venres, 2 de xullo de 2010

Torta de millo de Guitiriz

Hoxe imos cunha sobremesa de lenda: a torta de millo de Guitiriz.


E digo de lenda porque existe unha lenda que nos "explica" a orixe desta sobremesa, que vén dicir o seguinte:

No lugar de O Boedo había unha cidade pola que pasou a Sagrada Familia en busca de acubillo. Chamaron ás portas de varias casas porque chovía incesantemente, pero ningunha llo quixo dar. Incluso un zapateiro arroxoulle unha forma a Xesús. Chamaron entón á porta dunha muller que tiña varios fillos. Todos eles estaban a chorar da fame que tiñan. A muller díxolles que só podía aloxalos pero non darlles de comer. Entón a Virxe díxolle á muller que collese cinzas do fogar e que amasase unha torta con elas. Ao principio, a muller foi reticente, e dicía que non se podería amasar nada cunhas simples cinzas, porque a masa non ligaría. Pero ante a insistencia da Virxe, a muller accedeu a amasar e cociñou unha torta coa que alimentou a todos os presentes. Ante a incredulidade da muller, a Virxe dixo que era tan seguro que aquela torta estaba feita de trigo como que o lugar de O Boedo desaparecería baixo as augas aquela mesma noite por non darlles acubillo. E así foi, á mañá seguinte todo o pobo desaparecera baixo as augas, ben, todo o pobo non, só quedou a salvo a casa daquela humilde familia.

Como vedes, é unha desas moitas lendas que falan de cidades desaparecidas baixo as augas debido á pouca hospitalidade da xente rica, e nas que sempre hai unha familia pobre que accede a dar acubillo ao necesitado, e que acaba salvándose das represalias de quen se supón que non ten ese tipo de sentimentos...

Guitiriz é un pobo da provincia de Lugo, famoso polas súas augas medicinais e o seu balneario, pero tamén por este doce do que hoxe falamos.

Se buscades esta receita atoparedes moitas versións e todas diferentes. Eu seguín a receita de delokos, pero adaptei as cantidades para 6 ovos porque a primeira vez que a fixen coa receita para 8 ovos desbordouse do molde ao subir no forno e queimóuseme parte da masa no fondo.

Torta de Guitiriz


INGREDIENTES:
- 110 g. de fariña de millo
- 110 g. de fariña de trigo
- 1 cullerada de glute de trigo (7 g.)
- 6 ovos medianos, preferiblemente caseiros ou ecolóxicos
- 150 g. de manteiga de vaca cocida
- 240 g. de azucre máis un pouco para botar por riba
- 10 g. de fermento Royal
- A reladura dun limón
- Un chorro de anís (licor)
- Un chisco de sal


PREPARACIÓN:
1- Prequentar o forno a 180ºC. Mestúrase a manteiga a temperatura ambiente co azucre, a reladura de limón e o anís, e bátese coas varillas ata que se forme unha masa homoxénea.

2- Vanse engadindo os ovos uno a un ata que estean ligados na masa. Engadir o sal.

3- Engadir as fariñas tamizadas, o fermento e o glute, e mesturar coidadosamente ata que non queden grumos.

4- Verter nun molde tipo coroa e botar un pouco de azucre por encima antes de meter no forno. Fornear durante 30 ou 35 minutos a 180ºC coa placa inferior e o aire.



PUNTUALIZACIÓNS:
- Pódese utilizar fariña de forza en lugar de fariña normal. Nese caso xa non será necesario engadir glute.

- Aquí en Galicia, a manteiga de vaca cocida pódese atopar con certa facilidade no supermercado na zona de refrixerados, aínda que non se atopa en todos. Véndena a granel, é dicir, envasada en anacos de diferentes tamaños.
Tamén se pode preparar na casa, para iso, simplemente ponse manteiga normal a lume moi suave e vaise sacando a escuma que vai aparecendo na superficie. Cando deixe de aparecer escuma déixase arrefriar. Solidificarase e xa estará lista para ser usada. Se non a atopades e tampouco vos apetece preparala, usade manteiga normal, aínda que o resultado non será o mesmo. Aquí poño unha foto onde se ve a diferenza entre as dúas manteigas:


A manteiga normal ten unha cor pálida, mentres que a manteiga cocida ten unha cor amarela máis intensa. Úsase normalmente para bicas, roscóns, etc.

