domingo, 12 de xaneiro de 2014

Rosácea de ricotta

Hoxe imos ata Italia para preparar unha Rosácea de ricotta.

Este doce é similar á Torte delle rose típica de Mantova, pero sen o recheo tradicional de manteiga e azucre, senón cun recheo igualmente "húmido" con queixo ricotta.

A ricotta é un queixo que se fai a partir do soro que sobra durante o proceso de elaboración doutros queixos, de aí o seu nome, que significa literalmente "recocido", ou "cocido dúas veces".

O proceso de elaboración deste queixo, explicado dun modo moi sinxelo, sería o seguinte: no momento de separar a callada do soro, este último, ben coado, déixase acedar durante unhas horas para logo quentalo e, unha vez a temperatura ambiente de novo, recóllese a capa que se formou na superficie. Déixase escorrer un par de horas sobre un pano e xa temos o noso queixo ricotta. En Italia faise sobre todo co soro sobrante despois da fabricación da mozzarella e o provolone.

Esta receita está sacada do libro Repostaría esencial (RBA, 2003), de Cornelia Schinharl e Sebastian Dickhaut.


Rosácea de ricotta

INGREDIENTES:

Para a masa:
- 400 g de fariña de forza
- 50 g de azucre
- 2 sobres de azucre vainillado
- 1 chisco de sal
- 150 ml de leite (165 gramos)
- 100 g de manteiga
- 30 g de fermento fresco de panadaría
- 2 culleradas de Amaretto (ou de Marsala)

Para o recheo:
- 1 limón grande
- 75 g de pistachos
- 50 g de piñóns
- 100 g de chocolate negro
- 250 g de ricotta
- 50 g de mel
- 1 ovo

Para glasear:
- 130 g de marmelada de laranxa doce

PREPARACIÓN:
1- O primeiro é preparar a masa. Para iso bótase a fariña nun bol. Engádese o fermento e desfaise ben coa fariña con axuda das mans. A continuación bótanse ao azucre, o azucre vainillado e o sal. Mestúrase todo ben coa axuda dunhas varillas.

2- Mentres, nun cazo quéntase lixeiramente o leite e a manteiga ata que estean mornas ao tacto. Engadir o amaretto. Verter esta mestura no bol da fariña e amasar até formar unha masa homoxénea que se desprenda con facilidade das paredes do bol.

3- Cubrir a masa e deixala repousar ata que dobre o seu volume inicial (ao redor dunha hora).

4- Unha vez a masa dobra o seu volume, e antes de sacala do bol, prepárase o recheo. Pícanse os pistachos, os piñóns e o chocolate, e resérvanse.

5- Nun bol bótase a reladura dun limón e o zume de medio, e engádese a ricotta, o mel e o ovo lixeiramente batido. Engádense os pistachos, os piñóns e o chocolate picados e mestúrase todo ben.

6- Antes de continuar é conveniente preparar o molde (redondo) con manteiga e fariña.

7- Sácase a masa do bol onde estivo levedando, amásase un pouco e, coa axuda dun rolete, estírase formando un rectángulo de ao redor dun centímetro de grosor. Esparéxese o recheo de ricotta por encima e, coa axuda dunha espátula, esténdese de maneira uniforme sen chegar até os bordos.

8- Enrólase a lámina polo bordo máis longo e córtase en anacos duns 4 ou 5 centímetros. Unha vez cortada a lámina en varias "espirais" de masa e recheo, vanse pasando con coidado ao molde que temos preparado, de modo que quede cara arriba a espiral co recheo tamén á vista. Empézase por pór unha espiral no medio do molde e todas as demais ao redor, formando unha especie de flor (de aí o nome deste doce).

9- Déixase levedar de novo ata que as espirais se van unindo unhas a outras (ao redor doutra hora).

10- Métese en forno prequentado a 180ºC durante uns 35 minutos ou ata que se vexa que está cocido.

11- Xusto ao sacar do forno, e antes de que a rosácea arrefríe, prepárase o glaseado coa marmelada de laranxa. Para iso só hai que quentar un pouco a marmelada ata que se poida estender con facilidade pola superficie da torta cun pincel de repostaría.

