xoves, 24 de decembro de 2009

Tactical Nuclear Penguin vs Schorschbock

O pasado 26 de novembro de 2009 a pequena cervexeira escocesa BrewDog, anunciaba que acababa de bater o record da cervexa máis forte do mundo coa súa Tactical Nuclear Penguin.


Esta cervexa ten un contido alcólico en volume do 32%, superando en menos dun punto porcentual á anterior posuidora de devandito record, a cervexa alemá Schorschbock 32% da cervexeira Schorschbräu.

E para que non quede dúbida de que esta cervexa ten os graos que acredita, os seus creadores móstrannos o certificado que o demostra, con data 27 de novembro de 2009:


A Tactical Nuclear Penguin é unha Imperial Stout, cunha densidade orixinal de 1094, madurada durante 14 meses en cubas de carballo utilizadas para a fabricación de whisky.

O prezo de cada botella de 33 cl. é de 35£ (uns 38,50€) na tenda on-line.

Até aquí, exceptuando o prezo da cervexa, é todo normal..., non?

Pois ben, parece que este anuncio da cervexeira escocesa como "a cervexa máis forte do mundo" non sentou moi ben na cervexeira alemá Schorschbräu porque esta, ao parecer, fabricara unha cervexa ice bock de 40%, aínda que non lle deu tanta publicidade...


... aínda que na etiqueta pódese ler claramente: "World Strongest Beer".

E por si a alguén lle queda algunha dúbida de que unha cervexa poida alcanzar unha gradación alcohólica tan elevada, na súa páxina tamén se pode atopar o certificado do laboratorio encargado de ditaminar o contido de alcol, con data de 9 de novembro de 2009, é dicir, 18 días antes que Brewdog.

Como se produce unha cervexa de tan alta gradación alcólica?

Posto que non existen fermentos capaces de traballar dentro duns niveis de alcol tan elevados, o que se fai basicamente é producir unha cervexa forte, baixar a súa temperatura a 0ºC ou mesmo menos e, cando se conxele a auga contida na cervexa formando cristais de xeo, sepáranse estes, facendo que a porcentaxe de alcol aumente, en detrimento da porcentaxe de auga. Hai que lembrar que a temperatura de conxelación do alcol é de -114ºC.

A Tactical Nuclear Penguin de BrewDog, por exemplo, conxélase nunha fábrica de xeados até tres veces durante tres semanas.

En fin, que para o único que serve aos dous implicados esta "guerra" é para que se fale deles, e iso é o que vou facer:


BrewDog é unha cervexaría escocesa propiedade de Martin Dickie e de James Watt (si, como o da máquina de vapor...).


Ambos estaban fartos de beber lagers industriais sen personalidade e ales convencionais que non achegaban nada novo. Así que en abril de 2007, con tan só 24 anos os dous, decidiron abrir a súa propia fábrica de cervexa na cidade de Fraserburgh (Escocia). Elaboran "só" unhas 120.000 botellas ao mes, entre as súas moitas variedades, entre as que se atopan: Trashy Blonde (you know you shouldn't), 77 Lager (juxtaposition pilsner), The Physics (laid back amber beer), Punk IPA (post modern classic pale ale), Dogma (heather honey infused ale), Rip Tide (twisted merciless stout), Hardcore IPA (explicit imperial ale), Paradox (whisky cask aged imperial stout), Tokyo (intergalactic fantastic oak aged stout), e a xa comentada Tactical Nuclear Penguin (beer for the dedicated).

En tan só dous anos convertéronse na cervexaría independente máis grande de Escocia.

Algúns bufetes de avogados británicos trataron de prohibir as súas etiquetas, tanto polos nomes como pola "agresividade" que utilizan na descrición que fan das súas cervexas. Despois de loitar para que isto non ocorrese, en decembro de 2008 lograron que se arquivase a causa, co que puideron seguir utilizando as súas etiquetas sen maior problema.