- Pódese botar o azucre ou ben antes de meter no forno, como fixen eu, ou ben xusto despois de sacar do forno, como nos indica delokos. Eu prefiro botar o azucre antes para que se forme esa costra doce, como na bica, pero só hai que botar unha capa moi lixeira, porque se non, o peso do azucre fará que se afunda na masa ao subir.


- O anís ha de ser licor, non semente. Non vos preocupedes polo alcol, porque se evaporará dentro do forno.

- O molde que se debe usar é o de rosca, posto que é o típico deste doce.

- A cor amarela intensa débese principalmente a tres factores: a fariña de millo, os ovos caseiros e a manteiga cocida de vaca.


Como vedes, é unha sobremesa de elaboración moi sinxela, só hai que mesturar os ingredientes, verter no molde, meter ao forno e listo, e o resultado é francamente bo...

sábado, 29 de maio de 2010

Polbo á prancha

Hoxe imos cunha receita moi sinxela pero ao mesmo tempo moi boa, unha receita que se probades, ben seguro que repetiredes: polbo á prancha.


Xa contei nalgunha ocasión que en terras galegas o polbo considérase un manxar. O arquicoñecido polbo á feira consiste simplemente en polbo cocido, aderezado con pemento, bo aceite de oliva e un chisco de sal gordo. Se se acompaña cuns cachelos cocidos na mesma auga do polbo ou simplemente cun anaco dun bo pan de Cea, entón convértese nun prato espectacular.

Pero, aínda que o polbo se consome por toneladas en Galicia, paradoxalmente a inmensa maioría de galegos comérono da mesma maneira durante toda a súa vida: á feira, e é unha pena porque a verdade é que este cefalópodo dá para moito máis. E iso é o que imos facer hoxe, probar a cociñalo dunha maneira algo diferente.

Polbo á prancha


INGREDIENTES (para 2 persoas):
- Un polbo pequeno
- 4 ou 5 patacas
- Aceite de oliva virxe extra
- Pemento (doce ou picante, ao gusto)
- Perexil picado
- Sal Maldon

PREPARACIÓN:
1- Se, coma min, tedes a sorte de poder mercar o polbo cocido na feira ou nalgún dos postos que cada domingo se colocan en multitude de puntos da cidade, pedide dúas racións, pero sen picar e sen aderezar. Levádeo a casa e deixade que arrefríe completamente.
Se non é así, cocede o polbo durante 40 ou 45 minutos ou ata que estea tenro e deixádeo arrefriar.

2- Unha vez o polbo estea frío separamos os brazos, cortamos a parte dianteira (o extremo) e reservamos. Collemos a parte traseira do tentáculo (a máis grosa), colocamos un coitelo ben afiado entre as dúas filas de ventosas e cortamos ao longo para separar ese anaco en dúas partes alargadas. Imos repetindo esta operación con todos os tentáculos do polbo.


3- Pomos unha prancha antiadherente ao lume e deixamos que se quente ben. Mentres, asperxemos os anacos de polbo con aceite de oliva e impregnamos por todas partes. Cando a prancha estea ben quente colocamos os anacos de polbo e deixamos que se marquen polos dous lados.

4- Mentres se asa o polbo, preparamos o aderezo. Para iso botamos nun bol aceite de oliva virxe extra e perexil picado e mesturamos ben.

5- Unha vez o polbo estea listo, colocámolo nunha fonte, botamos un pouco de pemento, asperxemos coa mestura de aceite e perexil, e un chisco de sal Maldon.

6- Servir inmediatamente e gozar...


PUNTUALIZACIÓNS:
- Como xa mencionei antes, o mellor acompañamento para este prato son uns cachelos cocidos na mesma auga do polbo, ou simplemente un bo anaco de pan do día. Nós adoitamos cocer unhas patacas ao vapor, que tamén están deliciosas aderezadas do mesmo xeito que o polbo.


- É importante deixar que o polbo se arrefríe de todo despois de cocido, porque deste xeito evitamos que se desprenda a pel cando se estea asando na prancha.

- A pel debe quedar crocante, pero non se debe queimar.


O dito, un prato moi sinxelo pero non por iso de baixa categoría, senón todo o contrario...

luns, 17 de maio de 2010

II Cask Ale Festival

O pasado xoves, e despois de máis dun ano de longa espera, celebrouse na cervexaría O Moucho a segunda edición do Cask Ale Festival.

