venres, 10 de agosto de 2012

Crema de limón

Esta crema de limón é un das sobremesas máis rápidas, máis sinxelas e con menos ingredientes que pode haber, e a pesares diso, o resultado é boísimo. Ideal para preparar no verán, xa que non require forno e prepárase nuns minutos.

Crema de limón


A receita está sacada do libro Mis menús de cada día (Ed. Grijalbo), do afamado chef escocés Gordon Ramsay.


Crema de limón

INGREDIENTES (para 2 persoas):
- 200 ml. de nata líquida
- 50 g. de azucre
- O zume dun limón


PREPARACIÓN:
1- Vértese a nata nun cazo xunto co azucre e lévase a ebulición a lume moi baixo. Remóvese a miúdo para que se disolva ben o azucre.

2- Mentres, esprémese o limón, cóase o zume e se reserva nun vaso. Preparar as dúas copas ou os dous vasos onde se vai a servir a crema.

3- Cando a nata comece a ferver déixase ao lume uns 3 minutos máis removendo constantemente .

4- Ao pasar os 3 minutos retírase o cazo do lume e engádese o zume de limón remexendo sen parar. A crema debería empezar a espesar case de inmediato.

5- Verter nas copas ou vasos onde se vai a servir e deixar arrefriar durante uns minutos.

6- Cando a crema estea a temperatura ambiente tápase con film de cociña e métese na neveira durante unhas horas até o momento de servir.


PUNTUALIZACIÓNS:
- Debe quedar unha textura cremosa, sen grumos, parecida á dun iogur cremoso.

- Pódese probar antes de verter nas copas por se necesitase máis cantidade de zume. O seu sabor debe ser doce e ácido ao mesmo tempo.

- Non é necesario botar ningún tipo de espesante como xelatina, agar-agar ou similares. Debe quedar cremosa, non espesa.

- A receita orixinal trae outras cantidades, pero eu adapteina ao bote de 200 ml. de nata líquida, para non ter que deixar o bote de nata aberto na neveira.

- A nata que eu utilizo é de 35% materia graxa. Como non probei a facer esta receita coa nata lixeira, non podo dicir que o resultado vaia a ser o mesmo.

- Gordon Ramsay proponnos acompañar esta crema cunhas linguas de gato ou unhas galletas amendoadas.


Este é o tipo de sobremesa que máis me gusta, con moi poucos ingredientes que se poden ter sempre na casa, e que se pode preparar en calquera momento e para calquera ocasión.

Saúde!!

xoves, 26 de xullo de 2012

Torta tres chocolates

A receita de hoxe é un clásico entre os clásicos, unha desas receitas que todo o mundo ten e que, probablemente, todo o mundo ten con moi poucas variacións. A pesar diso, tendo en conta que o obxectivo básico deste blog é ter todas as miñas receitas ordenadas, hoxe póñoa aquí, para o meu propio uso e por se hai aínda algún descoidado que non ten a receita ou (que tamén pode ser...) que aínda non a coñeza.

Torta tres chocolates


Obviamente o nome vén polo uso de tres tipos de chocolate: negro, con leite e branco, quedando o tres capas perfectamente visibles e sen mesturarse as unhas coas outras.

Torta tres chocolates

INGREDIENTES:
- 500 ml. de leite [750 ml.]
- 500 ml. de nata líquida [750 ml.]
- 2 sobres de callada de 12 g. cada un [3 sobres]
- 100 g. de azucre [150 g.]
- 100 g. de chocolate negro [150 g.]
- 100 g. de chocolate con leite [150 g.]
- 100 g. de chocolate branco [150 g.]
- Galletas para a base (unhas de chocolate van perfectas...) en cantidade suficiente

[As medidas entre corchetes son as orixinais da miña receita, para unha torta máis grande.]


PREPARACIÓN:
1- Tritúranse as galletas e mestúranse cun chorriño pequeno de leite (o xusto para humedecelas un pouco pero sen que se empapen). Distribúense ben por todo o fondo do molde até cubrilo.

2- Ponse a quentar nun cazo 133 ml. [200 ml.] de leite, 166 ml. [250 ml.] de nata, o chocolate negro en anacos e 50 g. [75 g.] de azucre. Remover a miúdo para que non se pegue. Mentres tanto dilúense 8 g. [1 sobre] de callada en 33 ml. [50 ml.] de leite e bátese ben cunhas varillas para que non quede grumos.

