sábado, 5 de novembro de 2011

Tarta de Santiago

A pesar de que a gastronomía galega non é coñecida precisamente polas sobremesas, si hai algunhas que merecen verdadeiramente a pena. Hoxe imos cunha delas, quizais a máis emblemática da nosa gastronomía: a tarta de Santiago.


E non deixa de resultar paradoxal que unha torta a base de améndoas sexa a torta máis famosa de Galicia, precisamente porque Galicia non é terra de amendoeiras nin o foi tradicionalmente. A pesar de todo iso, goza do selo de Indicación Xeográfica Protexida "Tarta de Santiago" desde marzo de 2006, como queda recollido no BOE do 23 de marzo, e onde aparecen tanto os ingredientes como as proporcións que debe levar esta torta para ser considerada unha auténtica tarta de Santiago. Aínda que é unha torta orixinal de Santiago de Compostela, quedan amparadas baixo esta indicación todas as tortas elaboradas na comunidade galega.


Aínda que xa se ten constancia desta torta en documentos do século XVI (por aquel entón chamada "torta real"), non foi até 1924 cando se empezou a pór a cruz de Santiago sobre a súa superficie. A pastelaría "Casa Mora" de Santiago (na actualidade Pastelaría Mercedes Mora: Rúa do Vilar, 50, Santiago de Compostela) foi a primeira en facelo, e desde entón preséntase sempre con este debuxo característico.


Esta cruz con forma de espada crese que ten a súa orixe nas cruzadas, cando os cabaleiros levaban unha cruz coa parte inferior afiada para poder cravala no chan e realizar as súas oracións diarias. É o emblema da Orde de Santiago desde o século XII.

A receita que eu poño está sacada do libro Mis recetas favoritas de Karlos Arguiñano (Bainet Editorial, 2004), libro no que fai un repaso polas diferentes cociñas rexionais de toda a xeografía española e, como non, en Galicia non podía faltar esta torta.


Tarta de Santiago


INGREDIENTES:
- 4 ovos
- 250 g de azucre
- 250 g de améndoas moídas
- Reladura dun limón
- Canela en po (ao gusto)
- Azucre glas


PREPARACIÓN:
1- Prequentar o forno a 180ºC. Preparar un molde desmontable con manteiga e fariña e reservar.

2- Nun bol bater os ovos co azucre durante 2 ou 3 minutos, ata que teñan unha cor pálida. Engadir a reladura de limón, a améndoa moída e a canela.

3- Verter no molde e introducir no forno quente durante uns 35 minutos, ou ata que se vexa que está feita.

4- Mentres está a torta no forno, pódese descargar aquí a soleta da cruz de Santiago para logo facer o debuxo co azucre glas. Imprimir e recortar.

4- Sacar do forno, deixar arrefriar e desmoldear. Unha vez completamente fría, colócase encima da torta a cruz de Santiago e bótase o azucre glas por riba. Retírase a cruz con coidado e gárdase para a próxima vez (que sen dúbida a haberá...)


PUNTUALIZACIÓNS:
- Pode facerse con forro ou sen forro. O forro pódese facer con masa follada ou con masa crebada (brisa). A nós gústanos máis sen forro e, ademais, resulta moito máis sinxela de elaborar.

- A cantidade de canela moída que eu poño nesta torta é dunha culleradiña de sobremesa, pero esta cantidade pódese variar ao gusto.

- Debe quedar cunha textura húmida e zumenta por dentro, pero ben cocida por fóra.


Unha torta sinxelísima pero deliciosa. Un bo remedio contra a morriña para todos os galegos que están na diáspora, un xeito de estar un pouquiño máis preto da casa...

2 comentarios:

  1. Pois na miña casa é á parte non galega á que lle encanta esta Tarta. Tomo nota da túa receita para facerlla pronto.
    A textura da tarta paréceme impresionante.
    Unha aperta.

    ResponderEliminar
  2. A verdade é que é difícil resistirse a ela...

    Apertas

    ResponderEliminar