Despois do éxito obtido na primeira edición deste festival coa cervexa inglesa Bishops Finger, de Shepherd Neame, esta vez tocoulle a quenda a outra excelente cervexa da mesma fábrica: Master Brew.


A Master Brew é a cask ale máis coñecida e máis vendida no condado de Kent e, do mesmo xeito que a Bishops Finger, utiliza exclusivamente cebada e lúpulo cultivados no devandito condado. Shepherd Neame fabrica as súas cervexas na cidade de Faversham desde 1698, o que a converte na fábrica de cervexa máis antiga de Inglaterra.


Segundo nota de cata do experto en cervexas Peter Ogie:
Master Brew é unha session bitter* limpa, seca e refrescante, cun toque de dozura, pero cun firme e vibrante lupulizado e cun persistente amargor final.
* As session bitter, tamén chamadas ordinary bitter, son cervexas inglesas, tostadas, de até 4,1% de alcol.

A Master Brew ten unha gradación alcohólica de 3,7%, e moi pouco gas, o que fai que sexa moi fácil beber máis da conta... Vén sen pasteurizar, o cal significa que é unha cervexa viva e totalmente natural, e que ten unha durabilidade moito menor que calquera cervexa pasteurizada.


Aquí van algunhas fotos do picado do primeiro barril...






... e este é o resultado:




Esperemos que este festival se consolide e que podamos seguir gozando destas fantásticas cervexas por estas terras sen ter que achegarnos até a Gran Bretaña...


Saúde!!!

martes, 20 de abril de 2010

Revolto de espaguetis de mar con xamón


Na miña anterior entrada falaba do Galician caldo de Jamie Oliver na que preparaba o tradicional caldo galego pero substituíndo o grelo, que é a verdura típica destas terras e deste prato, por alga wakame (Undaria pinnatifida). Pero isto de utilizar wakame como substituto do grelo non foi idea de Jamie Oliver, senón de Antonio Muiños, de Portomuiños, empresa dedicada desde fai máis dunha década á comercialización das algas do litoral galego. E por iso hoxe vou preparar un revolto con espaguetis de mar en conserva.

O espagueti de mar (Himanthalia elongata) é unha alga atlántica, que se atopa na área que vai desde Noruega a Portugal. Ten unha cor pardo e forma cintas que poden alcanzar os 3 metros de lonxitude. Estas cintas despréndense no inverno coa chegada dos primeiros temporais, o que fai que sexa moi fácil atopala na costa. En galego recibe o nome de correa ou cinta debido á súa forma.


A utilización das algas na cociña non é nada novo. En países como Xapón ou Chile consúmense desde hai séculos. Aquí empezan a introducirse e cada vez resulta máis fácil atopalas nos supermercados. Pódense atopar deshidratadas ou en conserva, o que as fai moi pouco perecedoiras e moi fáciles de utilizar (e ademais son moi baratas...).


Na páxina web de Portomuiños explícannos moi ben as propiedades nutritivas das algas:
Alimentación e cociña

No mundo comercialízanse moitas especies de algas para uso alimentario. Nas nosas costas atopamos moitas especies distintas de algas, con todo, só unhas poucas se comercializan para uso alimentario. Son un mundo novo por descubrir.

As algas cómense fundamentalmente porque son verduras moi sas e nutritivas. Destaca a súa gran riqueza en vitaminas e minerais, elementos hoxe escasos nos alimentos máis comúns da nosa dieta tradicional. Teñen moitos minerais e algúns deles, como o calcio, magnesio, ferro, fósforo, potasio ou iodo, na cantidade suficiente para cubrir unha porcentaxe moi ampla da cantidade que se recomenda inxerir diariamente. Son alimentos que achegan gran diversidade e cantidade de vitaminas, como vitamina A, C ou vitaminas do grupo B tan escasas e necesarias hoxe en día.

Algunhas son moi ricas en proteínas, polo que se recomenda a súa inclusión nas dietas vegetarianas ou dietas pobres en proteínas animais.

Son ricas en fibra e fitocoloides, sustancias que actúan favorecendo a mobilidade intestinal e ademais sacian, polo que son adecuadas en dietas de adelgazamento.

Son pobres en graxas e hidratos de carbono, polo que son un alimento recomendado en dietas hipocalóricas.