3- Cando a mestura de chocolate comece a ferver engádese a callada e remóvese ata que volva ferver. Retírase uns segundos do lume sen deixar de remover e vólvese a pór ao lume novamente para que ferva unha última vez.

4- Vértese no molde con coidado para non esparexer a capa de galleta.

5- Vólvese a facer o mesmo que nos pasos anteriores, pero esta vez con 133 ml. [200 ml.] de leite, 166 ml. [250 ml.] de nata, 33 g. [50 g.] de azucre e o chocolate con leite en anacos. Igualmente dilúense 8 g. [1 sobre] de callada en 33 ml. [50 ml.] de leite e engádese á mestura de chocolate cando esta comece a ferver. Vértese encima da capa de chocolate negro, con coidado de que non se mesturen ambas as capas.

6- Vólvese a facer o mesmo que nos pasos anteriores, pero esta vez con 133 ml. [200 ml.] de leite, 166 ml. [250 ml.] de nata, 16 g. [25 g.] de azucre e o chocolate branco en anacos. Igualmente dilúense 8 g. [1 sobre] de callada en 33 ml. [50 ml.] de leite e engádese á mestura de chocolate cando esta comece a ferver. Vértese encima da capa de chocolate con leite, con coidado de que non se mesturen ambas as capas.

7- Déixase en friar un pouco a torta e métese na neveira durante unhas horas para que acabe de callar ben.

8- Pódese decorar con infinidade de toppings. O meu, o máis cómodo, son as labras de chocolate. Para facelas só hai que coller unha tableta de chocolate, darlle a volta e, coa axuda dun coitelo grande en posición vertical, raspar a superficie do chocolate para sacar unhas labras finas que se irán esparexendo pola superficie da torta.


PUNTUALIZACIÓNS:
- As cantidades que eu poño son unha adaptación persoal sobre a receita. Entre corchetes aparecen as medidas orixinais coas que sae unha torta máis grande. Se se fan as medidas grandes hai que ter en conta a capacidade do molde.

- O molde é aconsellable que sexa desmontable, e o suficientemente grande para estas cantidades. Eu uso un molde desmontable con fondo de cerámica e bordo de silicona, da marca Lékué. Aínda que é un molde pensado para facer quiche, vai moi ben para esta torta (e para estas cantidades), porque se poden cortar directamente sen preocuparse por raiar a base.


- En lugar dunha capa de galletas molladas en leite, pódense usar galletas trituradas mesturadas con manteiga, ou tamén unha capa de bisoito fino. A min, persoalmente, a opción que máis me gusta é a que poño na receita.

- Antes de esparexer as labras de chocolate ou calquera topping que poñamos, é conveniente que a superficie da torta estea seca. Se non o está, pódese secar con moito coidado coa axuda dunha servilleta de papel que absorberá a humidade. Así mesmo, é conveniente non tocar as labras de chocolate cos dedos, porque a calor corporal é suficiente para derretelas. O mellor é axudarse co mesmo coitelo que utilizamos para raspar o chocolate.

- Non hai que ter medo de que as capas se mesturen, sempre que as botemos con coidado. O mellor para facer isto é axudarse cunha culler sopeira ou unha lingua de silicona. Para iso colócase a culler ou a lingua moi preto da superficie e vértese a mestura de chocolate sobre a culler, o que fará que a mestura de chocolate caia suavemente sobre a capa anterior sen que se mesturen as dúas capas.

- Se se quere asegurar que non aparezan grumos na torta, pódese pasar cada capa a través dun coador no momento de vertela no molde.

- A callada que eu uso é da marca Royal. Cada caixa trae 4 sobres de 12 g. de callada en po.

- Para facer esta torta máis decorativa pódese inclinar un pouco o molde á hora de facer as dúas primeiras capas de chocolate, terminando coa última capa, a do chocolate branco, co molde totalmente horizontal para que a torta quede recta. Así, á hora do corte non sairían as liñas paralelas, senón oblícuas.


Esta torta é un chisco laboriosa, pero está moi ben para a época de calor porque non hai que acender o forno e cómese fresquiña da neveira; e o resultado gusta a todo o mundo, especialmente aos máis pequenos (e aos non tan pequenos tamén...)

domingo, 20 de maio de 2012

Muffins de chocolate con cenoria

Hoxe volvo aos muffins, e outra vez aos muffins publicados por Harry Eastwood no seu libro Red Velvet Chocolate Heartache: Muffins de chocolate con cenoria.


