domingo, 31 de outubro de 2010

Risotto con bacon, fabas vermellas e romeu

Aínda que a publico hoxe, esta receita é todo un clásico na miña cociña. Levo anos facéndoa, e iso é o mellor indicador de que unha receita é boa, ou non?. A receita en cuestión é Risotto con bacon, fabas vermellas e romeu.


A receita é de Jamie Oliver, e está sacada do seu libro La cocina de Jamie Oliver (RBA, 2004, aínda que a edición orixinal de Penguin Books, The Naked Chef, é de 1999), aínda que no libro aparece co nome Risotto con panceta, judías pintas y romero. Como vedes cambiei touciño entrefebrado por bacon (o sabor afumado do bacon paréceme máis interesante) e as fabas pintas por fabas vermellas.


Teño que dicir que ao principio non me decidía a facer este risotto porque eu, como a maioría da xente que non probou esta combinación, pensaba: "arroz con fabas? non sei...". Decidinme a facelo porque esta é a primeira frase da receita no libro: "Este é o meu risotto favorito: simplemente é extraordinario". E de verdade que o é, extraordinario...

O risotto é un prato italiano a base de arroz, con textura cremosa, case caldoso. A variedade de arroz para elaborar este prato é importante (non serve calquera arroz!!), ten que ser unha variedade rica en almidón para que quede un arroz "legato" (ligado). Eu elaborei o meu coa variedade arborio, aínda que tamén se poden utilizar carnaroli, vialone nano e, se non se atopan as anteriores italianas, a española bomba tamén está ben. Para saber máis cousas sobre o risotto podedes botar unha ollada á receita Risotto con chourizo vexetariano na que explicaba algunhas cousas máis.


Risotto con bacon, fabas vermellas e romeu

INGREDIENTES (para 2 persoas):
- 160 g. de arroz arborio, carnaroli, vialone nano ou bomba
- 1 cebola mediana
- 1 dente de allo
- 100 g. de bacon
- 2 poliñas de romeu fresco (resérvanse as puntas para decorar os pratos)
- 1 chorriño de vermú extra seco (extra dry) ou viño branco
- 1/2 litro de caldo de pito ou de verduras
- 150 g. de fabas vermellas cocidas
- 50 g. de manteiga
- 50 g. de queixo parmesano recentemente relado
- Sal
- Pementa negra recentemente moída
- Aceite de oliva

PREPARACIÓN:
1- Ponse o caldo nun cazo e quéntase.

2- Na pota onde se vai a facer o risotto bótase un chorro de aceite de oliva. Sofríxense o allo e a cebola picadas no aceite. Cando a cebola estea transparente (ollo que non se queime!) engádese o bacon cortado en dados e un chisco de pementa. En canto se empece a dourar o bacon engádense as follas de romeu, dáselle unha volta e engádese o arroz.

3- Déixase que o arroz se frita, pero sen que se doure, removéndoo constantemente (non pasa nada aínda que crepite un pouco). Aos 2 ou 3 minutos engádese o chorriño de vermú e déixase que se evapore o alcol.

4- En canto se teña evaporado o alcol engádese o primeiro cullerón de caldo quente e un pouco de sal. Báixase un pouco o lume e remóvese ben. A partir deste momento vanse engadindo culleróns de caldo quente a medida que o arroz vai absorbendo o anterior, e remóvese con frecuencia.

5- Pasados uns 15 minutos compróbase a cocción do arroz. Se está algo duro séguese engadindo caldo ata que estea cocido e brando, pero enteiro.

6- Cando o arroz estea no seu punto, engádense as fabas vermellas cocidas e reméxese con suavidade. Retírase a pota do lume e engádese a manteiga e o queixo parmesano e reméxese outra vez todo con coidado. Próbase o punto de sal e rectifícase se é necesario.