Fai non demasiado tempo, os socios do Club de las Grandes Cervezas del Mundo puidemos degustar The Physics, unha ale escocesa de cor ámbar, de 5% de alcol. Utiliza na súa elaboración maltas escocesas e lúpulos americanos. Resultou gañadora do concurso de Mellor Pale Ale forte de 2007 no apartado de cervexas de elaboración tradicional, celebrado nos Estados Unidos.


Por certo, o nome da cervexaría débese a Bracken, un labrador cor chocolate de tres anos, propiedade do pai de James.


Schorschbräu é unha cervexaría alemá situada en Oberasbach (Gunzenhausen). Comezou a súa andaina en 1996, e as súas cervexas, segundo propias palabras, seguen a tradición aínda que non renuncian á innovación.

Producen un total de cinco variedades, todas elas de moi alta gradación alcohólica: Schorschweizen 13%, Schorschbock 13%, Schorschbock 16% (world strongest lager), Schorschbock 32%, e a xa comentada Schorschbock 40% (world strongest beer). E como din na súa páxina web: "Our current world record 40% alc. and still going strong".

Esta cervexa, a Schorschbock 40%, está envasada en botellas de cerámica de 33 cl., asinada e numerada a man polo propio mestre cervexeiro. Cada botella é selada tamén a man con cera, e vén nun estoxo de madeira cun lateral transparente. Aínda que non conseguín pescudar o seu prezo, con todos estes detalles tampouco será barata, posto que xa a Schorschbock 31% (ás veces 32%) custa 52,90€ cada botella de 33 cl. nesta tenda "oficial".

E despois de todo isto eu pregúntome:

1- Que necesidade hai de fabricar unha cervexa tan forte?

2- Con tanto volume de alcol, pode seguir considerándose unha cervexa?.
Non o sei, pero si a unha cervexa á que se lle quitou o alcol ségueselle chamando cervexa (sen alcol, iso si), supoño que á inversa tamén ocorrerá o mesmo, non?. Podería considerarse case como un whisky si non fose porque o whisky é o resultado dunha destilación e a cervexa é o resultado dunha fermentación.

E isto lévame a exporme unha última pregunta:
3- Onde está o límite alcólico ao que levará esta batalla por fabricar a cervexa máis forte do mundo?

Se alguén está interesado en saber cales son as cervexas máis fortes do mundo, aquí poño a lista: As cervexas máis fortes do mundo.

Supoño que máis cedo que tarde teremos noticias doutra cervexa que bate o record de "cervexa máis forte do mundo", pero mentres tanto seguiremos vendo a batalla das cervexas "fortes" desde fóra e gozando das cervexas "suaves" (ás veces non tanto) desde dentro...

luns, 7 de decembro de 2009

Polbo "á feira"

Onte foi un domingo pasado por auga, por non dicir por moita auga, pero, así e todo, as "pulpeiras" estiveron ao pé do canón cocendo polbo para que moitos ourensáns puidésemos ir recoller as nosas racións para levar a casa e facer unha comida de domingo en grao sumo tradicional e saudable.

Parece ser que Galicia é, xunto con Xapón, o maior consumidor de polbo de todo o planeta. E curiosamente, aínda que se consome polbo por toda Galicia, a provincia galega con máis tradición pulpeira é a provincia de Ourense. E digo curiosamente porque, sendo Ourense é a única provincia galega que non ten mar, todos os veráns, concretamente o segundo domingo de agosto, ten lugar no Carballiño a tradicional "Festa do Polbo" (ou "Festa do Pulpo" como aquí lle chaman, aínda que logo iremos con iso...). Disque se queres comer o mellor prato de polbo "á feira" debes vir a esta vila ourensá. Concretamente, dentro do Concello do Carballiño atópase o pobo con máis tradición pulpeira: Arcos. Na seguinte imaxe pódense ver as pulpeiras nunha rúa do Carballiño:


A explicación a este mercado do polbo na Galicia interior hai que buscala no mosteiro cisterciense de Oseira, cuxos monxes facían traer dos seus cotos e propiedades que posuían na provincia de Pontevedra algúns produtos, entre os que se atopaba o polbo. Máis adiante, esta comunidade relixiosa autorizou un mercado ao redor do mosteiro, no que deu comezo esta secular tradición. Hoxe en día, esta comunidade de monxes aínda está presente neste mosteiro próximo ao Carballiño, aínda que o número de frades é moito menor que o que había cando comezou o comercio do polbo, e agora son máis famosos pola elaboración doutros produtos espirituosos, como o licor Eucaliptine.


