Amosando publicacións coa etiqueta xeado. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta xeado. Amosar todas as publicacións

domingo, 23 de setembro de 2012

Xeado manteigado

Si, seino, non é esta a mellor época do ano para facer xeado na casa, pero é que tiña moitas ganas de facer este xeado porque é un dos meus favoritos. Ademais, quen di que os xeados son só para o verán?

A verdade é que, despois de buscar e rebuscar na rede, atopei unha receita que colmou as miñas expectativas, polo simple da receita, pola explicación que dá a autora e, sobre todo, pola frase "Este xeado de mantecado fíxeno moitísimas veces, é un clásico na miña casa". Ese, para min, é un bo indicio de que a receita é boa...hh

O blog de onde saquei a receita é o seguinte: Lola en la cocina, e a ligazón á receita do xeado é este: Helado mantecado. Un blog, por certo, moi recomendable para os que aínda non o coñezades.

Aínda que me baseei na receita orixinal, introducín algúns cambios que creo que axudan a conseguir unha mellor textura á hora de elaborar xeados en casa: cambiei parte do leite por nata líquida, engadín leite en po, e cambiei parte do azucre por azucre invertido. O azucre invertido, ao contrario que o azucre normal, non cristaliza, facendo que o xeado quede máis cremoso. Preparar azucre invertido na casa é moi doado, e é moi útil non só na elaboración de xeados senón tamén na elaboración de masas con fermento, porque fai que fermenten máis rápido, ou nas masas tipo biscoito, porque fai que o resultado final sexa menos seco. Aquí poño a ligazón á receita: Azucre invertido.

O leite en po engade proteína ao xeado, o cal fará que sexa máis cremoso. Ademais, ao levar lactosa fai un efecto parecido ao do azucre invertido, é dicir, axuda á non cristalización do xeado. Isto é debido a que a lactosa é un azucre capaz de absorber até 10 veces o seu peso en auga. Ademais, debido ao seu pouco poder adozante non fará que teñamos que compensar as cantidades de azucre.

Outra variación que fixen foi a cantidade, xa que fixen xusto a metade da receita orixinal. Aínda así saíume cantidade suficiente para unhas 12 bólas de xeado, aproximadamente.

Xeado mantecado

INGREDIENTES:
- 300 ml. de leite enteiro
- 200 ml. de nata líquida con 35% m.g.
- 3 xemas de ovo
- 135 g. de azucre
- 40 g. de azucre invertido
- 30 g. de leite en po desnatado
- 25 g. de manteiga
- Un anaco de para de limón
- Un pau pequeno de canela

ELABORACIÓN:
1- Sácase a manteiga da neveira e resérvase.

2- Nun cazo bátense as xemas co azucre e o azucre invertido. Cando estean batidas vaise engadindo a nata e o leite aos poucos. Cando se engadiu todo o leite engádese o leite en po e reméxese ben. A continuación engádense a para de limón e o pau de canela.

3- Colócase o cazo a baño maría e reméxese con bastante frecuencia. É conveniente vixiar a temperatura da mestura para que non exceda os 85ºC, porque se o fai as xemas callarán. Para facer isto é moi útil un termómetro con sonda.

4- Cando a mestura empece a pegarse á culler apágase o lume e pásase a mestura a través dun coador a outro bol para que arrefríe. Reméxese de cando en vez para evitar que se forme costra.

5- Cando estea tépeda engádese a manteiga ou a manteiga de vaca a temperatura ambiente e mestúrase ben coas varillas para que quede ben integrada.

6- Unha vez fría hai dúas opcións: ben pasalo a un recipiente apto para conxelar e metelo no conxelador, ou ben pasalo a unha xeadeira para que se forme o xeado.

7a- Se optamos pola primeira opción, haberá que sacar o xeado dúas ou tres veces do conxelador a medida que se vaia conxelando para remexer cunha culler e evitar así que se formen cristais.

7b- Se temos unha xeadeira (este é o meu caso) botámolo na xeadeira e agardamos a que estea bastante espeso antes de botalo nun recipiente apto para meter no conxelador. Neste caso non será necesario remexelo.

PUNTUALIZACIÓNS:
- Ao contrario do que poida parecer, este xeado non se conxela até o punto de ter que sacalo con antelación do conxelador para poder servilo. É bastante cremoso, e é bastante "dócil" á hora de preparar unhas boas bólas para servilo, e esa si é unha característica que eu busco nun xeado caseiro.

- Se non se ten ou non se quere facer o azucre invertido, pódense engadir 175 gramos de azucre normal na receita.

- Aínda que hai varios tipos de leite en po no mercado, o máis habitual é o desnatado. Os outros teñen tendencia a porse rancios moi rápido.

- Tamén se pode substituír a manteiga por manteiga cocida de vaca, o que lle dará un sabor máis intenso a manteigado. Se se usa a manteiga de vaca hai que engadila á mestura cando aínda está algo quente para que se disolva completamente.