7- Sérvese inmediatamente, sen deixalo repousar (non é unha paella!), cando aínda está cremoso. Adórnase coas puntas das ramas de romeu. Lévase a cuña de queixo parmesano á mesa xunto co relador por se alguén quere relar un pouco máis de queixo por encima.


PUNTUALIZACIÓNS:
- O resultado final no prato ten que ser un arroz cunha textura cremosa, sedosa, parecida ao arroz con leite. Se queda moi espeso pódese engadir un pouco máis de caldo ou de manteiga, volvendo rectificar o punto de sal se fose necesario.

- Á hora de sazonar hai que ter en conta que o queixo parmesano tamén achega o seu toque salgado ao prato.

- Poderíase utilizar outro queixo curado tipo Grana padano ou mesmo Manchego, pero o que mellor queda é o Parmigiano-Reggiano. Xa comentei nalgunha ocasión que este queixo, aínda que é un pouco caro, paga a pena mercar a cuña e relalo na casa porque unha vez aberto aguanta bastante na neveira e o sabor do queixo recentemente relado é excelente. O queixo "parmesano" que vén xa relado en bolsas ten un sabor bastante deficiente e unha vez aberto o paquete hai que consumilo deseguido, co cal ás veces hai que acabar tirándoo.

- En lugar de bacon pódese utilizar touciño entrefebrado (panceta), como na receita orixinal. Iso vai ao gusto.

- É moito mellor utilizar romeu fresco. As herbas frescas teñen un sabor máis suave e delicado que as secas. En caso de non telo a man, o romeu seco fai un apaño.

- O caldo pode ser de pito ou de verduras, dá igual, pero mellor se é feito na casa ou, mesmo mellor, se é ecolóxico. Para este risotto adoito utilizar o caldo de pito ecolóxico de Aneto:


- As fabas vermellas pódense cocer en casa, pero é moito máis cómodo se xa se compran cocidas en bote ou en lata. Só hai que escorrer e listo. Para dúas persoas é mellor utilizar botes pequenos que se poidan gastar dunha soa vez. Cos botes grandes sempre teño o mesmo problema: que uso a metade das fabas, gardo a outra metade na neveira e acabo tirándoas porque en cuestión de poucos días acábanse estragando.


- Pódese utilizar calquera variedade de faba. A min gústame a vermella polo sabor pero sobre todo pola cor, que fai un contraste moi bonito co arroz.

- As cantidades de manteiga e de queixo parmesano son ao gusto, pero non se deben suprimir se se quere conseguir o sabor característico deste prato.

- Pódese usar vermú ou viño branco, con calquera destas dúas bebidas está ben, pero eu prefiro o vermú. Se utilizades vermú, que sexa extra seco, tipo Martini Extra Dry ou Noilly Prat. O Martini Bianco non serve porque é demasiado doce.

- A combinación deste risotto cunha focaccia de tomates cherry recentemente feita é espectacular.


A pesares desta chea de indicacións e puntualizacións, é un prato moito máis sinxelo do que aparenta, e o que o proba repite, seguro.

sábado, 9 de outubro de 2010

Doce de marmelo en pota express

O doce de marmelo, ou carne de marmelo, é algo que todo o mundo sabe facer ou, polo menos, todo o mundo coñece a alguén que o fai en casa e que sabe como facelo. Aproveitando que estamos en tempada, eu propoño hoxe unha maneira de facelo moito máis rápida e fácil que o método tradicional, e cuxo resultado é igual de bo: doce de marmelo en pota express.


O marmelo é o froito do marmelo ou membrilleiro (Cydonia oblonga), unha árbore da familia das rosáceas, emparentado coa maceira e coa pereira. É orixinario do Cáucaso, no suroeste cálido de Asia (Irán, Acerbaixán, Armenia, Xeorxia e Paquistán), desde onde se desprazaría a países veciños. De feito, a mellor variedade de marmelo provén da rexión de Cydonia, en Creta, e que atopamos no seu nome científico. Carlomagno foi quizais o maior responsable desta expansión, porque ordenou plantar membrilleiros en todos os xardíns ben abastecidos.

