martes, 3 de febreiro de 2009

Galletas de laranxa e polenta

Ben, pois aquí estamos outra vez, e outra vez cunha nova receita de Jamie Oliver. Trátase de Orange and polenta biscuits, ou o que é o mesmo Galletas de laranxa e polenta. Esta receita pertence ó seu segundo libro The Return of the Naked Chef, e ata hai pouco estaba colgada na súa páxina oficial a disposición de todos. Foi precisamente de aí de onde eu a saquéi. Desgraciadamente xa non está dispoñible nesta páxina e non vos podo pór a ligazón á receita orixinal, pero non importa porque podedes atopala en multitude de páxinas, ou a continuación, claro...jj.


Aínda que eu non son moi dado a facer galletas na casa, desde que probéi a facer éstas, hai xa 3 ou 4 anos, sempre que chega o tempo das laranxas aproveito para facelas, porque son tan sinxelas e están tan boas que non amarga demasiado poñerse a preparalas. Non hai que amasar, nin estirar a masa, nin usar cortapastas...

O máis curioso destas galletas é o uso da polenta, ingrediente que fai que as galletas queden moi crocantes, posto que se engade sen coción previa, é dicir, tal e como vén no paquete.

Pero, que é a polenta?
A polenta é sémola, normalmente de millo, aínda que tamén podemos atopar polenta de castañas e polenta de alforfón (trigo sarraceno). A polenta de millo, que é a que empregamos nesta receita, recibe o nome de gialla. Eu, en concreto, emprego polenta de millo integral, ecolóxica, da casa Luz de Vida.


Ten unha textura parecida á fariña pero máis granulosa. É un prato tradicional do norte de Italia, que normalmente se consome cocida, como acompañamento doutros pratos. Hai un montón de maneiras de preparala, pero eu, de momento, só a emprego para facer estas galletas.

Se queredes saber máis sobre a polenta aquí vos poño a ligazón á Wikipedia: Polenta.

INGREDIENTES:
- 170 grs. de manteiga
- 170 grs. de azucre
- 255 grs. de polenta
- 100 grs. de fariña
- Reladura de 3 laranxas
- 2 ovos grandes


PREPARACIÓN:
1- Mesturar a manteiga, o azucre, a polenta e a fariña nun bol ata obter unha mistura homoxénea. Engadir a reladura de laranxa e os ovos batidos, e remexer ben ata que todo estea perfectamente integrado.

2- Tapar o bol con film transparente e metelo na neveira durante arredor dunha hora, para que a masa colla consistencia.

3- Prequentar o forno a 180ºC. Ir collendo porcións de masa e facer boliñas coas mans. Aplastar un pouco as boliñas de masa e ilas colocando na bandexa do forno.

4- Metelas no forno quente ata que os bordes teñan unha agradable cor marrón (arredor de 15 minutos). Non importa que durante a cocción se xunten unhas coas outras porque acabarán separándose. Non vos esquezades de ilas vixiando cada pouco para que non se vos queimen.

5- Cando estean cocidas sácanse do forno e déixanse arrefriar enriba dunha reixa.



Algunhas cousiñas:

Eu meto a manteiga uns segundos no microondas a moi pouca potencia, o tempo xusto para que abrande pero sen chegar a derreter.

É recomendable usar un Silpat® ou algo parecido para que as galletas non se peguen no forno. Eu uso un tapete de forno de silicona. O inconveniente deste tapete é que ás veces, durante a cocción, empeza a levantarse por algunhas zonas, o que provoca que as galletas non se cozan uniformemente. Pero polo demais resulta moi práctico ó non ter que engraxar a bandexa do forno cada vez que se fan galletas ou doces similares.

Eu redondeéi a cantidade de polenta a 250 grs. porque, ó vir en paquetes de 1/2 quilo, cada paquete dá xusto para dúas veces, e 5 grs. arriba ou abaixo non se notan, a verdade. Non fará falla que diga que se queredes facer a metade de galletas só teredes que dividir as cantidades por dous, non?...jj

As cantidades que puxen nos ingredientes dan para arredor de 40 galletas, que fago en dúas tandas de 20. Pero por suposto, o número de galletas depende do tamaño das mesmas.

A cantidade de reladura de laranxa vai no gusto de cada quen. Eu normalmente emprego 4 laranxas en lugar de 3, porque me gusta o sabor da laranxa, pero cada quen que use as que queira. Eso si, mellor se son da casa ou ecolóxicas, porque ás veces as laranxas e os limóns que venden no súper traen unha finísima película de cera que fai que brillen máis, pero non creo que sexa moi recomendable comer esa cera, a verdade.

Tódolos ingredientes que eu emprego nestas galletas son ecolóxicos ou caseiros, co cal o resultado son unhas galletas máis saudables que se fosen feitas con ingredientes da agricultura convencional.


Hai que aproveitar que estamos en plena tempada de laranxas para atiborrarse de Vitamina C. Esperemos que a laranxeira de casa de meus pais non se canse de dar laranxas por moitos anos...

Ningún comentario:

Publicar un comentario