Para aqueles que non estean moi familiarizados cos muffins, hai que lembrar que estas sobremesas NON son madalenas; de feito, só se asemellan ás madalenas na forma, que nin sequera en tamaño, aínda que teño que recoñecer que os que eu fago adoitan ter o tamaño dunha madalena. Polo demais, a masa dos muffins adoita ser máis compacta que a das madalenas, que é moito máis esponxada debido á simplicidade dos seus ingredientes. A masa dos muffins adoita levar froitos secos, froita deshidratada, ou algún outro ingrediente que fai que sexa máis contundente.

Do mesmo xeito que todas as sobremesas de Harry Eastwood publicadas anteriormente, tamén se trata neste caso duns muffins deliciosos e supersáns, xa que non levan nin chisco de graxa e nin chisco de fariña de trigo (o tema de se a fariña de trigo é sa ou non queda para outro día...), usando no seu lugar cenoria picada e fariña de arroz. A única graxa a ter en conta aquí é a manteiga de cacao que poida levar o chocolate, nada máis.


A palabra muffin (lido /ˈmʌfɪn/) deriva da palabra orixinal moofin, que parece ser unha adaptación da palabra francesa moufflet (pan suave). Os muffins de chocolate son, quizais, os máis coñecidos e apreciados da extensísima variedade de muffins que se poden facer ou atopar no mercado.

Muffins de chocolate con cenoria

INGREDIENTES(para uns 12 muffins):
- 3 ovos medianos, preferiblemente caseiros ou ecolóxicos
- 180 g de azucre moreno (eu metade azucre, metade panela)
- 250 g de cenoria finamente picada
- 2 culleradas de café forte (ou de auga fervendo)
- 120 g de fariña de arroz
- 50 g de fariña de améndoas
- 40 g de cacao en po de boa calidade
- 2 culleradiñas de fermento sen aluminio
- Un chisco de sal
- 100 g de chocolate en anacos pequenos


PREPARACIÓN:
1- Prequentar o forno a 180ºC. Sacar a bandexa do forno e dispor encima dela os moldes dos muffins.

2- Nun bol amplo, bater coas varillas eléctricas os ovos co azucre durante 4 minutos, ata que estean montados e espumosos. Con axuda da picadora picar finamente a cenoria e engadila á mestura de ovos e azucre xunto co café. Mesturar ben.

3- Engadir ao bol a fariña de arroz, a fariña de améndoas, o cacao en po ben peneirado, o fermento e o sal. Mesturar.

4- Engadir en último lugar os anacos de chocolate e volver mesturar todo ben.

5- Verter nos moldes de muffin até case o bordo e meter no forno quente durante uns 40 minutos ou ata que se vexa que están cocidos.


PUNTUALIZACIÓNS:
- Se os nenos van comer estes muffins, ou se simplemente non nos gusta o café, é mellor prescindir del e optar por engadir auga á masa.

- Se as cenorias son frescas non é necesario pelalas. Bastará simplemente son lavalas ben e quitarlles a parte de arriba.

- En lugar de partir os anacos de chocolate para engadir á masa, o máis cómodo é usar pingas de chocolate que xa se venden no supermercado. No meu caso uso pingas de chocolate negro e pingas de chocolate branco da marca Valor. Nalgunha ocasión utilicei Lacasitos, aínda que as cores non quedan demasiado ben despois de pasar polo forno, pero é outra opción...

- A quen lle guste o chocolate, pódese incrementar a cantidade de anacos de chocolate, pero sen exceder os 150 gramos.

- A receita orixinal usa azucre Demerara, que é un azucre sen refinar, de gran groso e con pouca humidade. Se non se atopa este tipo de azucre pódese usar azucre moreno (do azucre moreno de verdade, o que non foi coloreado artificialmente), ou azucre branco refinado. No meu caso utilicei azucre branco ecolóxico mesturado con panela a partes iguais (90 g + 90 g).

- Asimesmno, a receita orixinal propón un tempo de cocción de ao redor de 25 minutos. No meu forno necesitan 40 minutos. Os tempos de cocción débense axustar a cada forno porque cada forno é un mundo.

- Os moldes que eu uso son os de silicona reutilizables, que son máis cómodos para a elaboración de muffins. Se se usan moldes de papel, é mellor utilizar dous moldes por cada muffin debido á consistencia da masa, e ademais axudará a que non se queimen no fondo. Tamén se pode usar unha bandexa especial para muffins, con 12 ocos.

