domingo 19 maio 2013

Gofres belgas con cervexa

Hai tempo comprei a gofreira do Lidl e, despois de buscar receitas por aí, atopei esta nun dos meus blogs de referencia: i-receitas. Esta receita gustoume especialmente porque é a receita tradicional dos gofres belgas, e ademais porque está feita con cervexa belga, ao contrario que moitas receitas que se poden atopar pola rede, e iso, para un cervexeiro, decídeo todo.


A pesar de que me cinguín bastante á receita orixinal, engadín un ingrediente que, para min, fai que os gofres teñan un toque especial: o azucre perlado. Sei que por aquí non é nada fácil de atopar e, se o atopas, págalo a un prezo bastante elevado, polo que a miña opción foi facelo eu mesmo e case ao momento (logo explicarei como).

A cervexa que empreguei para a masa dos gofres é a witbier de Hoegaarden.


As witbier belgas ou cervexas brancas de Bélxica teñen a súa orixe en Brabante e en Lovaina, e caracterízanse pola súa turbidez pálida (de aí o nome de cervexas brancas), e por estar aromatizadas con casca de laranxa curaçao e con cilantro, o cal lles confire un sabor lixeiramente acedo e refrescante, ademais do lixeiro amargor proporcionado polo lúpulo. Son cervexas de trigo (o cal vai moi ben para a elaboración desta sobremesa a base de fariña de trigo), aínda que o trigo destas cervexas, a diferenza das cervexas de trigo alemás, é trigo cru, sen maltear. Son cervexas, como xa dixen, con moi pouco amargor, polo que o seu sabor non se notará excesivamente nos gofres.

Gofres belgas


INGREDIENTES (para 8 gofres):
- 5 g de fermento fresco de panadaría (ou 2 g de fermento seco)
- 4 ovos
- 70 g de azucre
- 5 ml de esencia de vainilla
- 150 ml de cervexa de trigo belga
- 300 g de fariña de forza
- 100 g de manteiga derretida e fría
- Un chisco de sal
- 70 g de azucre perlado
- Uns 20 g de manteiga derretida quente para pincelar a gofreira.

AZUCRE PERLADO:
- 70 g de azucre
- 70 g de auga aprox.

PREPARACIÓN:
1- Nun bol mestúranse o fermento, os ovos, o extracto de vainilla, o azucre e a metade da cervexa. Bátese ben coas varillas.

2- Vaise engadindo a fariña aos poucos, mesturando con coidado. Cando estea integrada engádese a manteiga derretida, a outra metade da cervexa e o sal. Mesturar ben até obter unha masa homoxénea.

3- Déixase repousar unhas 12 horas fóra da neveira ou unhas 24 dentro da neveira, tapado con film transparente.


4- Pasado ese tempo veremos que subiu bastante e está esponxada. Engádese o azucre perlado e remóvese todo ben.

5- Pór a quentar a gofreira e derreter a manteiga no microondas. Cando a gofreira acade a temperatura, pincélase coa manteiga e engádense un par de porcións de masa. Cocíñanse os gofres ata que estean tostados, pero sen chegar a queimarse.

6- Continuar até rematar toda a masa.

7- Pódense comer sós, aínda que o mellor é acompañalos con xarope de pradairo, chocolate derretido, xeado, froita fresca, marmelada, etc.


AZUCRE PERLADO EXTRARRÁPIDO:
- Bótase o azucre coa auga nunha tixola como para facer caramelo. Unha vez "seque" o azucre, e antes de que empece a queimarse, bótase sobre un papel de enfornar e espérase a que se solidifique.

- Unha vez solidificado, tápase co propio papel coma se fose un sobre e machúcase co rolete, aínda que sen pasarse porque nos interesa que nos queden "perlas" de azucre e non volver ao estado orixinal do azucre.

PUNTUALIZACIÓNS:
- A cervexa Hoegaarden wit é relativamente fácil de conseguir en moitos supermercados e grandes superficies. Se non se consegue, pódese usar algunha cervexa de trigo alemá, como a archicoñecida Franziskaner, ou mellor a Paulaner weiss. Se non se pode conseguir ningunha destas cervexas, ou simplemente non se ten a man, pódese usar calquera, aínda que non vou ser eu quen descubra que a calidade dos ingredientes ten relación directa coa calidade do resultado final do prato.

- En lugar de usar fermento de panadaría, no meu caso utilicei lías de fermento que quedaron no fondo do fermentador na última quenda de cervexa caseira. Desde que vin nun documental como as uitilizaban nunha granxa alemá para fabricar pan de cervexa, a miña intención sempre foi darlles algún uso en lugar de tiralas polo desaugadoiro, e teño que recoñecer que é a primeira vez que obteño uns resultados satisfactorios (4 culleradas para esta receita).


- Obviamente, en caso de non poder conseguir lías de cervexa frescas, a única alternativa é a utilización de fermento de panadaría, ben sexa fresco, ou ben seco. O que non vale en ningún caso é o fermento químico, po de enfornar, ou como se lle queira chamar, porque ese fermento (que non é fermento) é adecuado para masas batidas que non teñen que levedar.

- Pódese facer a metade de cantidade para catro gofres, aínda que o mellor é aproveitar para facer os oito gofres aínda que non se vaian a comer, porque se poden conxelar. Neste caso o único que hai que facer é non cociñalos tanto para poder terminar de cociñalos despois de sacados do conxelador.

- A maneira de facer o azucre perlado que puxen anteriormente quizais non sexa a máis ortodoxa, pero sácate do apuro. Tamén se pode facer da maneira tradicional, é dicir, deixando o xarope durante varios días nun recipiente ata que se solidifica. Hai unha chea de ligazóns pola rede, só hai que teclear "receita azucre perlado" en calquera buscador e listo.

- Non importa se os gofres non quedan cunha forma perfecta e todos iguais. Suponse que son caseiros, non?


A mellor bebida para acompañar a estes gofres é, sen dúbida, unha cervexa belga, sexa Hoegaarden ou calquera outra... ;)

Ningún comentario:

Publicar un comentario