica: a de champis. Só hai que pasalos un pouquiño na tixola e botalos por riba do queixo.


E para rematar, antes de metela no forno, imprescindible un pouco de ourego por riba.

Xa sabedes, se vos gusta a pizza anímovos a que probedes a facer éstas, cos mesmos ingredientes ou con aqueles que máis vos gusten, e xa me diredes...

Quen se atreva a chamarlle comida lixo a isto, é que non ten nin idea...

1 comentario:

  1. Teñen unha pinta carralluda Manuel, teño que animarme a facela, porque encantame a pizza. Hoxe (mercores) vou a Ourense e pasarei polo Moucho sobre as 8. Apertas

    ResponderEliminar