luns, 9 de agosto de 2010

Cookies de chocolate

Hoxe imos cunha receita de galletas: as arquicoñecidas cookies de chocolate.


E digo arquicoñecidas porque todo o mundo probounas algunha vez, e practicamente a todo o mundo lles gustan.

Esta receita está sacada do libro Ministry of Food de Jamie Oliver, que se publicou en castelán co nome de Escuela de Cocina. Tamén se fixo unha serie para a televisión, emitida en España no Canal Cocina, baixo o nome de Jamie embajador de la cocina.



INGREDIENTES:
Masa base:
- 125 g. de manteiga
- 100 g. de azucre
- 1 ovo grande, preferiblemente caseiro ou ecolóxico
- 100 g. de fariña de repostaría
- 25 g. de copos de avea
- 1/4 de culleradiña de po Royal
- 1/2 culleradiña de sal

- 50 g. de chocolate branco
- 50 g. de chocolate negro


PREPARACIÓN:
1- Sacar a manteiga da neveira uns 15 minutos antes de empezar a preparar a masa, ou ben, metela no microondas uns segundos para que abrande un pouco, pero sen que se derreta.

2- Nun bol, mesturar a manteiga co azucre ata que se forme unha pasta cremosa, espesa e homoxénea. Bater o ovo aparte cun garfo e engadilo ao bol da manteiga con azucre e mesturar ben. Engadir a fariña tamizada, os copos de avea, o po Royal, e o sal. Picar ben finos os dous chocolates cun coitelo e engadilos ao bol. Mesturar todo ben até conseguir unha masa homoxénea.

3- Meter o bol na neveira durante unha hora para que endureza un pouco a masa e sexa máis fácil despois facer as galletas.

4- Prequentar o forno a 190ºC. Ir facendo unhas bólas de masa, esmagalas un pouco e colocalas sobre un Silpat, tapete de forno ou unha bandexa engraxada para fornear.


5- Meter ao forno uns 30 minutos ou ata que se vexa que teñen os bordos de cor marrón, pero sen que se queimen.

6- Sacar do forno e deixar arrefriar sobre unha reixa para que se poñan crocantes.


PUNTUALIZACIÓNS:
- Eu fago dúas quendas de 12 galletas cada unha, é dicir, 24 galletas en total.

- Tamén, se se quere, pódese substituír o chocolate pola reladura dunha laranxa e dun limón, co que obteriamos unhas citrus cookies.


- A verdade é que se pode engadir o que se queira á masa base, por suposto sempre dentro dunhas cantidades: froitos secos, uvas pasas, dátiles, etc.

- Mantéñense frescas durante uns días, sobre todo se se gardan nunha caixa de metal, aínda que non durarán moito, asegúrovolo...hh.


Unhas galletas sinxelísimas, rapidísimas, que están moi boas e que, grazas á avea, son un pouco máis saudables. Non hai escusa...

2 comentarios:

  1. Que ben che quedaron, e co boas que están xa non quedará nada. E si que lle buscaches posibilidades, a próxima vez probarei ca reladura da laranxa e limón, gústame o sabor que deixan nos biscoitos, así que nas galletas estará igual de bo. Un saúdo.

    ResponderEliminar
  2. A verdade é que están moi boas de calquera xeito, tanto con chocolate, como con laranxa e limón, como con calquera outro ingrediente que se lle queira botar. Pronto volverei publicar esta receita pero con outro sabor algo diferente...

    Grazas polo teu comentario.

    Un saúdo

    ResponderEliminar