- O cacao ha de ser sen azucre, e de boa calidade. Eu uso cacao en po ecolóxico e de Comercio Xusto.

- A autora da receita pon un topping de crema de chocolate que eu obviei. A quen lle guste pódeo pór.


O resultado desta receita son uns muffins húmidos, tenros, e cun intenso sabor a chocolate. Ideais para o almorzo ou para a merenda, sobre todo polo sans que son.

Saúde!!

domingo, 13 de maio de 2012

Sfouf: pastel libanés de sémola con améndoas

Despois de case tres meses de ausencia de novas publicacións no blog, retomo cunha sobremesa típica libanesa: Sfouf.


O sfouf é un cake feito a base de sémola de trigo, cun pouco de cúrcuma que lle dá unha cor amarela intensa. Polo demais é moi similar a calquera outro cake.


Esta receita está sacada do libro El mundo en mi cocina, de Gordon Ramsay (Grijalbo, 2010)


A sémola é un tipo de fariña grosa (pouco moída) que se obtén a partir de certos cereais, como o arroz, a avea, o millo (polenta) ou, como neste caso, moendo o endospermo do trigo duro (Triticum durum). A sémola de trigo é o ingrediente principal na elaboración dalgúns pratos árabes tradicionais, como o cuscús ou o tabuleh, pero tamén é un ingrediente imprescindible na elaboración da pasta seca italiana. Como todas as fariñas é moi rica en hidratos de carbono, e ten un alto contido en proteínas.


A cúrcuma (Curcuma longa) é unha das especias máis utilizadas na gastronomía india, ademais de ser un dos compoñentes fundamentais do curry. É unha planta da familia do xenxibre e, do mesmo xeito que este, utilízase o rizoma. Debido á súa cor amarela intensa, orixinalmente utilizábase para tinguir tecidos, como a la ou o algodón, e para dar cor a algunhas partes do corpo, máis tarde comezou a usarse para dar cor aos pratos de arroz e de carne. Ademais de colorante téxtil e de condimento na gastronomía asiática, tamén ten importantes propiedades medicinais polas súas funcións antitumorais, antioxidantes, antiartritis, e antiinflamatorias, entre outras. Nos seus países de orixe pódese atopar o rizoma de cúrcuma de forma natural, pero aquí en España adoitamos atopala case exclusivamente en po.


Sfouf: pastel de sémola con améndoas


INGREDIENTES:
- 225 g de sémola fina
- 75 g de fariña
- 1/2 culleradiña de cúrcuma en po
- 6 g de fermento sen aluminio
- 225 g de azucre
- 275 ml de leite
- 1 ovo grande lixeiramente batido
- 100 g de manteiga lixeiramente salgada, derretida
- 1 chorriño de auga de azahar (ou de rosas)
- 25 g de améndoas fileteadas


PREPARACIÓN:
1- Prequentar o forno a 180ºC. Engraxar un molde cadrado, preferiblemente desmontable, e preparalo para enfornar.

2- Nun bol botar a sémola, a fariña, a cúrcuma e o fermento. Remover ben coas varillas para que non queden grumos. Noutro bol botar o azucre, o leite, a manteiga derretida, o ovo, a auga de azahar e mesturar todo ben. Unha vez estea todo ben mesturado vértese todo no bol coa sémola e mestúrase ata que quede unha masa homoxénea.

3- Verter no molde preparado e esparcir as améndoas fileteadas por encima.

4- Meter no forno prequentado durante uns 35 minutos. Antes de sacalo, picar cunha agulla que deberá saír limpa. Deixar arrefriar uns minutos antes de desmoldealo.


PUNTUALIZACIÓNS:
- A receita que aparece no libro de Gordon Ramsay trae o dobre de cantidades, pero eu preferín facer a metade. De todos os xeitos, se se quere facer o dobre para que dure máis tempo, consérvase ben na neveira.

- En lugar de usar manteiga lixeiramente salgada, pódese utilizar manteiga normal á que se engadiu un chisco de sal.

- En lugar de améndoas fileteadas pódese utilizar calquera outro froito seco, como piñóns, pistachos, etc.

- A sémola de trigo é a mesma que se usa para facer pasta caseira. A que eu uso é sémola integral de trigo, ecolóxica, da casa Luz de Vida.

