luns, 27 de decembro de 2010

Muffins de cabaza e améndoa

A receita que publico hoxe parece unha reedición dos muffins de cabaza de Jamie Oliver que xa publicara hai algún tempo, pero esta vez os ingredientes cambian un pouco, aínda que segue aparecendo a cabaza crúa como ingrediente principal.


Esta vez a receita non é de Jamie Oliver, aínda que a súa autora, Harry Eastwood, tamén é inglesa e tamén ten un programa de cociña na tele. Está sacada do seu libro Red Velvet Chocolate Heartache: The ultimate feel-good book of natural cakes that taste naughty


A diferenza cos muffins de Jamie Oliver é que os que traio hoxe non levan nin noces picadas nin aceite, e a fariña de trigo é substituída por fariña de arroz e fariña de améndoa. Polo demais, o proceso de elaboración é bastante similar.

Teño que dicir que eu atopei esta receita no blog Bocados de Cielo, e que este, á súa vez, sacou a receita do blog Time4Tea. Unha mostra de que a receita é boa é que se vai pasando de blog en blog (esperemos que non termine o seu percorrido no meu...hh).

Muffins de cabaza e améndoa


INGREDIENTES (para 12 muffins):
- 200 g de cabaza crúa
- 160 g de azucre
- 100 g de fariña de améndoa
- 100 g de fariña de arroz
- A reladura e o zume dunha laranxa
- 2 ovos
- 2 culleradiñas de café de po Royal
- Un chisco de sal
- Azucre glas para botar por riba unha vez fríos

PREPARACIÓN:
1- Quéntase o forno a 180ºC. Tritúrase a cabaza o máis finamente posible. Resérvase.

2- Bátense os ovos co azucre até obter unha cor amarela pálido. Engádese a cabaza triturada crúa, as fariñas de améndoa e de arroz, o po Royal, o sal, a reladura e o zume de laranxa. Mestúrase todo ben.

3- Repártese esta mestura en 12 moldes de muffins e métese no forno a 180ºC durante 45 minutos.

4- Sácanse do forno, déixanse arrefriar completamente e bótase por riba un pouco de azucre glas.


PUNTUALIZACIÓNS:
- A fariña de améndoa non é máis que améndoa moída fina, do mesmo xeito que a fariña de arroz que non é máis que arroz en po. A fariña de arroz que eu utilizo é de arroz integral, ecolóxica, da marca Luz de Vida. Ultimamente xa podemos atopar nos supermercados este tipo de fariña xunto ao resto de fariñas convencionais. Se non podedes atopar esta fariña podédela substituír por fariña de trigo.

- A cabaza debe triturarse crúa, con ou sen pel, iso xa vai ao gusto de cada un. Iso si, en caso de usar a pel, esta ha de estar perfectamente limpa.

- O tempo de cocción no forno (45 minutos) pode parecer esaxerado para uns muffins, sobre todo se comprobamos como nos outros blogs dan outras indicacións de tempo: en Time4Tea danlle 20 minutos mentres que en Bocados de Cielo danlle de 12 a 15 minutos (descoñezo o tempo de forno que indica a receita orixinal de Harry Eastwood). O tempo de cocción, como sempre, depende de cada forno, e no meu, están perfectos ao cabo de 45 minutos...

- Os moldes pódense encher até preto do bordo posto que, aínda que si soben un pouco pola acción do po Royal, non hai perigo de que se espalle a masa fóra dos moldes ao cocer.

- Débense usar moldes de muffin, non de madalena. Aínda que teñen unha forma similar, os moldes de madalena adoitan ser de papel bastante lixeiro, e non aguantarían unha masa tan consistente como a dun muffin sen abrirse e espallarse no forno. Non hai que esquecer que as madalenas elabóranse cunha masa moito máis lixeira e esponxosa. Eu uso uns moldes de silicona que funcionan bastante ben e que, ademais, son reutilizables.


- Pódese substituír a reladura e o zume de laranxa por reladura e zume de tanxerina. Queda igual de ben.

- A pesar de non levar ningún tipo de graxa (o cal, xunto co uso da fariña de arroz, fainos máis saudables), mantéñense esponxosos e con textura húmida durante varios días (os suficientes antes de desaparecer da mesa...hh)


Unha receita das que a min me gustan: rápida, doada e cun resultado boísimo...

6 comentarios:

  1. Estes muffins están deliciosos e moito máis se o que tes que facer ti é só comelos!

    ResponderEliminar
  2. Pois penso que a cadea pode seguir no meu blogue, aínda que non sexa proximamente estes caen fixo, gardo a receita que me gustou moito.
    Saudos e bo Nadal

    ResponderEliminar
  3. Beatriz, así calquera...hh

    Caldebarcos, estarei atento á túa opinión cando a publiques no teu blog. Bo Nadal e Feliz Ano para ti tamén. Un saúdo.

    ResponderEliminar
  4. Que saibas que non todo o mundo está disposto a probar certas receitas (e esta é unha delas, ¿cabaza?)

    ResponderEliminar
  5. Deben de estar deliciosos y además con el tipo de harinas que puedo tomar...pronto les probaré.

    Besos

    ResponderEliminar
  6. Espero que te gusten tanto como a mí... ;)

    ResponderEliminar