domingo, 12 de decembro de 2010

Spaghetti Bolognese vexetariano

A receita de hoxe é case unha repetición dos Spaghetti Bolognese con carne que xa publicara hai tempo, só que esta vez é unha receita totalmente vexetariana: Spaghetti Bolognese vexetariano.


O único que fixen é substituír a carne de vaca por soia texturizada que, unha vez rehidratada, emprégase do mesmo xeito que se fose carne auténtica, pero ofrecendo certas vantaxes:

- A primeira é o seu sabor, posto que ao non ter un sabor definido, absorbe os sabores da salsa na que se cociñe, neste caso salsa de tomate. A verdade é que deixamos de preparar os espaguetis con carne porque a carne picada cada vez ten peor sabor e, aínda que a pique o carniceiro diante de ti, non sempre sabe ben. Así que, unha vez descuberta a soia texturizada e as vantaxes que ofrece ante a carne picada, desterramos esta última definitivamente da nosa cociña.

- A segunda é que, ao vir deshidratada, pódese ter sempre na casa e rehidratala un cinco minutos antes de ser utilizada.

- A terceira é o seu prezo, posto que é un produto moi barato aínda que se trate de soia de procedencia ecolóxica.

- A cuarta é que rende moito. Cun paquete de 200 gramos de soia texturizada deshidratada pódese facer esta receita até 6 veces.


INGREDIENTES (para 2 persoas):
- 160 g de espaguetis
- 30 g de soia texturizada deshidratada
- Un dente de allo
- Unha cebola mediana
- Un bote de tomate frito ou tomate natural triturado
- Unha culleradiña de tomate concentrado
- Alfábega, tomiño e ourego secos
- Sal
- Pementa negra recentemente moída
- Aceite de oliva
- Queixo parmesano recentemente relado

PREPARACIÓN:
1- Ponse unha pota ao lume con abundante auga e algo de sal, e cócense os espaguetis o tempo que nos indiquen as instrucións do paquete.

2- Mentres, ponse os 30 gramos de soia deshidratada nun bol e cóbrese con auga fría. Ao cabo de cinco ou seis minutos escórrese ben apertándoa un pouco contra o coador para que solte ben toda a auga.

3- Quéntase un pouco de aceite de oliva noutra pota máis pequena. Pícase o dente de allo e a cebola e engádense á pota. Déixase fritir sen que se queimen.

4- Cando estean fritos engádese a soia rehidratada, mestúrase todo ben e engádese o tomate frito e o tomate concentrado. Sazónase con sal, con pementa e coas herbas aromáticas secas. Déixase cociñar durante uns minutos.

5- Unha vez cocidos os espaguetis escórrense ben, repártense en dous pratos e bótase a salsa boloñesa por encima. Se se quere, pódese relar algo de queixo parmesano por encima.


PUNTUALIZACIÓNS:
- Como xa dixen antes, este prato ten a vantaxe de que todos os ingredienes que se utilizan na súa elaboración pódense ter na casa, e por tanto podemos preparar este prato, por exemplo, nun día festivo en que non hai nada aberto, ou calquera día que non nos apeteza saír a comprar ao súper.

- Eu utilizo tomate frito ecolóxico de Carrefour, que non ten nada que ver cos tomates fritos convencionais que podemos atopar na maioría de supermercados. Este que eu uso ten tanto un sabor como unha textura moito máis suaves. Ao ser tomate frito non necesita un tempo de cocción tan prolongado que se fose tomate triturado cru, posto que este ten que cociñarse durante un anaco.

- Pódese prescindir do tomate concentrado, pero este dálle un sabor moi agradable á salsa. Cunha cullerada das de sobremesa é máis que suficiente.

- A soia texturizada que eu uso é da marca italiana La Finestra sul Cielo, e é ecolóxica.


En todo o que teña que ver coa soia sempre é mellor consumir produtos ecolóxicos para tratar de evitar os transxénicos.

- Tanto as herbas aromáticas que se utilizan nesta receita como a cantidade delas a utilizar é opcional. Eu poño o tres que eu uso.


Receita rápida de facer, saborosa e, sobre todo, sa...

Saúde!!

5 comentarios:

  1. Vendo a foto, quen o diría!! soia?? Nunca a probei así, pero en canto vexa no super un paquetiño, vense para a casa. Aínda que no deixaremos de comer os spaguetis coa boloñesa tradicional, temos a sorte de poder mercar a carne nunha carniceria de pueblo, onde mesmo coñeces ós paisanos que lle venden os animais, sabe a carne, carne. Bicos e bo domingo.

    ResponderEliminar
  2. Fai tempo que quería probar esta receita de 13 (Olivia Wilde)

    http://wildethings.org/bomb-diggidy-bolognese

    Xa nos veremos, se queres cambiar o xoves por outro día eu teño tódalas tardes libres

    ResponderEliminar
  3. María, non sei se no super atoparás soia texturizada. Eu mércoa na tenda de produtos ecolóxicos, aínda que tamén a vin na droguería xigante que está na rúa do Paseo. Se a probas xa me contarás o resultado, vale?

    Bicos

    ResponderEliminar
  4. ok, no Arenal, imaxino. Anotado queda. Graciñas

    ResponderEliminar