- Pódese glasear cun par de culleradas de marmelada de albaricoque, quentadas.

- Adóitase servir só, aínda que queda un pouco seco. O mellor é tomalo acompañado dun iogur espeso e asperxido con mel, para tomar á sobremesa un con té á menta ou cun café turco.


Saúde!!

mércores, 22 de febreiro de 2012

Brownie de remolacha e abelás

Hai tempo xa publiquei unha receita de brownie na o que substituía a fariña por un ingrediente menos convencional en repostaría: Brownie de azukis. Os azukis son un legume, unha faba de cor vermella intensa e de tamaño máis ben pequeno. Pois ben, hoxe imos con outro brownie deses "pouco convencionais" pero cun resultado sorprendentemente bo: Brownie de remolacha e abelás.


Hai que dicir que esta receita vén avalada por Harry Eastwood, autora que busca nas súas receitas a total ou parcial substitución de ingredientes pouco saudables (manteiga, nata, etc.) por outros ingredientes máis sans (case sempre algunha hortaliza), e de quen puxen xa máis dunha receita (véxase etiquetas). Esta receita tamén está sacada do seu libro Red Velvet Chocolate Heartache (páxs. 136, 137 e 138), onde aparece co nome de Forbidden Chocolate Brownies.


Aínda que a autora desta receita é inglesa, a orixe dos brownies hai que buscalo nos Estados Unidos, alá polo ano 1897.

Harry Eastwood
Como xa dixen antes, poida que sorprenda un pouco a utilización da remolacha nunha preparación doce, pero todos os que coman remolacha habitualmente, sobre todo en ensaladas, saberán que é unha hortaliza de sabor doce e terroso. E se ten sabor doce, por que non empregala en pastelaría? Ademais, isto da utilización de hortalizas na elaboración de cakes non é nada novo, porque son bastante coñecidos os de cenoria, pataca doce, cabaza ou cabaciña, por exemplo, e dos que hai algúns exemplos neste blog. Neste caso, a remolacha achega humidade ao cake, ademais de sabor e propiedades nutritivas.

A remolacha (Beta vulgaris) é unha planta da familia Amaranthaceae, á que tamén pertencen a acelga (de feito, á remolacha tamén se coñece como acelga colorada, entre outros moitos nomes), o amaranto ou a quínoa. No caso da variedade de mesa aprovéitase principalmente a raíz, que é grosa, carnosa e dunha cor vermella intensa, aínda que as follas tamén son comestibles. É unha das hortalizas máis ricas en azucres, por iso é polo que unha das súas variedades, a remolacha azucreira (Beta vulgaris subsp. vulgaris var. altissima), se utiliza para a produción de azucre. Tamén é rica en fibra, vitamina B, iodo, sodio e potasio.

Imaxe sacada de www.modapreviewinternational.com
A orixe da remolacha está no norte de África, onde xa se consumía hai máis de 4.000 anos pero, a pesar da proximidade coa península Ibérica, non chegará a España até o século XV, aínda que só se consumían as súas follas. A raíz servía pouco máis que como ingrediente na elaboración de ungüentos contra as dores de moas e de cabeza. Non foi até un século máis tarde, o século XVI, cando se introduciu a raíz como ingrediente nas comidas. Hoxe en día, Francia e Italia son os principais produtores de remolacha de mesa.

Brownie de remolacha e abelás


INGREDIENTES:
- 400 g de remolacha crúa, pelada e cortada en dados duns 2 cm.
- 100 g de abelás + 30 g para decorar
- 3 ovos medianos, preferiblemente caseiros ou ecolóxicos
- 220 g de azucre muscovado (eu uso panela)
- 1/4 de culleradiña de sal
- 150 g de chocolate negro de polo menos un 70% de cacao
- 2 culleradas de fariña de arroz
- 70 g de cacao en po de boa calidade
- 2 culleradiñas de fermento sen aluminio
- 1 culleradiña de extracto de vainilla


PREPARACIÓN:
1- Prequentar o forno a 160ºC. Preparar un molde desmontable, preferiblemente cadrado, untándoo con manteiga e botando un pouco de fariña, ou como fagades habitualmente.

2- Colocar os dados de remolacha nun bol de cristal que poida ir ao microondas, engadir un chorriño de auga e tapar con film de cociña (apto para microondas). Facer uns buracos no film e cociñar a remolacha no microondas durante 10 minutos á máxima potencia.

