domingo, 29 de novembro de 2009

Brownie de chocolate

A receita de hoxe é un clásico da cociña norteamericana que se estendeu xa por todo o mundo, quen non comeu algunha vez un brownie de chocolate?


A verdade é que falar da receita do brownie (ou brownies) é como falar da receita da tortilla, todas parécense pero non hai unha igual á outra... Pode levar noces, uvas pasas, etc, aínda que esta versión que presento hoxe non leva nada diso. Hai un tempo presentei outra versión de brownie feito con azukis, e que non levaba nada de fariña. A de hoxe é a versión máis clásica, e decidín pola porque este fin de semana volvín a facela despois de tela medio esquecida durante unha chea de tempo.

Como xa dixen antes, esta é unha sobremesa de orixe norteamericana, concretamente da cidade de Boston, e recibe o seu nome da cor que lle achega o cacao. Dise que foi descuberto en 1897 cando un cociñeiro encargado de facer un pastel de chocolate e noces esqueceuse de engadir fermento na mestura.

Brownie de chocolate


INGREDIENTES:
- 250 g. de margarina
- 350 g. de azucre
- 4 ovos
- 125 g. de fariña
- 100 g. de cacao puro en po
- 1 culleradiña de fermento Royal
- 1 chisco de sal


PREPARACIÓN:
1- Quéntase a margarina ata que estea en pomada e mestúrase co azucre.

2- Engádense os ovos uno a un con axuda dunhas varillas ata que estean perfectamente incorporados.

3- Engádese a fariña tamizada, o fermento e o sal, e mestúrase todo moi ben.

4- Engádese o cacao tamizado e mestúrase todo ben.

5- Prepárase un molde desmontable con manteiga e fariña, e vértese nel o preparado anterior.

6- Métese en forno prequentado a 175ºC durante 45 minutos ou ata que ao picalo cunha agulla esta salga limpa.


PUNTUALIZACIÓNS:
- É importante non pasarse no tempo de cocción no forno. Debe quedar seco e case crocante por fóra, pero tirando a húmido por dentro.

- Aínda que normalmente a esta sobremesa non se lle engade fermento, este si leva, o que lle achega certa esponxosidade achegándoo un pouco a un biscoito de chocolate.

- É importante que o cacao sexa puro (sen fariña) e sen azucre, porque de non ser así o resultado sería moi diferente. O que eu uso é un cacao de agricultura ecolóxica que compro na tenda de Comercio Xusto. Cultivado no Alto Beni, Bolivia, por pequenos agricultores que forman parte de El Ceibo, unha organización de Comercio Xusto que agrupa varias cooperativas da zona. Vén en paquetes de 250 g. e o seu prezo é de 2,75€.


A verdade é que é un das sobremesas máis sinxelas de facer, e co que todos os adictos ao chocolate estarían encantados...

Bo proveito!!!

Ningún comentario:

Publicar un comentario