12- Estender a marmelada por toda a superficie, e esperar a que arrefríe de todo.

PUNTUALIZACIÓNS:
- Aínda que nalgúns sitios pódese ver que falan de "ricotta ou requeixo", o queixo ricotta NON é o mesmo que o requeixo, aínda que en aparencia puidese parecelo. Como xa dixen antes, o queixo ricotta faise a partir do soro do leite sobrante no proceso da fabricación do queixo, mentres que o requeixo faise a partir de leite de vaca.

- Se non atopas queixo ricotta podes substituílo por queixo quark, aínda que a verdade teño as miñas dúbidas de que o queixo quark sexa máis fácil de conseguir que o ricotta, pero todo sexa por abrir máis opcións... De todos os xeitos, aínda que similar á ricotta en aspecto e versatilidade, é máis parecido ao requeixo en canto a características.

- Se alguén se anima a tentar preparar ricotta na casa, hai en Internet unha chea de sitios onde ensinan como facelo, só hai que googlear "ricotta caseira" e xa nos aparecen infinidade deles. Eu recomendo especialmente este: Fankhauser's Cheese Page (en inglés), onde ademais de ricotta, ensina como preparar paso a paso unha chea de queixos diferentes, así como iogur, tofu, pan, marmelada, afumar comida, etc.

- O Amaretto é un licor italiano orixinario da cidade de Saronno, feito a base de améndoas, ósos de albaricoque e outras plantas e froitas. O Marsala é un viño doce siciliano similar ao Oporto. Se non tedes nin Amaretto nin Marsala, un Xerez doce tampouco estaría mal.

- Se non tes azucre vainillado, pódese aumentar a cantidade de azucre da masa a 60 gramos e engadir a raspadura do interior de media vaina de vainilla. Unha maneira moi sinxela de facer azucre vainillado en casa é introducir as vainas abertas que nos sobran nun bote de azucre, e pechar ben o bote para que o azucre se impregne ben do aroma que desprenden as vainas. Tamén se poden triturar as vainas de vainilla sobrantes xunto co azucre nun robot de cociña, co que gañará en intensidade aínda que o grosor do azucre diminuirá.

Esta sobremesa é un pouco laboriosa, aínda que o resultado ben merece a pena...

sábado, 7 de decembro de 2013

Tapas&Blogs micolóxico en Celanova

O pasado sábado 23 de novembro tivo lugar unha nova reunión do colectivo Tapas&Blogs na localidade ourensá de Celanova. Esta vez tratábase dunha xornada dedicada á micoloxía, algo que, para alguén coma min que considera o saír ao monte a recoller cogomelos un deporte de alto risco, era unha xornada cun puntiño de emoción.

E non é que non me gusten os cogomelos (máis ben todo o contrario), senón que na miña casa sempre se tivo unha certa micofobia, co cal nunca entraba un cogomelo silvestre, e o que entraba, ou ben volvía saír viviño e coleando, ou ben ía directamente ao cubo do lixo. Os únicos cogomelos que se consumían eran os champiñóns de bote, e tampouco eran demasiados os pratos nos que a miña nai os usaba, a verdade...

Pero volvendo ao tema que nos ocupa, a xornada comezou ás 10 da mañá no local da sala micolóxica Plan C, onde Alejandro Mínguez, propietario e apaixonado dos cogomelos, nos esperaba. Unha vez todos reunidos, Alejandro introduciunos, a través dunha pequena e amena charla, unhas pequenas nocións sobre as diferentes variedades de cogomelos que nos podemos atopar en Galicia, así como das suas principais características.

Unha vez remtada a charla, puxémonos en marcha para dirixirnos aos montes próximos, ataviados con navalla, cesta de vimbia e roupa de abrigo, posto que a mañá estaba realmente fría. Conchi Zúñiga, membro do colectivo Tapas&Blogs Galicia, e responsable do blog Cocinando Setas, e Ricardo Mínguez, como experto micólogo e home que dedicou boa parte da súa vida aos cogomelos, acompañounos na nosa andaina, aclarando todas as dúbidas que nos ían xurdindo á hora de colleitar os exemplares que iamos atopando.