Lindando co concello do Carballiño, atópase o concello de San Cristobo de Cea, onde se produce o mellor acompañamento posible para o polbo: o pan de Cea. Este é un pan que, debido ás súas características e debido a que todos os ingredientes que usan na súa elaboración son producidos localmente, posúe desde o ano 2004 o distintivo de Indicación Xeográfica Protexida, e que tamén ten cada ano a súa festa de exaltación no mes de xullo.


Pois ben, como dicía ao principio, aquí na cidade de Ourense colócanse todos os domingos pola mañá as "pulpeiras", que cocen grandes cantidades de polbo e vanas vendendo por racións a todos os que, pacientemente, fan cola para levar as súas a casa. Fóra do domingo, os outros días nos que se pode degustar este manxar é nos días de feira: 7, 17 e 27 de cada mes, pero estes días haberá que ir ao "Campo da Feira" para atopar ás pulpeiras, e compartir mesa (que non mantel) con todos aqueles que neses días se xuntan alí.

Campo da feira de Ourense
Imaxe de Miguel Villar para La Voz de Galicia

Todas as pulpeiras usan os tradicionais pratos de madeira que, segundo o tamaño, corresponden a un número de racións determinadas. Actualmente, o prezo da ración de polbo é de 6 euros, sendo un prezo estipulado para todas as "pulpeiras" de Ourense.

O que xa case desapareceu son as potas de cobre nas que tradicionalmente se cocía o polbo, e que foron substituídas polas potas de aceiro inoxidable, supoño que para adaptarse a unha normativa de saúde que di que o cobre, ao quentarse, desprende sustancias nocivas para a saúde.

Pois ben, para os que non vivades en Galicia e non poidades achegarvos a unha pulpeira para comprar o polbo xa cocido, xa cortado e xa aderezado, dicirvos que se deber cocer en abundante auga durante uns 45 minutos ou ata que a carne que está ao redor da boca (que é a zona máis dura) estea tenra. Tamén pode engadirse unha cebola á auga de cocción. Cando se mete o polbo, a auga debe estar a ferver, e deberase "asustar" ao polbo, é dicir, metelo unha vez e, sen soltalo, volver sacalo, repetir a operación unha segunda vez, e á terceira vez é cando se deixa caer na auga. Pódese empregar a auga onde coceu o polbo para cocer unhas patacas, que quedarán deliciosas.

De todos os xeitos, como xa dixen antes, non son ningún experto nisto de cocer polbo, prefiro compralo xa cocido, e as patacas prefiro cocelas ao vapor, posto que quedan moito máis cremosas e saborosas, e non tan augadas, aínda que sen sabor a polbo...

Patacas ao vapor


- Pélanse as patacas e córtanse lonxitudinalmente en anacos duns 2 centímetros de grosor. Sálganse e colócanse na bandexa da vaporeira.

- Cócense durante uns 20 minutos ou ata que ao picalas cun garfo estean tenras.

O tradicional é servir as patacas á parte do polbo, que se servirá en pratos de madeira, aderezado cun bo aceite de oliva virxe extra, sal gordo, pementón (picante, doce ou unha mestura dos dous) e un dente de allo picado por cada ración de polbo.

