martes, 12 de maio de 2009

Bica de Laza

Estes días teño pouco tempo para dedicarme a actualizar o blog. A chegada dun novo membro á familia esixe unha dedicación case exclusiva (agora estou a empezar a comprender o verdadeiro significado da expresión "o rei da casa"...hh), pero aínda así non deixa de ser unha experiencia marabillosa.

A pesar de todo iso, comer hai que comer, e posto que aínda dispoño dalgúns días de permiso por paternidade, podo dedicarme a cociñar cunha certa tranquilidade, e esta mañá, ademais de cociñar, preparei a sobremesa: Bica de Laza.


Laza é un pobo da provincia de Ourense famoso, sobre todo, polo seu Entroido e polos Peliqueiros, que son os personaxes máis representativos de Laza durante esta festa dedicada a Don Carnal, e tamén por esta sobremesa, que aínda que é moi típica da época de Entroido, tamén podemos gozala o resto do ano.


O pasado domingo volvín facer a torta de filloas, e como as galiñas están a ser bastante xenerosas estes días, esta vez para facer a crema pasteleira usei 8 xemas en lugar das 6 que puxen na receita (co consecuente reaxuste no resto de ingredientes), e sobráronme 8 claras de ovo que non me apetecía tirar. Ademais, tiña ganas de facer en casa esta bica que tanto me gusta, e que mellor ocasión... O que tiven que facer foi reaxustar as cantidades da receita orixinal, que viña para 12 claras.

A bica é unha especie de queique que ten unha gran tradición na provincia de Ourense, sobre todo na zona oriental. Son famosas as de Trives, Sas de Penelas, Manzaneda, San Xoán de Río, Chandrexa de Queixa, Castro Caldelas, etc. Parece que houbese unha rivalidade entre estes pobos para facer a mellor bica de todas, posto que son pobos que se atopan bastante cerca uns doutros. Eu probeinas de todos estes sitios, e non sabería con cal quedarme, porque todas elas son excelentes. Un factor determinante nestes casos é o fresca que sexa, é dicir, o tempo que leve feita, posto que cambia moito de comela feita do mesmo día a comela feita de días anteriores.

As bicas que mencionei antes son todas bastante parecidas en canto a ingredientes e a modo de elaboración. Todas levan fariña, ovos, manteiga de vaca, azucre, fermento, etc, e todas fanse a partir dunha masa nai. Pero a bica de Laza que hoxe vos presento ten algunhas diferenzas tanto de ingredientes como de elaboración. A bica de Laza é branca, porque só usa claras de ovo, e non usa manteiga de vaca, senón que usa nata. Ademais non hai que facer unha masa nai con fermento, o cal facilita bastante o proceso de elaboración.

Bica de Laza


INGREDIENTES:
- 8 claras de ovo
- 335 grs. de fariña (pode ser de forza)
- 335 ml. de nata para montar
- 435 grs. de azucre
- Manteiga


PREPARACIÓN:
1- Móntanse as claras a punto de neve e, sen deixar de bater engádese o azucre.

2- Unha vez incorporado todo o azucre vaise engadindo a fariña aos poucos ata que estea ben integrada.

3- Aparte, móntase a nata. Unha vez ben montada engádese á mestura anterior usando unha culler de madeira ou unha espátula de silicona, con movementos envolventes e sempre cara ao mesmo lado.

4- Unha vez teñamos unha mestura homoxénea, vértese nun molde rectangular forrado con papel de forno e previamente engrasado coa manteiga.

5- Bótase azucre por toda a superficie e métese no forno a 180ºC durante 35 ou 40 minutos, ou ata que se vexa que está cocida. Sácase do forno e déixase arrefriar sobre unha grella.


Esta receita, que até hai pouco era case un segredo, hoxe pódese atopar con facilidade en Internet. Esta en concreto saqueina do Portal Educativo da Xunta de Galicia e está publicada polos alumnos do IES García Barbón de Verín na súa revista Meigallo.

Xa non é necesario achegarse até Laza nin esperar á época do Entroido para gozar desta deliciosa sobremesa.

Bo proveito!!

3 comentarios:

  1. Ten moi boa pinta, espero que ao Chicho sairalle igual de ben. Vemonos mañá.

    ResponderEliminar
  2. Fíxena hoxe e quedou realmente exquisita, gustándolle moitísimo aos/ás comensais. E por certo, fíxenche caso e non puxen o molde de aluminio directamente, senón co papel. ;-)
    Graciñas!

    ResponderEliminar
  3. Alégrame saber que foi un éxito.

    En canto ao papel, é o xeito tradicional no que se prepara a bica e, de paso, evitamos o contacto directo co aluminio (se é o caso, claro...)

    Saúdos!!

    ResponderEliminar