3- Mentres se cociña a remolacha, triturar os 100 g de abelás o máis finamente posible ata que estean reducidas a po.

4- Bater os ovos, o azucre e o sal durante 5 minutos ata que tripliquen o seu volume.

5- Volvemos pór a nosa atención na remolacha. Unha vez pasados os 10 minutos de microondas, retirar o film (moito coidado ao quitar o film porque o vapor que sairá podería queimarnos), tirar a auga do fondo do bol e triturar a remolacha ata que quede reducida a puré. Cortar o chocolate en cuadradiños e engadilo á remolacha, que debe estar aínda quente para que o chocolate se derrita. Remexer. Se a remolacha arrefriou demasiado, vólvese a meter un minuto no microondas e engádese o chocolate.

6- Engadir o po de abelás, a fariña de arroz, o cacao (peneirado), o fermento e o extracto de vainilla ao batido de ovos e mesturar ben.

7- Engadir o puré de remolacha e chocolate e mesturar até obter unha mestura homoxénea.

8- Verter no molde preparado e botar por enriba os 30 g de abelás restantes, pero esta vez rotas, non trituradas. Meter no forno prequentado durante 35 minutos.

9- Sacar do forno asegurándonos de que ao cravar un escarvadentes no centro, este sae limpo. Deixar arrefriar durante 20 minutos antes de desmoldear, posto que é moi delicado de manexar mentres está quente.


PUNTUALIZACIÓNS:
- É recomendable un molde cadrado ou rectangular porque os brownies normalmente sérvense cortados en cadradiños. Se non tedes un molde con esa forma non pasa nada.

- Aínda que normalmente os brownies non levan ningún tipo de fermento (a orixe do brownie está precisamente no descoido dun cociñeiro que se esqueceu de botar fermento a un biscoito de chocolate), este si o leva. A pesares diso, non queda demasiado esponxoso, senón máis ben coa textura dun brownie tradicional, que é crocante por fóra e zumento (que non cru) por dentro, e cun intenso sabor a chocolate.

- O cacao en po ha de ser cacao puro, sen azucre engadido. Eu utilizo un que compro na tenda de Comercio Xusto, e que ademais é ecolóxico.

- O azucre muscovado, tamén coñecido como moscabado ou moscovado ou azucre de Barbados, non é o mesmo que o azucre moreno (especialmente o azucre moreno "de solarium", é dicir, aquel que foi escurecido artificialmente despois de ser refinado). É un azucre cuxos grans están cubertos de melaza (de aí a súa "humidade") e que non sufriu ningún proceso de refinamento, polo que as súas propiedades organolépticas (cor, sabor, aroma...) distan moito do azucre convencional. Eu utilizo panela ecolóxica, que é un azucre que se parece moitísimo ao muscovado, e que tamén compro na tenda de Comercio Xusto. De todos os xeitos, aínda que o resultado non sexa o mesmo, se non atopades este tipo de azucre (ultimamente empeza a verse polos supermercados, especialmente na sección gourmet, tendas de dietética, etc.) podedes usar azucre normal, aínda que reducindo a cantidade. Para saber máis sobre este tipo de azucre, aquí deixo esta ligazón: Gastronomía&Cía: Azucar moscabado o moscovado.

- O tempo de cocción é orientativo polo que, dependendo do forno, tardará algo máis ou algo menos tempo.

- Se se quere, pódese volver a triturar a remolacha xunto co chocolate derretido até conseguir unha pasta suave de remolacha e chocolate, antes de engadila á mestura de ovos.

- Como as abelás teñen bastante aceite, ao triturarlas teñen tendencia a facer unha pasta (o que se coñece como praliné). Nesta receita o ideal é facer po de abelás pero, se non se consegue, tamén se poden deixar un pouco máis grosas.


O dito, outra receita "fat free" para adictos ao chocolate, e outra forma de introducir as verduras na dieta daqueles aos que non lles gustan as verduras.

sábado, 21 de xaneiro de 2012

Cuscús con garavanzos e polo

Hei de dicir que a miña relación particular co cuscús non empezou nada ben. Non foi o que se di "amor a primeira vista". Tamén hei de dicir que a primeira vez que o probei foi nun menú de avión, cando aínda nos avións servían comida sen ter que pagar máis por iso. Non me gustou. Obviamente, non se pode tomar unha comida precociñada e requentada como exemplo representativo, así que algún tempo máis tarde decidín darlle outra oportunidade nun restaurante vexetariano da cidade, e o resultado, aínda que un pouco mellor, seguiu sen mellorar demasiado a miña percepción deste prato. Desde ese día estiven unha boa tempada sen volver a probalo.