Moitos ourensáns temos en mente o recordo do xeado manteigado de "La Ibense", que se elaboraba alí de maneira totalmente artesanal. Aquí poño o enderezo da nova xeadaría La Ibense na Valenzá (Barbadás) para os nostálxicos que queiran volver degustar esta marabilla:

Este que eu traio hoxe, salvando as distancias, tenta parecerse un pouco ao que se pode comprar alí, aínda que se non o conseguín igualar de todo non importa. O que importa é que este xeado está delicioso...

xoves, 1 de xaneiro de 2009

Feliz 2009

Hoxe é para moitos o día da Santa Resaca (aínda que moitos fieis desta santa lle mostran a súa devoción durante boa parte do ano...)
Pois hoxe para min é coma se fose un domingo calquera: a típica dor de cabeza na que o alcol ten pouco ou nada que ver (senón máis ben os cambios horarios), e comida familiar. Onte foi, seguindo o costume dos últimos anos, xornada de cea caseira á luz das candeas, pero por primeira vez en anos, con empiltramento sen saída previa (as circunstancias case obrigan...). Ademais, o ano pasado xa quedamos un pouco fartos de andar polos viños con tódolos garitos petados e sen poder pedir unha copa sen ter que pelexar con todo o mundo para chegar á barra. É, sen dúbida, o peor día para saír, pero bueno, a noite de Fin de Ano é unha noite no ano...

Pero volvendo ó menú: Vieiras ó forno


INGREDIENTES (para 2 persoas):
- 2 vieiras
- 1 cebola
- Pementón doce
- Pan relado
- Sal
- Aceite

Eu merquei as vieiras xa limpas pero coa cuncha. O único que hai que facer é fritir un pouco a cebola ben picada. Unha vez transparente, engadir o pementón e o sal e darlle un par de voltas. Botar por riba das vieiras. Botar un pouco pan relado por riba da capa de cebola e ó forno ata que teñan unha bonita cor dourada.

Ensalada de rúcula e canónigos con ananás e queixo Feta (xenial improvisación de My missus)


INGREDIENTES:
- Un pouco de rúcula
- Uns poucos canónigos
- Unha roda de ananás (mellor natural)
- Uns 50 grs. de queixo Feta
- Un puñado de noces
- Aceite oliva virxe extra
- Vinagre balsámico de Módena

Lavar ben a rúcula e os canónigos e colocar nun prato. Pelar as noces, picar en anacos o ananás, e botar por riba das herbas. Desmigar o queixo cos dedos e ilo botando por riba de todo o anterior. Finalmente, aderezar con aceite de oliva virxe extra e vinagre balsámico.

Confit de pato con crema de castañas


INGREDIENTES:
- 2 muslos de pato en confit
- Un chisco de azucre

PARA A CREMA DE CASTAÑAS:
- 250 grs. de castañas (poden ser en conserva)
- Un vaso de leite
- 25 grs. de manteiga
- Sal
- Pementa branca

Para preparar os muslos de pato o único que hai que facer é quitarlles o exceso de graxa que os recobre. Botarlles unha finísima capa de azucre (eu utilicei panela) para que queden ben dourados, e metelos no forno, a uns 200º durante uns 15 minutos.
Para preparar a crema de castañas, bótase nun cazo a manteiga, o leite e as castañas. Sazónase con sal e pementa branca ó gusto, e déixase cocer ata que abranden as castañas. Ao abrandaren, bátese todo coa batidora. Rectifícase de sal e pementa se fose necesario. Queda unha crema espesa e moi suave.

E de sobremesa: Xeado de Crema de Licor Café (todo un descubrimento), con licor café, por suposto.


A receita máis doada de todas, posto que o único que hai que facer é mercalo e xa está...jj. É da marca "Gael", e fabrícano na Coruña, así que é Made in Galicia. Eu merqueino en Carrefour. É un xeado moi cremoso en comparación con outros, que son duros coma pedras, e está sencillamente delicioso. Nós, para melloralo un pouco máis, aderezámolo cun chisco de licor café da casa e uns pistachos recubertos de chocolate que había por aquí.

Aquí podedes ver a foto da etiqueta:



E para beber, cervexa da casa: Quintela Christmas Ale. Que máis se pode pedir?


Cervexa feita hai xa máis dun ano, pero que foi gañando matices e perdendo amargor durante este tempo. Cervexa de Nadal, de fermentación alta, cun cheiro moi agradable a especias e cun sabor realmente agradable.
A copa é de Urquell e a botella é de Grolsch, moi prácticas para reutilizar como envase de cervexa caseira.
Un día destes teño que retomar a fabricación caseira de cervexa. Supoño que cando chegue o bo tempo. Cando o faga, podedes estar seguros de que vos terei ó día.

O dito, bo proveito e, aínda que sexa un topicazo, Feliz 2009 para tod@s.