A mazá de ouro, é dicir, o marmelo, foi a froita que Paris, príncipe de Troia, ofreceu a Afrodita ao escollela como a máis guapa entre Hera, Atenea e a propia Afrodita. Afrodita, a cambio, ofrecera a Paris entregarlle a Helena, a esposa de Menelao, rei de Esparta, considerada por aquel entón a muller máis fermosa do mundo. Para conseguir a Helena, Paris foise a Esparta para poder seducila, e unha vez feito isto con axuda de Afrodita, os dous fuxiron a Troia, episodio que desencadeou a guerra de Troia. Quen ía dicir o que é capaz de armar un simple marmelo...hh

Outra curiosidade máis: O seu cultivo foi anterior ao da mazá. En Grecia ofrecíase nas vodas, e era a noiva a que, antes de entrar na cámara nupcial, mordía o marmelo para perfumar o seu alento e que este non resultase desagradable ao noivo. E tamén debido ao seu perfume, era costume antigamente colocar unha destas froitas como ambientador nos roupeiros para perfumar a roupa.

Doce de marmelo


INGREDIENTES (para un quilo e medio aprox.):
- 1 kg. de marmelo limpo, xa sen o corazón
- 600 g. de azucre
- 1/2 rama de canela (opcional)

PREPARACIÓN:
1- Lavar ben os marmelos, sacarlles o corazón e, sen pelalos, cortalos en anacos non demasiado pequenos. Botalos directamente á pota express.

2- Cando levemos un quilo aproximado de anacos de marmelo, engadir o azucre e a rama de canela.

3- Pechar a pota express e, desde que empeza a saír o chorro forte de vapor (no meu caso cando alcanza a segunda raia), contar uns 8 minutos. Ao cabo deste tempo retirar do lume e esperar a poder abrir a pota.


4- Unha vez aberta a pota, retirar a rama de canela e bater ben coa batedora.

5- Pasar a recipientes perfectamente limpos e deixar arrefriar.


PUNTUALIZACIÓNS:
- Non é necesario botar nada de auga nin ningún outro líquido xunto co marmelo e o azucre. O mollo que solta a froita será suficiente para que cozan.

- A rama de canela non é necesaria, é dicir, pódese facer só con marmelo e azucre, aínda que a canela dálle un toque.

- Antes de bater, se vos gusta o marmelo moi espeso, pódese quitar un pouco do líquido no que están a flotar os anacos cocidos de marmelo. Este líquido gárdase porque ao arrefriar callará e quedará unha especie de xelea de marmelo.

- Os recipientes con doce de marmelo pódense gardar no conxelador onde aguantarán perfectamente durante todo o ano.

- Normalmente cómese acompañado de queixo, calquera tipo de queixo, aínda que tamén se pode empregar como ingrediente en sobremesas, por exemplo as Tartaletas de paínzo e marmelo que xa publicara con anterioridade.


Esta receita, como en todas as que se utiliza a pota express, afórranos unha chea de tempo e de enerxía á hora de preparar este doce e, de paso, tamén nos aforra algunha que outra queimadura producida polas salpicaduras de marmelo á hora de remexer e remexer...

mércores, 25 de agosto de 2010

Focaccia de tomates cherry

Xa publicara con anterioridade a receita da focaccia de cebola, pero xa que estamos en época de tomates, imos facer este delicioso pan con tomates cherry, que é un ingrediente que queda moi pero que moi ben.


O tomate é o froito da tomateira (Solanum lycopersicum), planta da familia das solanáceas, á que tamén pertencen a pataca, a berenxena ou os pementos. É orixinario de sudamérica, concretamente da zona de Ecuador, Perú e o norte de Chile. Chegou a España en 1540 procedente de Tenochtitlan (México), capital do imperio azteca, onde se coñecía como xitomātl, "froito con embigo", polo que aínda segue recibindo o nome de jitomate en boa parte dos estados mexicanos. Os españois distribuírono polas súas colonias no Caribe e tamén o levaron a Filipinas, por onde entrou en Asia.