Ademais de ser sas e nutritivas teñen sabores, texturas e cores que as fan moi versátiles na cociña.

(http://www.portomuinos.com/)
Este revolto de espaguetis de mar con xamón é un prato que veño facendo desde hai bastante tempo, porque é un prato que se prepara moi rápido, tanto que normalmente leva máis tempo comelo que preparalo, e tamén por todas as propiedades e beneficios que, como vimos, achegan as algas.


Revolto de espaguetis de mar con xamón

INGREDIENTES (para 2 persoas):
- 4 ou 5 ovos caseiros ou ecolóxicos
- 1 dente de allo
- 1 lata de espaguetis de mar en conserva
- 70 g. de xamón picado
- Pementa negra recentemente moída
- Perexil picado


PREPARACIÓN:
1- Pícase fino o dente de allo e dóurase nunha tixola. Mentres se vai dourando o allo escórrense as algas.

2- Cando o allo estea dourado (ollo que non se queime!) engádense as algas á tixola. Remóvese un pouco e engádense os taquiños de xamón. Xusto despois engádense os ovos, engádese pementa negra recentemente moída e vaise removendo cunha espátula a medida que van callando os ovos.

3- Sérvese nos pratos cun chisco de perexil picado por riba.


PUNTUALIZACIÓNS:
- Pódense substituír os tacos de xamón por gambas peladas, o que fará que este prato sexa un pouco máis mariñeiro. Outra opción sería simplemente eliminar o xamón ou as gambas deixando só as algas.

- Non é necesario cociñar as algas nin o xamón, e o ovo cociñarase ao gusto de cada cal.

- Non é necesario engadir sal posto que o xamón xa leva suficiente cantidade de sal.


O dito, un prato moi saudable e moi recomendable se tedes pouco tempo para cociñar...

mércores, 31 de marzo de 2010

Galician caldo

Fai un par de días aparecía nalgúns xornais a noticia de que Jamie Oliver, o coñecido e televisivo cociñeiro inglés, decidira pór os seus ollos en Galicia preparando unha das receitas máis ancestrais da nosa gastronomía: o caldo galego. Pero parece ser que, como os grelos son algo difíciles de conseguir pola Gran Bretaña, substitúe estes por a alga wakame, pero iso si, das rías galegas...

Foto de David Loftus

A noticia (aquí deixo en ligazón á mesma en La Voz de Galicia) é... ía dicir sorprendente, pero non, non porque non debería sorprender a ninguén que os mellores cociñeiros poñan os seus ollos nos produtos galegos (e non só de marisco viven os galegos...), senón máis ben curiosa, e por varios motivos:

Primeiro polo nome, porque non deixa de ser curioso lelo en inglés. A min sóame un pouco posh (ou preppy, como dirían en norteamérica). Imaxinádevos a cara que porían as nosas avoas si visen a carta dalgún restaurante elegante de Londres na que che cobren a ración de "Galician caldo" a 20 pounds...

Segundo, porque non deixa de ser curioso que Jamie Oliver prepare unha das receitas que a miña nai (e todas as nais de Galicia) prepara en casa de toda a vida...

E terceiro, porque non deixa de ser curioso o uso dun ingrediente tan "innovador" neste prato como é a alga wakame (Undaria pinnatifida), como substituto da verdura galega máis tradicional: o grelo (Brassica rapa). O uso das algas en Galicia, até fai ben pouco, limitábase ao fertilizado de leiras, e aínda hoxe seguen sendo un ingrediente de uso pouco común.

Aínda que Jamie Oliver leve a fama, a verdade é que a receita é de Antonio Muiños, de Portomuiños, empresa de Cambre (A Coruña) dedicada desde 1998 á comercialización das algas galegas, chegando xa a súa distribución aos cinco continentes. Esta empresa ten como clientes aos máis prestixiosos cociñeiros, como Ferran Adrià, Pedro Subijana, Joan Roca, Juan Mari Arzak, Santi Santamaría, Quique Dacosta, Andoni Aduriz ou o galego Marcelo Tejedor, que cualificou a Antonio como o "gurú" das algas.


E esa fama é a que fixo que Jamie Oliver mandase a un equipo de colaboradores a Cambre para facer unha reportaxe sobre Portomuiños e as súas algas, e que foi publicado no último número da súa revista Jamie Magazine.