A xeada caída a noite anterior non fixo posible unha recolección demasiado copiosa en canto a número de exemplares nin a variedade, pero puidemos coller suficiente cantidade de cogomelos como para facer unha análise dalgunhas das variedades, tanto comestibles como non comestibles.

Amanita muscaria
Amanita pantherina

A seguinte parada estaba nos invernadoiros que a familia Mínguez posúe preto de Celanova.

Baixo o nome comercial de Pan do Demo, dedícanse ao cultivo de pleurotos (Pleurotus ostreatus) que son os cogomelos que podemos atopar facilmente envasados en bandexas e champiñóns (Agaricus bisporus). Debido ao carácter artesanal desta empresa, e á dificultade de competir con empresas moito maiores, só se poden atopar os cogomelos de Pan do Demo en Celanova e arredores.

Pleurotos (Pleurotus ostreatus)

Xa de volta na tapería, puidemos clasificar os cogomelos recollidos...


...e pasar á comida, na que destacaba o uso, como non, de cogomelos en practicamente todos os pratos. O menú foi o seguinte:

Sopa de Craterellus tubaeformis (anteriormente Cantharellus tubaeformis)
Fabas con pleurotos (Pleurotus ostreatus)
Crema de Boletus edulis, a cargo de Conchi Zúñiga.
Empanada de cogomelos
E por último unha Galeguesa...

...acompañada dunha ensalada con Craterellus tubaeformis en conserva.
A galeguesa é unha hamburguesa galega (como o seu nome indica),producida por Roberto Álvarez, da Facenda O Agro, en Santiago de Amoroce (Celanova). Está feita con carne picada de tenreira de raza salers, que é unha raza autóctona de Francia, pero que se adapta practicamente a calquera zona do mundo onde se queira criar, posto que non require tanto coidado por parte do gandeiro como as outras razas.

Unha xornada moi enriquecedora debido tanto aos coñecementos micolóxicos adquiridos, como porque sempre resulta agradable compartir mesa e mantel con xente tan marabillosa como esta do colectivo Tapas&Blogs Galicia:

mércores, 13 de novembro de 2013

Panciños de hamburguesa (con e sen Thermomix)

A receita de hoxe converteuse en pouco tempo nunha receita imprescindible na casa. Son tan sinxelos e, sobre todo, é tan bo o resultado, que creo que non volveremos comprar máis pans de hamburguesa no súper.

Esta receita está sacada do arquifamoso blog webos fritos, no que podemos atopar as dúas versións para facer, é dicir, tanto a convencional como a que usa a Thermomix. A páxina inclúe ademais un vídeo de 7 minutos de duración onde se explica todo o proceso. Tamén se pode atopar esta receita no seu libro de recente lanzamento Pan con webos fritos (El País Aguilar, Santillana Ediciones, 2013), de Susana Pérez (textos e receitas) e Jesús Cerdeira (fotografía).

Na miña casa facémola con Thermomix, pero non ten ningunha dificultade se non se ten este aparello, posto que só hai que facer un amasado a man, e logo respectar os tempos e as condicións de levedado.

Panciños de hamburguesa

INGREDIENTES (para 8 panciños):
- 500 g de fariña de forza
- 10 g de fermento prensado de panadaría (ou 3,5 g de fermento seco de panadaría)
- 150 g de leite enteiro
- 125 g de auga morna
- 1 ovo mediano
- 25 ml de aceite de oliva virxe extra (uns 20 g)
- 10 g de sal
- 20 g de azucre

PARA DECORAR:
- Sementes de sésamo
- Auga

PREPARACIÓN SEN THERMOMIX:
1- Bótase a fariña nun bol amplo. Desfaise o fermento coa fariña fregándoa entre a palma das mans ata que non queden grumos grosos de fermento. (Se se vai a usar fermento seco, empézase mesturando a fariña cos ingredientes do paso 2). Engádese o sal e o azucre e mestúrase ben coa axuda dunhas variñas.

2- Nun bol aparte, bátese o ovo. Engádese o leite, a auga e o aceite. Unha vez estea todo ben mesturado, faise un volcán no bol da fariña e engádese a mestura líquida no centro. Coa axuda dun garfo, empézase a mesturar. (Se se utiliza fermento seco, este é o momento de engadilo).