Pero como non son alguén que se dá por vencido facilmente en cuestión de comida, nunha viaxe que fixemos a Tunisia hai algúns anos volvín darlle outra oportunidade, e entón descubrín o sabor do verdadeiro cuscús. Todos os días, no buffet do hotel, servían este prato, e xa cambiou o meu punto de vista. Pero onde probei o cuscús definitivo, ese que sempre tentei imitar desde que volvín desa viaxe, foi nunha gran cea espectáculo, con música, faquires, etc, á que asistimos unha noite. Servíronnos un cuscús con garavanzos e cordeiro que estaba delicioso, absolutamente delicioso...

A receita que poño a continuación é, como xa dixen, a máis parecida a aquela que probamos alí, aínda que cambiando o cordeiro polo pito. De todos os xeitos hei de dicir unha cousa: por moi bo que estea o que eu fago na miña casa, aínda lle falta moito para chegar á exquisitez daquel, pero non reparo no empeño de igualalo...


O cuscús, ou couscous (en árabe كوسكوس kūskūs), é sémola de trigo moída de tal forma que non se chegou a converter en fariña. O mellor utensilio para cocer o cuscús é a cuscuseira, que é unha especie de recipiente dobre moi parecido ás vaporeiras, no que na parte de abaixo ponse a cocer o caldo, e na parte de arriba, furada no fondo a modo de coador, colócase o cuscús que se cocerá ao vapor que desprende o caldo, quedando cunha consistencia solta e esponxosa. Eu non dispoño deste utensilio, así que o preparo dun modo máis sinxelo que logo explicarei.

Cuscuseira moderna

Este prato de inequívoca orixe magrebí, era moi apreciado no Al-Ándalus, sobrevivindo na península á ocupación árabe, especialmente entre a poboación morisca, baixo o nome de alcuzcuz.

Hoxe en día é a base da cociña de todo o norte de África (Marrocos, Tunisia, Alxeria, Libia, Exipto, etc), onde adoita comerse collendo unha pequena porción coa man dereita directamente da fonte onde se serve e amasándoa un pouco entre os dedos, ou ben con axuda dun anaco de pan (nunca coa man esquerda, xa que esta úsase para "outros mesteres").

O tamaño dos grans de cuscús non adoita exceder o milímetro de diámetro unha vez cocido, aínda que existen variedades como o cuscús israelí que é un pouco máis groso. E mesmo a mughrabia, unha especie de cuscús do Líbano, cuxo gran é do tamaño dun garavanzo.


Esta receita de cuscús saqueina de libro Cocina Feng Shui de los cinco elementos, escrito por Iona Purtí e Adriana Ortemberg.


A receita aparece no libro co nome de Cuscús con garbanzos y gírgolas a la plancha. Eu substituín esas "gírgolas" (tipo de cogomelos tamén coñecidos como Pleurotus ostreatus) por polo, o que converte este prato nunha comida de prato único.

Segundo o Feng Shui, todas as receitas deben incluír os cinco elementos da forma máis equilibrada posible, así que alá vai a receita co elemento Feng Shui ao que pertence cada ingrediente:

Cuscús con garavanzos e polo


INGREDIENTES (para 2 persoas):
- 50 g de garavanzos secos (T)
- Medio polo (pito) caseiro ou ecolóxico (Ma)
- 100 g de cuscús integral (L)
- 200 ml de auga (A)
- Sal mariño (A)
- Pementa negra recentemente moída (Me)
- Aceite de oliva virxe extra (T)
- 2 cebolas (Me)
- 1 dente de allo (Me)
- 3 ou 4 tomates pelados e picados (Ma)
- Medio litro de caldo de verduras ou de polo (A)
- 2 culleradiñas de ourego seco (Ma)
- 2 culleradas de menta seca (Me)
- 2 culleradiñas de pemento doce (L)
- 1 culleradiña de comiño moído (Me)
- 2 culleradiñas de canela moída (Me)

(Me)= Metal, (Ma)= Madeira, (A)= Auga, (L)= Lume, (T)= Terra


PREPARACIÓN:
1- A noite anterior á preparación ponse os garavanzos a remollo. Ao día seguinte cócense durante uns 18-20 minutos en pota exprés. Cóanse e resérvanse.

