luns, 11 de xullo de 2011

Muffins de chocolate con menta


Ao contrario dalgúns blogs aos que sigo e que se despiden até setembro, a min ocórreme todo o contrario: volvo abrir por vacacións. E a verdade é que teño unhas cantas receitas en lista de espera, pero aos poucos...

A primeira delas é a que traio hoxe: Muffins de chocolate con menta.


Na nosa última viaxe a Londres aproveitei para comprar algúns libros, entre os que se atopa este Red Velvet Chocolate Heartache, de Harry Eastwood:

Neste libro aparecen moitos muffins, tortas, scones, etc, pero todas as receitas teñen un denominador común: o emprego de verduras para dar humidade e así eliminar a maior parte da graxa, é dicir, substitúen a manteiga ou o aceite presentes na maioría de receitas por cabaciña, remolacha, cabaza, berenxenas, patatas doces, etc... Ademais, tamén se cambia a fariña de trigo por fariña de arroz e de améndoa, moito máis sas e nutritivas que a primeira.

A receita de hoxe, por exemplo, leva calabacín e nada de graxa, e o resultado son uns muffins riquísimos e para nada secos...

Tamén pertencen a este libro os Muffins de cabaza e améndoa que publiquei hai uns meses.

Muffins de chocolate con menta

INGREDIENTES:
- 2 ovos medianos, preferiblemente caseiros ou ecolóxicos
- 160 g de azucre
- 200 g de cabaciña, pelada e finamente triturada
- 90 g de fariña de arroz
- 100 g de fariña de améndoas
- 2 culleradiñas de cacao en po
- Unhas pingas de extracto de menta
- 4 g de fermento sen aluminio
- Un chisco de sal
- 100 g de chocolate con menta, en anaquiños

PREPARACIÓN:
1- Quéntase o forno a 180ºC. Bátense os ovos e o azucre durante un par de minutos ata que teñan unha cor pálida e dobrasen en volume.

2- Rélase finamente ou tritúrase a cabaciña, engádese á mestura de ovos e azucre e vólvese a bater, esta vez con varillas manuais. Engádense á mestura anterior a fariña de arroz, a fariña de améndoas, o cacao en po, o extracto de menta, o fermento e o sal. Mestúrase todo ben.

3- Engádense os anaquiños de chocolate e vólvese a mesturar todo de forma que queden ben repartidos pola masa.

4- Repártese a mestura entre os moldes de muffin e métese no forno quente durante uns 40 minutos ou ata que se vexa que están feitos.



A autora engade un icing, que non é máis que unha cobertura cremosa. Eu obvieina, pero para os que queiran engadirlla aí vai a receita:

INGREDIENTES:
- 50 g de manteiga en pomada
- 200 g de azucre glas
- 50 g de queixo mascarpone
- 2 culleradiñas de cacao en po
- Unhas pingas de extracto de menta

PREPARACIÓN:
- Bátese coa batedora a manteiga ata que estea suave. Engádese a metade do azucre glas e bátese un pouco máis ata que estea ben incorporado.
- A continuación, xa coas varillas manuais ou con culler de madeira, engádese o queixo mascarpone, o cacao en po, o extracto de menta e o azucre restante. Mestúrase todo ben e métese na neveira durante uns 15 minutos antes de repartir por encima dos muffins xa fríos.
- Decorar cunha folla de menta fresca antes de servir.

PUNTUALIZACIÓNS:
- Con estas cantidades saen 12 muffins.

- O extracto de menta que eu uso é un aceite esencial de uso alimentario da marca El Granero Integral, que comprei nunha tenda de alimentación ecolóxica.


En caso de non poder conseguir extracto de menta, pódese usar algún licor de menta tipo pippermint. Outra alternativa é facer en casa este extracto metendo durante un par de días unhas follas de menta fresca nun pouco de vodka, filtrar e listo.

- O chocolate que eu uso é o Mint Intense de Lindt:
É un bo chocolate, fácil de conseguir, e a tableta trae a cantidade xusta de chocolate para esta receita.

- Eu utilizo 12 moldes de silicona reutilizables, pero tamén se poden usar moldes de papel para madalenas, que se poderán encher até case o bordo. Estes muffins non soben demasiado nin quedan quedan bombeados por arriba. Lembrade que os muffins NON son madalenas.


Creo que por unha tempada centrareime neste libro así que, se Harry Eastwood non se enfada, seguirei pondo máis receitas sacadas del...

4 comentarios:

  1. Riquísimos!!! Os meus favoritos

    ResponderEliminar
  2. Mimá, estes cópiochos fixo, vamos. Entre que hai abundancia de cabaciños e que ando na procura de doces libres de graxas. A proposta perfecta. Dese libro tes que poñer máis cousas.
    A min pásame coma a ti, tamén abro por vacacións.
    E unhas folliñasde menta ben picadiñas na masa, que dis?
    Grazas.

    ResponderEliminar
  3. Benvidas as duas.... canta falla fai este tipo de receitas eu tamén me apun.to.... bicazos

    ResponderEliminar
  4. Pois a próxima receita tamén será do mesmo libro e tamén será con cabaciña...

    E o das folliñas de menta picadas vouno apuntar eu...;)

    Bicos

    ResponderEliminar