Hoxe en día o maior produtor de tomate do mundo é China, cuns 20 millóns de toneladas anuais, mentres que España produce ao redor de 5 millóns de toneladas.

O tomate cherry, ou cereixa, (Solanum lycopersicum var cerasiforme) é a variedade máis pequena das case cen variedades de tomate que se cultivan en todo o mundo.

A receita está sacada do libro La cocina de Jamie Oliver (RBA, 2004, páx. 187).


Focaccia de tomates cherry

INGREDIENTES:
Para a masa:
- 300 g. de fariña de forza
- 1 vaso (uns 150 ml.) de auga morna (uns 20ºC)
- 1 chorro de aceite de oliva virxe extra
- 5 g. de sal
- 5 g. de azucre
- 1 sobre de 5,5 g. de fermento de panadaría deshidratada, ou ben 14 g. de fermento fresco de panadaría
- Tomiño seco
- Un dente de allo prensado ou ben un chisco de allo deshidratado moído

Para pór por riba:
- Aceite de oliva
- Tomates cherry ben maduros cortados pola metade
- Ourego, alfábega e tomiño secos


PREPARACIÓN:
1- Para preparar a masa botamos nun bol amplo todos os ingredientes, pondo a fariña no fondo.

2- Cun garfo empezamos a mesturar ata que teña unha consistencia que nos permita amasar. Nese momento envórcase a mestura no mesado e amásase todo ben durante uns 10 minutos estirando a masa e envolvéndoa para que colla aire no seu interior.

3- Ao terminar de amasar bótase algo de fariña no mesado onde estivemos amasando e colócase a masa encima da fariña. Bótase algo máis de fariña por riba da masa e faise un corte profundo cun coitelo ben afiado en forma de cruz, o que axudará ao levedado. Tápase a masa co mesmo bol co que empezamos a mesturar e déixase repousar ata que dobre o seu volume (entre unha hora e media e dúas horas, dependendo da temperatura ambiente).

4- Pasado este tempo, vólvese amasar outra vez durante uns 5 minutos, facendo que expulse todo o aire que se atopa dentro da masa. Cando volvamos ter unha masa lisa e sen aire, estiramos con axuda dun rolete ata que quede do tamaño da bandexa de forno (ou algo menos) e cun grosor duns 2 ou 3 centímetros. Como di Jamie Oliver no seu libro: "Non vos preocupedes se non vos sae perfecta e simétrica: Suponse que é un pan rústico, así que xa tedes a escusa ideal!".

5- Bótase un chorro de aceite de oliva por encima da masa e esténdese ben. Presionamos coa punta dos dedos por toda masa para facer os buratos característicos deste pan e colocamos en cada burato unha metade de tomate coas sementes cara arriba.


6- Bótanse as herbas aromáticas e déixase levedar novamente durante outra hora ou hora e media.


7- Pasado este tempo e, con moito coidado, metemos en forno prequentado á máxima temperatura durante uns 15 minutos ou ata que vexamos que a masa teña unha bonita cor tostada. Sácase do forno e déixase arrefriar sobre unha reixa.


PUNTUALIZACIÓNS:
- Para esta receita deben utilizarse tomates tirando máis a maduros que a verdes. Cabe lembrar que os tomates verdes non se deben de consumir (especialmente crus) porque conteñen un alcaloide venenoso chamado solanina.

- Tanto a variedade de herbas aromáticas como a cantidade varía segundo o gusto de cada un.

- A maneira máis tradicional de cortar este pan é en tiras finas.


Un pan perfecto para acompañar calquera comida ou ben para comer só. Delicioso...

luns, 9 de agosto de 2010

Cookies de chocolate

Hoxe imos cunha receita de galletas: as arquicoñecidas cookies de chocolate.


