sábado 24 xaneiro 2009

Ministry of Food

Hai uns días comentéi que me fixeran un agasallo moi especial. Pois aquí está: trátase do último libro de Jamie Oliver Jamie's Ministry of Food, o que pasa é que non quería desvelalo ata estrealo facendo unha das receitas. Para iso escollín Peitugas de polo con Parmesano, receita que lle quero dedicar a Noelia e David por este detallazo que tiveron comigo.


A verdade é que xa lle tiña gañas a este libro, pero o caso é que aínda non está editado en España, e estaba esperando a que saíra aquí (máis que nada para irlle quitando partido ós libros seus que xa teño...). As receitas, para os que xa coñecedes o seu estilo, son bastante similares ó que xa nos ten acostumados, pero son receitas máis sinxelas e doadas de elaborar porque, como el mesmo di: "Este libro está inspirado en toda a xente que coñecín que pensaba que nunca podería cociñar nin aprender a facelo. Por suposto, para min que alguén me diga isto é o mesmo que amosarlle un capote a un touro, porque penso que a sinxela cociña caseira é un dos máis básicos instintos primarios que cada persoa deste planeta debería ter para coidar de si mesmo, da súa famila e dos seus amigos."

En fin, receitas para principiantes e tamén para xente que xa sabe cociñar pero que lle gusta facer receitas rápidas e sinxelas, pero deliciosas. De feito, o primeiro capítulo do libro titúlase Pratos de vinte minutos (Twenty-minute meals), con pratos que van desde unha simple Tosta de filete de terneira con champiñóns, ata unha Sopa asiática de polo con noodles, pasando por un Estofado de peixe marroquí con cuscús, etc.

O libro comeza cun apartado dedicado ós utensilios básicos que debemos ter na nosa cociña, e tamén ós igredientes que nunca deben faltar na nosa despensa. Tamén ten capítulos dedicados á Pasta rápida (Quick pasta), Fritos sabrosos (Tasty stir-fries), Curris sinxelos (Easy curries), Ensaladas adorables (Lovin' salads), Sopas sinxelas (Simple soups), Carne picada (Homely mince), Estofados reconfortantes (Comforting stews), Asados familiares (Family roasts), Deliciosos vexetais (Delish veg), Carne e peixe rápidos (Quick-cooking meat and fish), Peixe clásico (Classic fish), Almorzos revitalizantes (Kick-start breakfasts) e Cousas doces (Sweet things).

Aquí está o propio Jamie presentándonos o libro:



Se vos interesa, podedes botarlle unha ollada a algunhas destas receitas na súa web oficial (podedes atopar a ligazón á dereita) ou tamén na páxina de Ministry of Food. A ligazón é ésta: Jamie's Ministry of Food.

Ben, pois como dicía ó principio, o prato que escollín para inauguralo é o de Peitugas de polo con Parmesano (Parmesan Chicken Breasts), que aparece nas páxinas 242 e 243 do libro.

INGREDIENTES (para 2 persoas):

- 30 grs. de queixo parmesano
- 2 pólas de tomiño fresco
- 2 peitugas de polo, preferiblemente caseiro ou ecolóxico
- Pementa negra recén moída
- 1 limón
- 6 liscos de xamón serrano
- Aceite de oliva

PREPARACIÓN:

1- Rela o parmesano. Separa as follas de tomiño dos talos. Con coidado, fai unhas pequenas incisións cun coitelo pequeno en forma de cruz nas peitugas.

2- Adereza cun chisco de pementa negra recén moída (non necesitas sal porque o xamón xa é salgado). Coloca as peitugas unha ó lado da outra e bota por riba a maioría do tomiño. Rela tamén a pel do limón e bota as reladuras por riba, e bota tamén o parmesano relado.

3- Coloca 3 liscos de xamón por riba de cada unha das peitugas, facendo que se sobrepoñan un pouquiño. Pon un papel film por riba das peitugas e dálle uns golpes fortes co cu dunha tixola ata aplanar as peitugas ata 1 cm. de grosor.

4- Pon unha tixola a lume medio. Retira o papel film e pon con coidado na tixola as peitugas co lado do xamón cara abaixo. Cociña durante 3 minutos por cada lado, dándolle a volta e deixando o lado do xamón uns 30 segundos máis para que se poña crocante.

5- Serve as peitugas enteiras ou córtaas en tacos gordos e colócaas apiladas nos pratos. Serve cuns anacos de limón para espremer, e un chorriño de aceite de oliva. Perfecto con puré e con verduras, e tamén cunha ensalada.


Eu non uséi o limón, pero botéille un chisco de sal, pementa negra e tomiño polo lado que non leva xamón.

Recoméndovos tamén que merquedes unha cuña de parmesano e que o reledes no momento. Nós sempre temos unha na neveira. É un queixo que sae un pouco caro, pero cunde tanto que á larga sae barato. Ademais, se mercas unha bolsa dese parmesano que xa vén relado, se non o usas todo, ós poucos días xa está rancio, sen embargo, ó mercalo enteiro aguanta moito máis tempo na neveira, e o sabor deste é moito mellor. Eu uso un relador manual, moi barato, que rela o queixo de marabilla. Tamén, como el mesmo di no vídeo que vos poño a continuación, se pode usar Cheddar en lugar de Parmesano, e romero en lugar de tomiño.

Aquí vos poño unha ligazón ó vídeo do que vos falo: Parmesan Chicken Breasts with Crispy Posh Ham, e tamén un pdf coa receita por se a queredes imprimir: Parmesan Chicken Breasts (pdf)

Ben, xa só me queda dicirvos que vos animedes a probar esta receita, porque se fai tan rápido e o resultado é tan bo, que eu xa a teño incorporada ás miñas receitas fixas...

Moitas grazas, Noe e David.

4 comentarios:

  1. Un gran acerto con esta música de fondo!!!!
    A ver si facemos unha cea mexicana!!!!!! sen contratempos je je je Bikiños a B.
    Noe

    ResponderEliminar
  2. Grazas, Noe. Como podes ver (ou mellor dito, escoitar) a selección musical corre a cargo dos Combitos...jj.
    O da cea do outro día foi unha mágoa (peor para eles), pero quedéi con ganas de probar a comida mexicana. Outra vez será...
    Anímate a probar esta receita: mínimo traballo, máximo resultado. E xa me contarás...
    Bicos

    ResponderEliminar
  3. As boas!!
    A verdade e que ten moi boa pinta nas fotos, asi que supoño que o paladar estara moito mellor.
    Aledome de que vos gustase.
    O da comida mexicana ten facil arranxo, pois so hai que ir ate o Carballiño, sen mais.
    E por ultimo que che vou decir eu da seleccion musical que ti non sepas. Excelente.
    Un saudo.

    David

    ResponderEliminar
  4. Ás boas, meu!!!
    Que ben soa o solo de guitarra no Waltz for Ruth, a que si?jj
    Vémonos
    Un saúdo

    ResponderEliminar