2- Córtase o pito en anacos e sazónase con sal e pementa negra recentemente moída. Nunha cazola bótase un bo chorro de aceite de oliva virxe e dóuranse os anacos de pito. Cando estean ben dourados retíranse da cazola e no mesmo aceite dóurase o dente de allo picado e as cebolas picadas finas, reservando unha presa de cebola picada fina que engadiremos ao cuscús.

3- Cando a cebola estea transparente vólvese a botar o polo, os tomates picados finos e o caldo de verduras ou polo, reservando medio vaso de caldo para despois.

4- Engádese unha culleradiña de ourego, unha culleradiña de menta, unha culleradiña de pemento doce, unha culleradiña de canela moída e media culleradiña de comiño moído. Báixase o lume e remóvese todo ben. Déixase cociñar durante unha hora e media a dúas horas se é pito caseiro, ou algo menos se é pito normal. Hai que ter coidado de que non quede sen caldo. Se así fose engádese algo máis de caldo ou de auga e termínase de cocer.

5- Cando ao pito lle falten uns 15 ou 20 minutos, comezamos co cuscús. Para iso tóstase o cuscús en seco nunha tixola ata que desprende cheiro a tostado. Ao mesmo tempo quéntase nun cazo a auga cun pouco de sal. Cando empeza a estar tostado o cuscús, con coidado de que non se queime, bótase nun bol e engádese a auga salgada fervendo por encima. Tápase o bol cun trapo e déixase que o cuscús absorba toda a auga.

6- Mentres, na mesma tixola onde tostamos o cuscús engádese un chorriño de aceite e frítese a cebola picada que reservaramos. Cando estea transparente engádense os garavanzos, unha culleradiña de pemento doce, unha culleradiña de canela e media culleradiña de comiño. Remóvese ben e, antes de que se queimen as especias, engádese o caldo que reservaramos con anterioridade.

7- Unha vez o cuscús absorbeu todo a auga, botamos un chorro de aceite de oliva virxe extra, unha cullerada de ourego e unha cullerada de menta e, con axuda dun garfo, remóvese ben o cuscús para que non se apelmace.

8- Unha vez reducido o caldo dos garavanzos engádense, xunto coa cebola frita, ao bol de cuscús. Remóvese todo ben e xa está listo para servir xunto co polo, que para entón xa estará listo.


PUNTUALIZACIÓNS:
- En lugar de cuscús integral pódese usar cuscús normal, por suposto.

- O pito caseiro, e o pito de curral, tardan máis tempo en cociñarse que o pito normal. O punto perfecto de cocción do pito é cando a carne se desprende do óso con facilidade. É recomendable usar, sempre que se poida, pito caseiro ou ecolóxico, así evitámonos inxerir hormonas, antibióticos e demais lixo co que abarrotan aos pitos de cría intensiva. O pito caseiro ten unha carne máis consistente pero moito máis saborosa que o pito normal. Só é cuestión de cociñalo durante máis tempo.

- En lugar de pito pódese utilizar cordeiro, que é unha carne máis tradicional neste prato. Nós preferimos o pito. Tamén se pode facer caso da receita orixinal e utilizar algún tipo de cogomelo á prancha para acompañar o cuscús, e así converter esta receita en apta para vexetarianos.

- Se non se quere cocer os garavanzos pódense mercar xa cocidos. Neste caso é mellor mercalos de boa calidade, se é posible ecolóxicos, porque os garavanzos son moi baratos.

- En lugar de cocer os garavanzos na pota exprés pódense cocer nunha pota normal, pero levaralles ao redor de hora e media ata que estean ben cocidos.

- As medidas das herbas e especias son ao gusto. Eu poño as que eu utilizo, aínda que cando cociño bótoas un pouco a ollo, a verdade. O que si é evidente é que o cuscús é unha comida especiada, e prescindir das especias deixaría a este prato un pouco orfo, sen sabor, e por tanto, sen graza.


Este prato, a pesares de parecer moi complicado, non o é tanto. Parece complicado pola gran cantidade de ingredientes que utiliza, pero logo a súa elaboración é máis ben sinxela, moi similar a un tradicional pito guisado. O que si está claro é que o resultado fai que calquera esforzo mereza a pena...