E digo arquicoñecidas porque todo o mundo probounas algunha vez, e practicamente a todo o mundo lles gustan.

Esta receita está sacada do libro Ministry of Food de Jamie Oliver, que se publicou en castelán co nome de Escuela de Cocina. Tamén se fixo unha serie para a televisión, emitida en España no Canal Cocina, baixo o nome de Jamie embajador de la cocina.



INGREDIENTES:
Masa base:
- 125 g. de manteiga
- 100 g. de azucre
- 1 ovo grande, preferiblemente caseiro ou ecolóxico
- 100 g. de fariña de repostaría
- 25 g. de copos de avea
- 1/4 de culleradiña de po Royal
- 1/2 culleradiña de sal

- 50 g. de chocolate branco
- 50 g. de chocolate negro


PREPARACIÓN:
1- Sacar a manteiga da neveira uns 15 minutos antes de empezar a preparar a masa, ou ben, metela no microondas uns segundos para que abrande un pouco, pero sen que se derreta.

2- Nun bol, mesturar a manteiga co azucre ata que se forme unha pasta cremosa, espesa e homoxénea. Bater o ovo aparte cun garfo e engadilo ao bol da manteiga con azucre e mesturar ben. Engadir a fariña tamizada, os copos de avea, o po Royal, e o sal. Picar ben finos os dous chocolates cun coitelo e engadilos ao bol. Mesturar todo ben até conseguir unha masa homoxénea.

3- Meter o bol na neveira durante unha hora para que endureza un pouco a masa e sexa máis fácil despois facer as galletas.

4- Prequentar o forno a 190ºC. Ir facendo unhas bólas de masa, esmagalas un pouco e colocalas sobre un Silpat, tapete de forno ou unha bandexa engraxada para fornear.


5- Meter ao forno uns 30 minutos ou ata que se vexa que teñen os bordos de cor marrón, pero sen que se queimen.

6- Sacar do forno e deixar arrefriar sobre unha reixa para que se poñan crocantes.


PUNTUALIZACIÓNS:
- Eu fago dúas quendas de 12 galletas cada unha, é dicir, 24 galletas en total.

- Tamén, se se quere, pódese substituír o chocolate pola reladura dunha laranxa e dun limón, co que obteriamos unhas citrus cookies.


- A verdade é que se pode engadir o que se queira á masa base, por suposto sempre dentro dunhas cantidades: froitos secos, uvas pasas, dátiles, etc.

- Mantéñense frescas durante uns días, sobre todo se se gardan nunha caixa de metal, aínda que non durarán moito, asegúrovolo...hh.


Unhas galletas sinxelísimas, rapidísimas, que están moi boas e que, grazas á avea, son un pouco máis saudables. Non hai escusa...

venres, 23 de xullo de 2010

The End of History


Xa falaramos un par de veces da cervexaría Brewdog de Fraserburgh, Aberdeenshire (Escocia), famosa por fabricar as cervexas máis fortes do mundo, e tamén pola guerra aberta que mantiñan coa cervexeira alemá Schorschbräu. Estas dúas cervexarías viñan disputándose desde facía uns meses o título de "cervexeira que fabrica a cervexa máis forte do mundo", e tamén, aínda que de maneira subliminar, o orgullo patriótico de cada unha delas.

Todo comezou cando os rapaces de Brewdog anunciaron que fabricaran a cervexa máis forte do mundo: a Tactical Nuclear Penguin, de 32% de alcol.


Isto non gustou aos alemáns de Schorschbräu, que responderon dicindo que eles xa presentaran, aínda que sen tanta publicidade, a súa Schorschbock de 40% de alcol.


Os escoceses responderon tres meses máis tarde coa súa Sink the Bismarck, de 41% de alcol, en clara alusión ao afundimento do famoso acoirazado alemán por parte dos aliados.

