domingo, 25 de outubro de 2009

Queique de cabaza


Estamos en época de cabazas, e non porque se achegue Halloween (ou Samaín como se coñece aquí en Galicia) senón porque estamos en plena tempada.

Hai uns días regaláronme unha cabaza enorme, da que xa dei boa conta. Basicamente serviume para preparar flan de cabaza e este delicioso queique que presento hoxe. Trátase dunha cabaza butternut, de pel laranxa pálido pero cunha intensa cor laranxa no seu interior:


A receita saqueina do boísimo blog i-recetas, escrito por Pepinho desde algún lugar da xeografía galega, e que sempre nos trae unhas sobremesas (aínda que non só aparecen sobremesas) estupendas. Para os que aínda non coñezades este blog, aquí vos poño a ligazón para que o vexades e comprobedes por vós mesmos que o que digo é certo...

Utilizo case os mesmos ingredientes e sigo ao pé da letra as indicacións de Pepinho, o único que cambio son as cantidades, porque a primeira vez que o fixen coas cantidades que el dá, sobroume un pouco de masa e tiven que improvisar unhas "pseudomadalenas". A continuación poño "as miñas" cantidades, que non son máis que o 75% aprox. das cantidades orixinais:


INGREDIENTES:
- 160 g. de fariña
- 3/4 de culleradiña de bicarbonato
- 10 g. de fermento Royal
- 1/4 de culleradiña de noz moscada
- 1/4 de culleradiña de cravo moído
- 1 baga de pementa de Xamaica moída
- 1/2 culleradiña de canela
- 3/4 de culleradiña de sal
- 2 ovos medianos
- 220 g. de azucre (110 g. + 110 g.)
- 1 sobre de azucre vainillado
- 185 g. de puré de cabaza
- 80 g. de aceite de oliva (eu uso de xirasol)
- 50 ml. de leite
- Reladura de media laranxa
- 65 g. de noces picadas (non trituradas)
- 45 g. de uvas pasas remolladas en ron


PREPARACIÓN:
1- Ponse as uvas pasas a remollo no ron e quéntase o forno a 180ºC.

2- Mestúranse nun bol amplo a fariña, o bicarbonato, o fermento Royal, a noz moscada, o cravo moído, a pementa de Xamaica, a canela, o sal, o azucre vainillado e a metade do azucre (110 g.). Mestúrase todo ben cunhas varillas para que se airee a mestura.

3- Noutro bol e con axuda da batedora móntanse os ovos cos outros 110 g. de azucre, ata que a mestura colla unha cor amarela pálida. Engádese o puré de cabaza, o aceite, o leite e a reladura de laranxa, e mestúrase ben.

4- Vértese a mestura "húmida" no bol da mestura "seca" e mestúrase (valla a redundancia) todo ben.

5- Engádense as noces troceadas e as uvas pasas escurridas. Vólvese a mesturar todo ben, vértese nun molde de queique debidamente engraxado e enfariñado (eu ademais póñolle unha tira de papel de forno) e métese no forno durante uns 55 minutos a 1 hora. Comprobar a cocción cunha agulla, que deberá saír limpa.


PUNTUALIZACIÓNS:
- O puré de cabaza pódese facer de varias maneiras: Pepinho recomenda no seu blog i-recetas asar a cabaza no forno e, unha vez asada, triturala. Eu fíxeno así a primeira vez, pero prefiro cocer a cabaza ao vapor porque se aforra tempo e enerxía (no forno levaralle algo máis dunha hora máis o prequentamento), e o resultado é practicamente o mesmo. Para cocer ao vapor, pélase a cabaza, quítanse as sementes, trocéase e ponse no compartimento para o vapor. Unha vez cocida (aos 20 ou 25 minutos) machúcase, e esa pulpa machucada vértese nun coador amplo colocado sobre un bol para que solte a máxima cantidade de auga.
Tamén se pode cocer da maneira tradicional...

- En lugar de aceite de oliva eu utilizo aceite de xirasol virxe, sen refinar, procedente da agricultura ecolóxica. Cómproo en Carrefour ao prezo de 2,40€ a botella de 75 cl.

Está fabricado en Francia e foi obtido exclusivamente do prensado das pipas de xirasol en frío e o seu posterior filtrado.

- Outra achega persoal son unhas sementes de cabaza que lle botei por encima antes de metelo no forno...



- Volvo insistir que no blog de i-recetas hai máis ideas e suxestións para facer este queique e tamén para facer pan de cabaza.

Un queique moi recomendable polo seu sabor (se vos gustan as especias, claro...) e tamén polo nutritivo que é.

Bo proveito!!

Ningún comentario:

Publicar un comentario