3- Cando a masa colla consistencia para poder ser amasada, envórcase a masa sobre unha mesa e empézase a amasar durante uns minutos até obter unha masa lisa e homoxénea e que non se pegue ás mans.

4- Déixase levedar dentro do bol onde mesturamos a fariña, tapado con film de cociña, durante unha hora ou hora e media ata que dobre o seu volume.

5- Pasado este tempo, desgasifícase a masa cos dedos e envórcase na mesa. Dáse un lixeiro amasado e divídese en 8 porcións iguais (ou 16 máis pequenas). Eu peso a masa e divídoa entre 8 para saber canto ten que pesar cada panciño. Con esta receita saen 8 porcións de masa duns 110 gramos cada unha.

6- Dáse forma aos panciños. Para iso tómase unha porción de masa entre as mans e dáse forma de bóla, coma se de plastilina se tratase. Esmágase a bóla e colócase na bandexa do forno. Repítese o proceso até formar os 8 panciños.

7- Tápanse cun pano e déixanse levedar durante outra hora ou hora e media ata que dobren o seu volume.

8- Pasado este tempo quéntase o forno a 220ºC, calor arriba e abaixo. Con coidado de non calcar, pincélanse os panciños con auga ou, como fago eu, pulverízase auga con axuda dun pulverizador, e bótanse as sementes de sésamo por encima "xenerosamente".

9- Báixase a temperatura do forno a 200ºC e métese a bandexa cos panciños no forno durante 12 a 15 minutos, controlando que non se nos queimen.


PREPARACIÓN CON THERMOMIX:
1- Bótanse no vaso os ingredientes líquidos: auga, leite, aceite, ovo e o sal. Programar 2 minutos, 37º, vel. 3.

2- A continuación engádese a fariña, o azucre e o fermento. Prográmanse uns segundos a velocidade 3 e logo 5 minutos velocidade espiga.

3- A continuación sácase a masa do vaso e continúase no paso 4 (preparación sen Thermomix) en diante.

PUNTUALIZACIÓNS:
- Hai que asegurarse de que a fariña é de forza, é dicir, con alto contido en glute. Non serve a fariña de repostaría, posto que contén moi pouco glute e o resultado sería algo máis parecido a un biscoito, pero salgado. A fariña panadeira tampouco é a máis axeitada, posto que esta fariña recoméndase para pans básicos, é dicir, os que só levan o catro ingredientes imprescindibles para facer pan: fariña, fermento, auga e sal.

- Eu prefiro utilizar fermento prensado (fresco) de panadaría. Cada vez é máis fácil de atopar en supermercados ben fornecidos (na sección de refrixerados). É barata e fácil de medir aínda que non se teña unha báscula de precisión. O único "inconveniente" é que aínda non se pode atopar (polo menos eu aínda non o atopei) de produción ecolóxica, mentres que o seco si. Non é necesario activala, porque se desmenuza directamente coa fariña, aínda que si é verdade que se se rehidrata, o seu poder fermentativo aumenta ao redor dun 17%.

- Hai que ter en conta a data de caducidade do fermento, tanto a prensado como o seco, porque afectará directamente á súa capacidade de levedado. Canto máis fresco, mellor. O fermento seco, ademais, non debe utilizarse se o paquete leva máis de 24 horas aberto.

- Outro consello respecto do fermento prensado, e que tamén afecta o seu rendemento é que, aínda que si se pode conxelar, non se debe facer. É preferible ir comprando os cubiños frescos no supermercado a medida que se van necesitando.

- Débese, ademais, sacar o fermento con antelación da neveira para que vaia "espertando" gradualmente do seu letargo. Ninguén está de bo humor despois dun brusco espertar, e os fermentos tampouco...jeje.

- Como xa dixemos, pódese substituír o fermento prensado de panadaría por fermento seco, pero ollo!!, fermento seco DE PANADARÍA. Non serve o fermento químico de repostaría. Para entendernos: o "fermento" de repostaría (baking powder) é un po de cor branca que só "funciona" coa calor do forno, e o fermento seco de panadaría é máis granulado e de cor marrón, e fai levedar as masas antes de metelas no forno.