Como eu non teño pratos de madeira, pois sírvoo en prato normal:


E ademais, para acompañar, á parte dun bo pan, necesítase un bo viño. Na miña última visita a Lidl comprei un viño tinto ecolóxico da denominación de orixe Vinos de Alicante: El miracle, embotellado por Vicente Gandía. Para ser sinceiros, esperabámonos un viño peor, pero a verdade é que nos resultou un viño delicioso. O seu prezo non era demasiado caro, tendo en conta que é un viño de produción ecolóxica: 3€ a botella de 75 cl. Un acerto. Esta era a primeira vez que vía un artigo de produción ecolóxica neste supermercado, e espero que non sexa a última, o que demostrará que o ecolóxico non ten por que ser necesariamente máis caro...


Ben, dito todo o anterior só queda aclarar o termo pulpo "á feira".
En galego, o termo "pulpo" non existe, e por tanto, a palabra "pulpeira" é un termo nin galego nin castelán para designar ás mulleres que se dedican a vender o polbo cocido nos postos. En galego existe a palabra "polbo" para designar a este molusco (polvo con "v" non existe en galego, xa que a palabra correcta sería "po" para designar ás "motas de po", por exemplo). Por tanto, a palabra correcta para designar ás mulleres que venden polbo sería "polbeiras". O mesmo ocorre coa "Festa do Pulpo" que debería ser "Festa do Polbo", pero que non o é... Poderiamos buscar múltiples razóns que levaron a este cambio de termos, pero iso daría para falar por extenso...

A segunda parte do nome da receita "á feira" ás veces aparece traducido (e non sempre fóra de Galicia) como "a la feria" ou mesmo "a la fiesta" (de aí a famosa tradución ao inglés de "octopus to the party"...hh). Vino escrito sen acento "a feira" e mesmo co acento á francesa "à feira", o que xa me pareceu de vergoña máis que allea: desde cando existe ese acento en galego ou en castelán?. A forma correcta é "á feira" (a á debe levar acento porque é a contracción de a preposición + a artigo feminino singular), e entre unha feira e unha festa existen sutís diferenzas...

E aquí hai leñazos para todas as linguas, porque tamén ocorre o mesmo con outros pratos tradicionais doutros lugares, e tamén vistos por min, por exemplo "marmitaco" por marmitako, ou "pantumaca" por pa amb tomàquet.

En fin, que eu son partidario de que, neste tipo de receitas rexionais non debe traducirse máis que o imprescindible porque, á fin e ao cabo, só se trata dunha maneira de cociñar algo, e o que non sabe o que significa "á feira" tampouco saberá o que é "a la feria" ou "a la fiesta"... En galego "Polbo á feira" e en castelán "Pulpo á feira".


E xa que falamos de polbo (Octopus vulgaris), dicir que pertence á familia dos octópodos (do grego octó, oito e podós, "pés"). Se queredes saber máis acerca deste molusco cefalópodo (literalmente, "cos pés na cabeza") podedes picar nesta ligazón: O polbo achega pobos e culturas. De todos os xeitos, aquí poño unha especie de "Sabías que...?" sobre este curioso animal:

- Os polbos teñen tres corazóns: un principal que serve para manter a presión arterial e levar o sangue oxigenada ao resto do corpo, e os outros dous que serven para levar o sangue sen osíxeno ás branquias.

- Os polbos son os animais invertebrados máis intelixentes. Teñen unha gran memoria e mesmo capacidade de aprendizaxe.

- O terceiro brazo dereito do polbo é en realidade o seu órgano reprodutor. Recibe o nome de hectocotylus.

- A femia é capaz de pór até 40.000 ovos. Coida deles durante un mes sen comer nada ata que eclosionan, e despois morre de fame. Os machos, despois da fecundación, abandoan á femia...

- E para terminar, un vídeo moi bo realizado polo Aquarium Finisterrae da Coruña, que demostra a intelixencia e a destreza deste animal ante certas situacións:



En fin, que despois de coñecer todas estas cousas sobre estes peculiares animais espero que a próxima vez que vaia a comprar polbo espero que, se me toca un macho, non me poñan o "terceiro brazo dereito"...hh