Por se fose pouco co nome da cervexa, fixeron tamén un vídeo satírico no que ridiculizaban aos alemáns:

Sink the Bismarck! from BrewDog on Vimeo.

Cando parecía que os de Schorschbräu, máis comedidos, non ían responder a tal provocación, sacan no mes de maio a súa Schorschbock de 43% de alcochol...


...baixo o titular de: The Frankonian Empire strikes back! (O Imperio Alemán devolve o golpe), e terminan cun: 'cause Frankonian men don't dress like girls (supoño que non necesita tradución, non?...hh)

Pois ben, alguén esperaba que a xente de Brewdog non fose responder a isto?

A resposta apareceu onte mesmo na páxina web de Brewdog: The End of History.



The End of History é unha Ale belga loura, de 55% de alcol en volume, macerada con estrugas das Highlands escocesas e con bagas de xenebreiro.

Por suposto, tamén hai vídeo promocional:

The End of History from BrewDog on Vimeo.

O nome desta cervexa está sacado do libro O fin da historia e o último home (The End of History and the Last Man) escrito polo filósofo americano de orixe xaponesa Francis Fukuyama. Neste controvertido libro, Fukuyama define a historia como a evolución do sistema político, e di que a democracia occidental é o punto final na evolución política do ser humano e, por tanto, da historia. James Watt e Martin Dickie escolleron este nome para a súa cervexa porque con esta cervexa pretenden pór un punto e final na evolución "alcólica" da cervexa, o final da cervexa, o "non vai máis"...

Como se pode ver, as botellas veñen forradas en pel auténtica de esquío gris ou de armiño (foron fabricadas por taxidermistas con animais que foran atropelados), todas co seu certificado de autenticidade. Con este toque de excentricidade pretenden levar ao límite o deseño nas botellas de cervexa, é dicir, algo acorde coa cervexa que levan no seu interior. Non debe preocuparse ninguén polo número de esquíos ou de armiños mortos nas estradas escocesas, posto que a produción é moi limitada: 12 botellas nada máis, das cales só 11 están "vestidas". En total usáronse 4 esquíos grises e 7 armiños, co cal non hai problema coa subministración de abrigos de pel para a cervexa.

Ah! Por se alguén estaba interesado en mercar algunha das 12 botellas, dicir que xa están esgotadas a pesar do seu prezo: 700£ (840€) o esquío e 500£ (600€) o armiño.

En fin, haberá que ver se hai resposta por parte de Schorschbräu, porque eu non estou moi seguro de que sexa este o Fin da Historia...

Saúde!!!

venres, 9 de xullo de 2010

Cosmopolitan

Hoxe deixamos de lado a comida para propor un cóctel de moda: o Cosmopolitan.

Imaxe de www.cointreau.es

A orixe do Cosmopolitan non está demasiado clara, e non se sabe de certo quen foi o primeiro barman en preparalo e en bautizalo con ese nome. Uns din que a súa orixe hai que buscala en Provincetown, Massachusetts; outros din que o primeiro en preparalo foi Neal Murray, do Cork'N Cleaver Steakhouse de Minneapolis; tamén John Caine, que ten varios locais en San Francisco; Cherly Cook, un camareiro de Florida; e por último Toby Cecchini, un camareiro do The Odeon en Manhattan (Nova York). A quen corresponda: Thank you!!.

O que si se sabe é que o Cosmopolitan foi creado nos anos 70, pero non foi até os anos 80, con Madonna como principal impulsora, e sobre todo os anos 90, grazas á serie de televisión Sexo en Nova York (Sex and the City), en que a súa popularidade subiu como a espuma, posto que era o cóctel preferido de Carrie Bradshaw (Sarah Jessica Parker), a principal protagonista da serie. Quizá sexa por este feito que se considere un cóctel feminino, pero a min sedúceme igualmente...


Os ingredientes principais deste cóctel son: vodka, licor de laranxa, zume de arandos vermellos (cranberries) e zume de lima.