- Se se usa fermento seco, este ha de incorporarse despois de mesturar a fariña e os líquidos, e non antes; e sobre todo, nunca directamente sobre o sal porque, debido á gran diferenza de pH, podería verse afectado e non render como debese.

- Durante o amasado a man non é conveniente engadir máis fariña que a que pon a receita, porque daría como resultado uns pans máis duros e menos esponxados. O que si se pode facer é botar un montonciño de fariña nun lado da mesa e ir enfarinando as mans se vemos que a masa se nos pega demasiado e non nos deixa amasar.

- O amasado a man ha de ser áxil, porque canto máis lento amasemos, máis se nos pegará a masa ás mans.

- Calquera masa de pan ha de levar sal, posto que é imprescindible para que o pan saiba ben. Se, por motivos de saúde, non se pode tomar sal, pódese rebaixar a cantidade ou prescindir del. A cantidade standard de sal nunha masa de pan é de 20 gramos por quilo de fariña.

- A temperatura ideal de levedado está ao redor do 26ºC. Se estamos no inverno podemos dar un golpe de calor ao forno para que alcance uns 30ºC e meter tanto o bol coa masa no primeiro levedado, como os panciños xa formados e preparados para o segundo levedado. No verán non adoita ser necesario, pero todo dependerá da temperatura que haxa na nosa cociña. Se sodes afortunados e o voso forno ten esta función (levedar) ou ben inclúe unha unidade de levedado, pois ese é o mellor sitio, porque recrea as condicións óptimas tanto de temperatura como de humidade para un levedado perfecto.

- En lugar de facer 8 panciños pódense facer 16 panciños máis pequenos, pero hai que ter en conta que o tempo de forno pode variar segundo sexa o seu tamaño. Se optamos por facer dous tamaños diferentes (por exemplo, 6 panciños grandes e 4 pequenos) é conveniente enfornalos en dúas quendas, unha cos grandes e outra cos pequenos.

- Se non se van a comer todos recentemente enfornados, pódense conxelar. O mellor é conxelalos en canto arrefríen do todo.

- Tamén se poden pincelar con leite en lugar de auga, aínda que non é necesario. O que non se debe usar para pincelar é ovo batido, porque deixaría unha capa brillante máis parecida á dun pastel.

O dito, uns pans realmente bos, e que valen tanto para comer unha boa hamburguesa, como para facer calquera outro tipo de bocadillo.

luns, 30 de setembro de 2013

Tapas&Blogs en Adegas Morgadío

O pasado 14 de setembro tiven a oportunidade de asistir a unha nova edición de Tapas&Blogs Galicia na adega que ten o grupo Reboreda Morgadío no pobo de Albeos (Crecente).

O concello de Crecente atópase na comarca da Paradanta e, a pesar de que non é unha comarca costeira, o viño de Morgadío atópase amparado pola DO Rías Baixas, dentro da subzona do Condado do Tea. O feito de que as cinco subzonas que conforman esta denominación non estean, ás veces, nin sequera próximas entre elas, fai que o viño que se elabora en cada unha delas teña os seus propios matices, pero todas elas manteñen a uniformidade en canto a clima atlántico suave e húmido, e a que en todas elas goberna unha raíña indiscutible: a uva albariño.

Uva albariño
A orixe desta variedade de uva non se sabe con certeza. Hai quen se decanta pola teoría dos monxes cistercienses que a trouxeron desde centroeuropa ao mosteiro de Armenteira, na comarca do Salnés, alá polo século XII, e que aí puideron comprobar a excelente adaptación desa variedade de vide á zona. E hai quen opta pola teoría de que é unha variedade autóctona de Galicia.

