domingo, 11 de xaneiro de 2009

Queique de froita confeitada (sen ovo)

Onte pasounos unha cousa curiosa: tiña pensado facer a sobremesa para hoxe, pero cando vou mirar á neveira de cántos ovos dispoño, resulta que non tiña ningún. A culpa tívoa a tortilla de patacas (especialidade de My Missus) que me zampéi o venres, pero ningún nos lembramos de que se acabaran. Este "problema" amañámolo hoxe facéndolle unha visita ás señoras galiñas, que tamén están sufrindo o seu os rigores do inverno, o cal se nota na produción de ovos.

O caso é que andivemos buscando receitas sen ovo nos libros que hai por aquí por casa, e habelas hainas, pero cando aparecía unha receita que non levaba ovo resulta que levaba outros ingredientes dos que non dispoñía, ou simplemente eran receitas que non me apetecía facer. Así que optei por botar unha ollada na rede, e empezaron a aparecer algunhas receitas, porque hai bastante xente alérxica ó ovo (parece que no referente e esto das alerxias cada vez son máis habituais, tanto en número de persoas que as padecen como en variedade de alerxias, non só as alimentarias). As receitas que máis aparecen son as de biscoito, ou "queique", como lle chamamos normalmente aquí en Galicia. Os queiques están ben, pero para min fáltalles algo, fáltalles unha gracia. Un catro cuartos está moi ben como parte dun almorzo, ó lado da froita, das galletas e dos cereais, pero non como sobremesa, ou alomenos esa é a miña opinión. Seguín buscando e atopei esta receita, que tamén é dun queique, ou queque, como lle chama a autora da mesma, pero que ademais leva froitas confeitadas e uvas pasas, co cal puiden aproveitar os restos de froita confeitada que me quedaron cando, hai uns días, fixen o roscón de reis.

A receita é dunha blogueira de Lima (Perú). Aquí vos deixo a ligazón á receita orixinal por se lle queredes botar un ollo: Queque sin huevo.


INGREDIENTES:
- 125g. de manteiga
- 250g. de fariña
- 90g. de azucre en po
- 100g. de pasas
- 100g. de froitas confeitadas
- 120g. azucre moreno (eu usei panela)
- ½ culleradiña de canela
- Un chisco de cravo de olor en po
- 1 culleradiña de coñac
- 150 ml. de leite
- 1 culleradiña de bicarbonato
- 1 cullerada de vinagre (mellor de mazá)

PREPARACIÓN:
1. Ter o forno quente a 170º-180º.

2. Botar a manteiga nun bol e traballala coa fariña, como se quixésemos facer masa quebrada, ata que teña apariencia de area.

3. Engadir o azucre en po, o azucre moreno (ou panela), a canela e o cravo de olor e misturar ben todo.

4. Misturar o coñac co leite, o bicarbonato e o vinagre, e engadir á preparación anterior.

5. Finalmente engadir as froitas confeitadas e as pasas previamente enfariñadas.

6. Volcar a masa no molde tipo cake xa preparado (mellor un de silicona) e levar ó forno por aprox. 1 hora.

7. Coma sempre, comprobar cunha agulla se está ben cocido pinchando no centro do queique.

8. Agardar uns 10 minutos, desmoldar e deixar arrefriar enriba dunha reixa.


A verdade é que está bastante bo, aínda que se nota, sobre todo na textura, a ausencia de ovo. O seu sabor é moi agradable, quizáis algo doce de máis, pero para os que lles gusta o doce vai estar moi bo.

Se algunha vez vos ocorre o mesmo que a min, sempre se pode improvisar algo. Así que xa sabedes, nada de quedarse sen sobremesa...jj.

Grazas por esta receita,amiga limeña.

Bo proveito!!

Ningún comentario:

Publicar un comentario