martes, 25 de decembro de 2012

Galletas de xenxibre

Os xeados son para o verán, e as galletas de xenxibre son para o Nadal... Por suposto isto é mentira, tanto unha afirmación como a outra. A receita de hoxe é un clásico destas festas, si, pero pódese preparar en calquera época do ano.

Hai multitude de receitas de galletas de xenxibre, todas bastante parecidas. Esta que eu fago, e que veño facendo desde hai anos, está sacada do libro de Isabel Maestre Repostería y Pastelería (Espasa Calpe, 1991) e do que xa puxen varias receitas.

Galletas de xenxibre

INGREDIENTES:
- 140 g de manteiga en pomada
- 150 g de azucre
- 1 ovo
- 75 ml (105 g) de melaza de cana
- 5 g de canela moída
- 2,5 g de cravo moído
- 2,5 g de xenxibre en po
- 2,5 g de bicarbonato
- 375 g de fariña
- Un chisco de sal

PREPARACIÓN:
1- Mestúrase ben a manteiga co azucre. Unha vez teñamos unha mestura homoxénea engadimos o ovo e batemos ben. A continuación engádese a melaza e vólvese a remexer ben.

2- Engádense as especias e o bicarbonato, o sal e vólvese a mesturar todo ben.

3. A continuación engádese a fariña e amásase até obter unha masa que non se pega ás mans. Se é necesario pódese engadir algo máis de fariña, pero sen pasarse (a xusta para que non se pegue ás mans).

4- Introdúcese a masa na neveira durante dúas horas para que colla consistencia.

5- Pasadas dúas horas acéndese o forno a 180ºC. Sácase a masa da neveira. Bótase algo de fariña sobre a mesa de traballo e, coa axuda dun rodete, estírase a masa ata que teña un grosor de ao redor de medio centímetro.

6- Coa axuda de cortapastas con formas vanse sacando porcións de masa e vanse colocando encima dun silpat ou dun tapete de silicona para forno. Os recortes de masa vólvense a amasar e vólvense a estirar outra vez co rodete. Séguense cortando porcións de masa ata que esta se acaba.

7- Introdúcese a bandexa no forno uns 12 a 15 minutos (o tempo dependerá do grosor). As miñas estiveron 14 minutos.

8- Sácanse as galletas do forno e colócanse encima dunha reixa ata que arrefrían de todo.

PUNTUALIZACIÓNS:
- As cantidades de especias que veñen na receita orixinal son iguais, é dicir, 5 gramos de cada unha delas, pero a min gústame máis esta proporción. Cada cal que adapte as proporcións de cada especia ao seu gusto. Ollo co xenxibre, porque se nos pasamos quedarannos unhas galletas picantes (dígoo por experiencia...).

- No libro veñen as cantidades para facer o dobre de galletas, pero con estas cantidades que eu poño xa dá para tres bandexas de forno.

- Se non se atopa melaza de cana pódese substituír por 125 gramos de panela (ou un bo azucre moreno) e unha cullerada de auga. Eu comprei a miña en Carrefour (atopeina á beira do mel). Outro bo lugar para comprar melaza é algunha tenda de comida ecolóxica ou tenda gourmet.

- Se non se ten un tapete de forno, pódese usar papel de forno pintado con manteiga parar evitar que as galletas se peguen.

- Se se quere, pódense deixar as galletas algo máis grosas, dependendo do gusto de cada un. Se se deixan máis grosas, poida que necesiten algo máis de tempo de forno.

- Unha vez frías pódense decorar con algunha glasa, por exemplo a glasa real feita con clara de ovo e azucre. Outra forma de decoralas é facer o que eu fixen: botarlles por riba algún adorno antes de metelas no forno.

- Se se queren colgar da árbore de Nadal pódese, ben deixar un buraco na galleta antes de meter no forno, ou ben facer un buraco, con moito coidado, na galleta unha vez cocida.

- Con tres das galletas fixen unha proba: saquei unha forma do centro e enchina con caramelo de amorodo triturado. O caramelo de amorodo fúndese no forno ao mesmo tempo que se vai cocendo a galleta e, cando se arrefría, toma a aparencia dun cristal de vidreira. Este truco vinllo facer o outro día a Lorraine Pascale no seu especial de Nadal no Canal Cocina, e a verdade é que queda xenial.

O dito, unhas galletas ben fáciles de facer e que seguro voarán da mesa...