Teorías aparte, o que si é seguro é que a día de hoxe, o viño albariño é, xunto co cava catalán, o viño branco máis coñecido (e apreciado) fóra das nosas fronteiras. En Adegas Morgadío son conscientes diso, por iso non descansan no empeño de seguir abrindo mercados internacionais da man de Ana Méndez, directora de exportación, e Jacob Sanjurjo, director comercial. Un dos países onde máis aceptación teñen os viños de Morgadío é Estados Unidos, onde publicacións especializadas tan prestixiosas como Wine Spectator (novembro 2005) ou Food&Wine (outubro 2006), entre outras, encomiaron as súas virtudes.

A viña que Adegas Morgadío ten en Albeos alcanza actualmente unha extensión de 60 hectáreas, dedicadas na súa práctica totalidade ao cultivo da variedade albariño.

Durante a nosa visita á viña, puidemos ir probando as uvas dentro de tres cotas de altura ben definidas: leira baixa, leira media e leira alta. A pesar de que sempre era uva albariña, podíase apreciar perfectamente a diferenza de sabor, de acidez, existente entre as uvas das distintas cotas, debido non só á altura, senón tamén á composición do chan.

Jacob Sanjurjo e Rubén Amorín
Ao finalizar a visita á viña, tocou porse a "traballar". E o traballo consistía en catar os viños producidos a partir das tres zonas diferenciadas dentro da viña, e mesturalos nunha proporción determinada, de modo que puidésemos decidir entre todos o coupage que máis nos gustase.

Servindo as diferentes mesturas
E tras as deliberacións, chegaron as votacións e o coupage gañador.

Jacob e Ana co coupage gañador
Este coupage daría lugar á gran sorpresa que nos tiñan preparada na adega: o lanzamento para a venda de 600 botellas do viño "Morgadío Tapas&Blogs" a través da páxina de venda on-line de Reboreda Morgadío, que estará a punto nos vindeiros días.

Firma dos "mestres mesturadores"...

... e manifesto.
Trátase dun viño da colleita de 2012, 100% albariño, e que os asistentes a este evento xa puidemos degustar xunto co xantar na propia adega.

Ana Méndez, co Morgadío Tapas&Blogs
Pero antes do xantar, Ana e Jacob acompañáronnos pola adega e polas súas instalacións, que estaban a punto para empezar a recibir as uvas de 2013 e empezar a producir o tan desexado caldo.

Visita á adega
A comida correu a cargo do restaurante Os Pirús, da veciña localidade de Arbo. Como entrantes tomamos empanada de zamburiñas e uns excepcionais berberechos ao vapor, acompañados do viño Morgadío Tapas&Blogs.

A continuación unhas deliciosas ameixas á mariñeira.

E como prato principal, un rolo de carne coa súa guarnición.

De sobremesa tomamos a xa famosa torta de filloas que tantas veces comín no restaurante xunto cos meus compañeiros de traballo, e da que tentei facer a miña propia versión, aínda que teño que confesar que non cheguei nunca a igualar o orixinal. A torta ía acompañada dunha bóla de xeado e uns froitos vermellos. Unha delicia.

Foi, en definitiva, unha xornada entrañable, de reencontro de bloggers, e de reencontro tamén cos anfitrións Ana e Jacob despois do anterior encontro de gastrobloggers no Ribeiro, en setembro de 2012.

Gustaríame dar as grazas aos organizadores, Rubén Amorín de Ni mata ni engorda, Carmen Albo de Guisándome la vida; aos anfitrións Ana Méndez e Jacob Sanjurjo, pola paixón e por agarimo que senten polo viño que producen, e que tan ben saben transmitir aos demais; e ao resto de bloggers cos que compartín esta experiencia: Berta Castro, de El sabor de lo dulce, Marta Valcarce de Travi en la cocina, Sandra Novo de Galletas para Matilde, Laura Eiriz de La cocina de Mezquita, Alberto Ribas de Máis grelos, Mercedes Blanco de Aprendiz de Chef, e Inés Banet de Matibascorner.

Aquí queda a foto de grupo ao finalizar esta estupenda xornada...

venres, 23 de agosto de 2013

Sandía con caramelo balsámico

A cousa vai de receitas sinxelas, de poucos ingredientes, pero cun resultado sensacional: Sandía con caramelo balsámico.

A sobremesa de hoxe está sacado do libro La comida de la familia, de Ferran Adrià e o equipo de El Bulli (RBA, 2011, páx. 84-85).