O vodka non é necesario que sexa da máxima calidade. Eu uso Absolut, que está bastante ben, pero un Eristoff ou un Stolichnaya están ben tamén.

Como licor de laranxa podemos usar Triple Seco, aínda que se usamos Cointreau ou Grand Marnier o resultado será moito mellor.

Como zume de arandos eu uso un concentrado que comprei hai algún tempo en Ikea Food. Ao ser concentrado non é necesario botar tanta cantidade. O "problema" é que é concentrado de blueberries, que son os arandos azuis, tan comúns nas zonas montañosas de Galicia. O resultado é un cóctel cunha cor máis escura do normal.

En xaneiro de 2007, a marca de zumes Granini lanzou o seu zume de arandos vermellos (cranberries), non sei se propiciado polo auxe deste cóctel, e que se pode atopar xa na maioría de supermercados. O zume de arandos tamén se vende en tendas de produtos naturais, de nutrición ou herboristerías, posto que é bo para as infeccións das vías urinarias, aumenta o colesterol bo (HDL), protexe e fortalece as paredes dos capilares, entre outras propiedades.

O zume de lima pode substituírse por zume de limón, iso vai ao gusto.

As proporcións varían dunha receita a outra, así que poño as miñas medidas:

INGREDIENTES (para 2 persoas):
- 4 chupitos de Cointreau
- 1 chupito de vodka
- 1 e 1/2 chupitos de concentrado de arandos (ou 2 chupitos de zume de arandos)
- O zume de 1 lima ou de 1 limón

Imaxe de www.perfectcocktail.net

PREPARACIÓN:
1- Métense as dúas copas tipo Martini na neveira. Se non hai tempo, énchense as dúas copas con xeo e auga para que se vaian arrefriando mentres se prepara o cóctel.

2- Bótanse todos os licores e o zume de arándanos na cocteleira con 4 ou 5 cubiños de xeo. Esprémese a lima (ou o limón) e bótanse tamén á cocteleira tanto o zume como os anacos de froita espremida. Axítase ben.

3- Vértese, a través do filtro, nas dúas copas sen xeo.

4- Adórnase cunha tira de pel de lima ou de limón en cada vaso.


PUNTUALIZACIÓNS:
- Como xa dixen, pódese adornar cunha tira de lima ou de limón, pero hai outro adorno (garnish) moito máis cool: a pel dunha laranxa quentada cun chisqueiro e espremida cos dedos para que se queimen os aceites esenciais da laranxa sobre as copas, enchéndoas de aroma. Aquí poño un vídeo de demostración no que Merlin Griffiths, embaixador de Bombai Sapphire, provoca unha "explosión de aroma" sobre un Sapphire Cosmopolitan:



Véndoo a el parece sinxelísimo, pero teño que dicir que eu tenteino e aínda non o conseguín...

- É moito mellor usar lima ou limón fresco en lugar de usar o que vén embotellado.

- Eu puxen as medidas que nos gustan na casa, pero un verdadeiro Cosmopolitan sempre leva máis vodka que licor de laranxa. Cada un debe adaptar o cóctel ao seu gusto persoal.

- Por suposto, existen moitas variacións sobre este cóctel, por exemplo: utilizar vodka con sabor a cítrico ou a framboesa, do tipo Absolut Citron, Absolut Mandrin ou Absolut Raspberri, para darlle un toque diferente; ou usar curaçao azul en lugar de licor de laranxa, co que obteriamos un Blue Cosmopolitan; ou un Barbados Cosmopolitan, no que substitúe o vodka por ron de Barbados; ou o Cointreaupolitan, no que se emprega Cointreau como único licor; e así moitas máis...

- Como aperitivo está moi ben pero, a pesar de ser de cor rosa, hai que tomalo en serio (sobre todo se nos pilla co estómago baleiro...)


Para min, o mundo da cocteología e a mixología é un terreo por descubrir pero... aos poucos.

Saúde!!