Aquí poño a ligazón á receita na páxina oficial de Jamie Oliver: Galician caldo with wakame seaweed.


Non é esta a primeira vez que vexo a Jamie Oliver usando un ingrediente típico da cociña galega. No episodio 12 da 2ª tempada de Oliver's twist (Jamie and the soccer girls) Jamie preparaba uns pementos de Padrón, entre outras tapas "typically Spanish", para as mozas do equipo feminino de fútbol, posto que a capitá do equipo era española.

Se se pon de moda a comida galega en Inglaterra, acabaremos atopando nos menús dos restaurantes londinienses a famosa frase "Pementos de Padrón,uns pican e outros non", pero en versión Rei Zentolo: Little green hot peppers from Padrón, ones are spicy, anothers don't...

domingo, 21 de marzo de 2010

Afundir o Bismarck

Fai cousa de tres meses publicaba neste blog unha entrada que levaba por título Tactical Nuclear Penguin vs Schorscbock, na que comentaba a "guerra" aberta entre as cervexeiras Brewdog (Escocia) e Schorschbräu (Alemaña) por saber cal das dúas produce a cervexa máis forte do mundo. Os escoceses acababan de fabricar a súa Tactical Nuclear Penguin, cun 32% de contido alcólico, e os alemáns sacaran, case pola mesma data a súa Schorschbock de 40% de alcol.

Pois ben, o pasado 19 de febreiro presentouse en Londres a última creación de Martin Dickie e James Watt, de Brewdog, co provocador nome de Sink the Bismarck (Afundir o Bismarck)


A Sink the Bismarck é unha IPA cuádrupla, co cuádruplo de lúpulo, o que a fai catro veces máis amarga, e conxelada catro veces para conseguir así un aumento no volume de alcol: 41%. "Esta cuádrupla lupulización dá como resultado un aroma afrutado, resinoso e especiado. O sabor a malta, mel e aceite de lúpulo supón un ataque frontal ás papilas gustativas, como un torpedo de amargor de lúpulo que dura e dura".

Esta cervexa só está dispoñible a través de Internet, na tenda de Brewdog, ao módico prezo de 40£ (uns 44,50€) a botella de 33 cl. Iso si, inclúe un tapón para poder pechala se, loxicamente, non se consome dunha soa vez (iso sería como beberse case media botella de whisky...hh).

Por si o nome da cervexa non fose suficiente para avivar os ánimos dos alemáns, tamén lanzaron un vídeo promocional no que aparecen os cervexeiros escoceses facendo unha parodia sobre, como non, o afundimento do Bismarck, aquel mítico acoirazado alemán que crían invencible e que acabou no fondo do mar na primeira operación que lle foi encomendada, o 27 de maio de 1941, durante a chamada Batalla do Atlántico.

Sink the Bismarck! from BrewDog on Vimeo.


Á parte desta polémica coa cervexeira alemá Schorschbräu, Brewdog protagonizara xa algunha outra anteriormente, como a que xurdiu a raíz do lanzamento da Tokyo*, a "fantástica e intergaláctica stout envellecida en carballo", de 18,2% de alcol. Naquel momento era a cervexa máis forte do Reino Unido e houbo unha gran alarma por todo o país por unha cervexa que eran "tres pintas nunha botella". O alto contido alcohólico desta cervexa parecía ir en contra de todas as campañas en favor do consumo responsable de alcol, polo que no Reino Unido levaron as mans á cabeza. Entón decidiron crear unha cervexa tan suave que está mesmo por baixo da clasificación legal de cervexa e non é o suficientemente forte para pagar impostos como cervexa. Trátase da Nanny State, unha Ale de 1,1% de alcol.


Por suposto o nome tamén é sarcástico, posto que "Nanny State é un termo pexorativo que se refire ao proteccionismo estatal, ao intervencionismo económico e ás políticas reguladoras (económicas, sociais ou de calquera outra natureza) e á percepción de que estas políticas se están institucionalizando como práctica común". (wikipedia)

En fin, que estes cervexeiros parece que teñen na polémica a súa mellor baza para publicitar a súa cervexa. Agora toca esperar a ver si os alemáns contraatacan con outra cervexa que supere a esta, ben en alcol ou ben en polémica.

Estaremos atentos aos acontecementos...

Saúde!!