De Ferran Adrià non vou contar nada novo, pero deste libro podo dicir que nel non aparecen as receitas supersofisticadas do restaurante senón as que comía a xente que traballaba alí, de aí o nome de "a comida da familia". As receitas veñen estruturadas de tal maneira que se pode preparar un menú de tres pratos simultaneamente, de primeiro prato, segundo e sobremesa, e coas cantidades para 2, 6, 20 ou 75 persoas, xa que é un libro pensado para cociñar na casa e tamén para profesionais da hostalaría. Ademais das receitas tamén vén un apartado de consellos e trucos para organizarse tanto na cociña doméstica como na profesional.

A protagonista principal desta receita, a sandía (Citrullus lanatus) é unha planta pertencente á familia das cucurbitáceas, orixinaria de Paquistán (o seu nome en árabe é sindiyyah, de Sind, rexión de Paquistán) aínda que o seu cultivo, a día de hoxe, está amplamente difundido por todo o mundo. Chegou a España da man dos árabes.

Moi apreciada no verán debido ao seu alto contido en auga (máis do 90%) e por ter poucas calorías. Contén gran cantidade de vitamina C e de minerais. Como curiosidade dicir que a cor vermella da súa pulpa de debe ao licopeno, ao que tamén deben a súa cor vermella os tomates.

Sandía con caramelo balsámico

INGREDIENTES (para 2-3 persoas):
- Un anaco de sandía de 1 quilo aprox.
- 50 gramos de azucre
- O zume dun limón
- 8 caramelos balsámicos duros

PREPARACIÓN:
1- Cóllese a sandía e vanse sacando boliñas co utensilio apropiado. Vanse depositando nun bol amplo. Se a sandía ten sementes negras haberá que sacarllas.

2- Engádese o azucre, o zume de limón e cinco dos oito caramelos machucados (os outros tres resérvanse para o momento de servir). Remóvese todo con coidado de non esmagar as bólas de sandía e métese na neveira até a hora de tomar a sobremesa.

3- Á hora de servir, vanse botando as boliñas de sandía en cuncas individuais, con algo do líquido da sandía (aínda que sen chegar a cubrir as boliñas de sandía). Por último, machúcase un caramelo por cada cunca que se vaia a servir e bótase por encima.

PUNTUALIZACIÓNS:
- En lugar de ir sacando boliñas pódese cortar a sandía en liscos e ir cortando anaquiños do tamaño adecuado para un bocado.

- Se as sementes da sandía son negras hai que sacarllas porque son moi duras. En cambio, se son brancas ou marróns pódense deixar. De todos os xeitos, esta sobremesa queda mellor presentada se non leva ningunha semente. Tamén se pode comprar sandía sen pebidas, co que nos aforraremos o traballo de ter que sacar as sementes. As sandías sen pebidas non teñen por que ser necesariamente transxénicas e son máis duradeiras que as sandías con semente, por ser precisamente a pulpa ao redor das sementes a primeira en empezar a podrecer.

- Por caramelo balsámico enténdese os caramelos de eucalipto mentolado de toda a vida, os que deixan a boca doce e fresca, e o nariz despexado. É importante que sexan dos duros. Poden ser con azucre ou sen azucre.

- Pódense machucar os caramelos sen o envoltorio ou co envoltorio. Se se machucan co envoltorio hai que ter coidado de non machucalos demasiado para que non se mesture parte do papel que os recubre co propio caramelo. O mango dun coitelo grande servirá para este labor.

- As cantidades van ao gusto e pódense variar. Se a sandía é bastante doce pódese botar menos azucre. A cantidade de limón tamén é orientativa, así como a cantidade de caramelo balsámico. Se nos gusta este tipo de caramelo e a sensación de frescor na boca podemos botar máis.

- No libro pon os anacos de sandía sobre unha fonte con xeo picado e botan o caramelo balsámico por enriba.

Unha sobremesa ideal para os días de moita calor porque é superrefrescante. Ademais, pódese preparar con bastante antelación e terminalo no momento de servir. Pódese pór en tuppers individuais e levalo á piscina ou á praia.

So simple, so cool!!